Opinión

O electoralismo deixa espidos o españolismo e a dereita nacionalista

A elección da mesa da Cámara de Deputados/as no Parlamento español deixa ao descuberto as contradicións, as escenificacións calculadas e os dobres xogos. E como novidade desta conxuntura, os espellismos na esquerda (tamén a nacionalista), que foron teorizados como unha oportunidade única para un cambio rápido e alegre. Unha transformación do sistema sen sacrificios, conquistada polas novas forzas emerxentes a través do voto e das institucións. Unha folla de ruta que en pouco tempo se verifica como errada, como un espellismo, e que ademais terminou fortalecendo a fracción máis conservadora das clases dominantes. O control que vai ter a dereita españolista sobre a Mesa da Cámara de Deputados e do Senado, grazas no primeiro caso a existir unha proposta negociada suficiente da oposición, semella o anuncio dun futuro Governo do PP en alianza con Ciudadanos. 

A pregunta que nos debemos facer todos e todas é, se esta coaligazón conservadora significará unha viraxe cara á moderación ou á posturas aínda máis á dereita? Dende o meu punto de vista, e para alén dunha hipotética loita contra a corrupción defendida por Rivera, máis na forma que no contido xa que esta é funcional ao capitalismo, o pacto pode significar novas regresións no laboral e nas competencias autonómicas. Medidas estas que poden formar parte da letra pequena do acordo entre ambos os partidos, xa que acelerar procesos de recentralización nestes temas é consubstancial co ADN de Ciudadanos. Porén, mesmo que non fose así, a propia dinámica das decisións tomadas polo PP (e tamén o PSOE) seguirán fortalecendo a economía de escala (máxime apoiando o TTIP), así como dando azos á privatización e redución do sector público, e a medidas que limitan os dereitos democráticos, e restan competencias ás nacións periféricas. 

Esta coaligazón conservadora significará unha viraxe cara á moderación ou á posturas aínda máis á dereita?

Sen dúbida, Ciudadanos xoga a agochar a súa verdadeira identidade, dado que naceu hai pouco e arroupado polos medios, e procura votos tanto no celeiro da dereita como no da socialdemocracia españolista. Non é o caso do PP de Rajoy que demostrou nestes catro anos con toda claridade que intereses serve, mantendo posturas agresivas contra a clase traballadora e as nacións sometidas. Polo tanto, resulta incomprensíbel que haxa partidos nacionalistas, como o PDC e PNV, que contribúan a outorgar maioría na mesa do Congreso á dereita españolista. Dise que o fixeron en troco de cesións económicas e grupo propio no Parlamento (caso do PDC). Pode ser, mais o que isto amosa é que os intereses empresariais e de partido están por riba das reivindicacións nacionais e populares. Non son forzas das que se fiar.

Dos feitos analizados xorden preguntas que non son secundarias para o nacionalismo galego, dado que para algúns estes países son exemplos a seguir. Non significa este préstamo de votos un paso atrás a prol da independencia de Catalunya? Non hipoteca esta postura os intereses das clases populares en Cataluña e Euskadi? Hai quen dirá que as institucións son secundarias. Porén, de selo, por que apoiar o inimigo máis belixerante, aínda que sexa unha decisión táctica? Convén lembrar que isto permite comprender porque historicamente o nacionalismo (e os movementos de liberación), construíron frontes só en situacións moi conxunturais e decisivas, por exemplo a invasión de China polo Xapón ou do Vietnam por Francia. Foron frontes non exentas de contradicións e mesmo de conflitos armados. Ademais, unha cousa é unha fronte e outra unha organización interclasista. Na primeira, as partes non renuncian ao seu programa, polo que os partidos de clase  fan da democracia popular un aspecto fundamental. Na segunda opción, búscase a conciliación de clases, renunciando a cambios sistémicos, a eliminar a explotación. A igrexa propiciou estas organizacións interclasistas, de conciliación; en realidade, de submisión da clase traballadora ao programa da burguesía.

