Opinión

Encol da democracia e a cuestión nacional

Vivimos en momentos nas que palabras como esquerda, nacionalismo, democracia, socialismo... foron perdendo boa parte do valor que tiveron durante máis dun século. Neste período os países occidentais reclamáronse como berces e redutos da democracia, ou sexa que estarían ao servizo do povo, cando por exemplo, nas últimas décadas, co neoliberalismo, os procesos electorais fóronse degradando, xa que o poder económico conta con recursos como o control absoluto dos medios de comunicación hexemónicos que inciden moito tanto na formación da conciencia social, como nos resultados electorais. 

Unha terxiversación da información e dos procesos que se podería corrixir con medios públicos de masas, un código ético que respecte a pluralidade, e con tempo gratis en todos os medios para os partidos cun mínimo de representación (e sindicatos e organizacións sociais...). Tampouco se pode obviar que o propio feito de que existan monarquías “democráticas” amosa unha contradición xa que os xefes de estado non son electos e non renden contas á sociedade (Estado Español, Países Baixos, Suecia,...). Por se non abondase, en case que todos os estados o sistema non é proporcional e directo, favorecendo aos grandes partidos sistémicos (Francia, Reino Unido, Estado español...).

Con respecto á cuestión nacional santificáronse as fronteiras herdadas da correlación de forzas da Segunda Guerra Mundial, das divisións coloniais, dándolle valor a manter conxelado este estado de cousas coa escusa de que se garante a paz, malia que o mundo esta inzado de conflitos, e que non se conta coa vontade das persoas de moitas das nacionalidades que habitan os territorios. Só se racha esta norma cando se trata de nacións que non forman parte ou se consideran belixerantes coa hexemonía occidental ou outras grandes potencias (ex-Igoslavia, URSS, China...). Segundo sexa o caso favorecese ou negase a plena soberanía co obxectivo de debilitar o peso dun bloque de estados plenamente soberanos que cuestionen o mundo unipolar.

A Ucraína é un caso paradigmático destas contradicións. Por unha parte ten todo o dereito a exercer a plena soberanía (por exemplo separarse da URSS e constituír un estado propio). Mais pola outra, non se pode ignorar que no territorio actual recoñecido pola ONU existen importantes minorías nacionais de rusos, rumanos, húngaros, polacos... que os últimos governos da dereita neofascista en Kiev descoñecen e mesmo perseguen,... Daquela que os acordos de Minsk para dar solución á problemática coa concesión dunha ampla autonomía ao Dombass só se utilizase por parte de Kiev para gañar tempo. Hai detrás desta actitude unha visión subimperialista que por unha banda segue os mandatos de Estados Unidos, e pola outra, exerce a máxima presión sobre as “minorías nacionais” internas. Unha postura contraría a do nacionalismo dos povos oprimidos que reclaman o dereito á soberanía nacional para todos, teñan ou non hoxe estado propio. Unha soberanía que se pode concretar tanto na independencia como nunha confederación, segundo o decida a povoación.

Hai polo tanto dous xeitos de dar solucións que recoñezan e respecten como unha riqueza da humanidade a diversidade étnica, cultural, lingüística... das nacionalidades existentes. Por unha banda están aquelas que ocupan unha situación de poder nun territorio determinado, descoñecendo ao que consideran minorías todos os dereitos ou parte deles, e ou utilizando o aparello do Estado e os poderes facticos con este fin, converténdose deste xeito na práctica nun nacionalismo opresor, aínda que hai pouco tempo non o fose. Hai outro nacionalismo, que está nas antípodas, aquel que xurde dos povos oprimidos co obxectivo de defender a identidade nacional, sen máis ánimo que lograr un trato de igualdade en todos os ámbitos. Ou sexa, un nacionalismo solidario. En resumo, deben ser os povos de Crimea, o Dombass,... os que decidan seu futuro... si se independizan ou con quen se unen nunha confederación. Ren hai máis elementalmente democrático. A UE carece de credibilidade abondo, cando, ademais de normas electorais feitas a medida das clases e nacionalidades dominantes, os governos aceptan tan alegremente ceder competencias a Bruxelas e seguir os ditados de Washington, e negan que moitas nacionalidades-povos que integran seu territorio decidan nun referendo seu destino.

Comentarios