Non significa este préstamo de votos un paso atrás a prol da independencia de Catalunya?

Agora ben, mesmo se o PSOE e Podemos presentaron unha alternativa á presidencia da Mesa, está claro que esperaban que este fose o resultado, xa que por algo non pactaron co nacionalismo, necesario para acadar unha maioría. Deste xeito o PSOE líbrase de ter que decidir entre formar un Governo alternativo, pactado con Podemos e co nacionalismo vasco e catalán, ou ter que apoiar a PP-Ciudadanos, absténdose. Así este traballo suxo facíallo o nacionalismo de centro dereita, evitando o conflito interno e ter que apoiar medidas que Bruxelas considerase como belixerantes coa globalización. Esta actitude derrotista do PSOE non é doada de explicar aos sectores máis politizados e teralle custes electorais (cos que xa contan, como mal menor), polo que lle botarán un chisco de teatro propoñendo no Parlamento botar abaixo determinadas leis ou parte delas que son un ataque evidente aos dereitos das clases populares (LOMCE, Lei mordaza, reforma laboral, etc). Os descontentes engrosarán a abstención. 

Podemos e confluencias queren botar balóns fóra con esta candidatura de oposición nacida para o fracaso

Tamén Podemos e confluencias queren botar balóns fóra con esta candidatura de oposición nacida para o fracaso. Malia que esta forza perdeu moita da súa capacidade de atracción, e irá reducindo o seu espazo ás persoas que no seu día chamabamos progres, aos descontentes políticos pasivos, e ás xentes dependentes de Internet, non se pode ignorar que a esta altura ten o apoio dun sector numeroso da sociedade. Porén xa non son decisivos. A incógnita é ate que punto serán capaces de manter o voto desa fracción da clase traballadora que os apoiou ilusionada pola inmediatez da ruptura? Porque sen contar coa maioría da clase traballadora, sen mobilización e organización, non existe posibilidade de disputar á dereita a hexemonía nas institucións, como acaban de amosar con toda crueza os últimos procesos electorais. O fracaso da folla de ruta electoralista, que graficamente Pablo Iglesias definía como a conquista do ceo, contando co apoio de peóns como Anova e outras forzas, rexeitou a mobilización. Mais, esta vía revelouse morta, aínda que sexa quen de manter un gran peso. Canto e por que tempo? Dependerá de Podemos e confluencias e do que fagan as forzas coas que se disputan o espazo político, especialmente o nacionalismo de esquerdas, moi afectado por este espellismo.

No concreto, o ascenso de Podemos, da política virtual, deu azos á recuperación da dereita política

Por último, resulta evidente, máis unha vez, que os erros teñen custes. Neste caso, ademais do retroceso da mobilización social e laboral e de debilitar a militancia sindical e partidaria, no concreto, o ascenso de Podemos, da política virtual, deu azos á recuperación da dereita política, malia que está enmerdada na corrupción, e tomou todo tipo de medidas regresivas. Polo tanto, a cobertura de certos medios de comunicación non foi gratuíta. Tampouco axudou á formación da conciencia darlle un carácter subalterno á organización, ao debate do proxecto e á mobilización. Fíxose da transgresión nas formas e nas institucións un sinónimo de cambio, enchendo as intervencións de palabras bonitas sen contido político, deixando de lado, aínda que se nomeasen, os problemas de fundo, aqueles que son causa da explotación e da opresión, eses que confrontan coas clases dominantes. É positivo rachar cos formalismos, cos estereotipos impostos polo sistema, mais facer bandeira disto, unha e outra vez, sen ir máis alá, termina deixando un pouso de carallada, de fraude, de carencia de folla de ruta para o cambio. En fin, os vindeiros meses darán moito de si en política. Para avanzar cómpre analizar, tirar conclusións, socializar os obxectivos e o papel de cada partido, e mobilizar. Para o nacionalismo patriótico isto sempre é o estratéxico. 

http://manuelmera.blogaliza.org/