Opinión

Eleccións xerais anticipadas?

Xa teño opinado sobre este tema o pasado mes de xuño neste xornal e, aínda que nunca se pode desbotar a posibilidade de que o independentismo catalán termine votando a prol dos orzamentos de PSOE-Podemos, a esta altura esta semella unha opción remota. Ante todo, porque as reivindicacións sociais non se poden desligar das democráticas, e moito menos contrapoñelas, como sería o caso, especialmente na situación de Cataluña. Aceptar retrocesos nas liberdades a cambio de máis medios económicos e sociais sería hipotecar o futuro, máxime cando ningunha das propostas do pacto PSOE-Podemos potencia a organización social e política, e fortalece o protagonismo popular. 

Todo fai pensar que tanto o PSOE como Podemos están a facer campaña pre-electoral, cada un no seu estilo e para o seu electorado. Así o reflicten as medidas pactadas e a escenificación posterior ao acordo. Pedro Sánchez non fixo un só aceno, antes e despois da sinatura, con vascos e cataláns para ter garantida a maioría necesaria, e deixou ese papel a Pablo Iglesias. Con algunha protesta menor polo protagonismo que este collía no tema, para que non se pensase que perdía a iniciativa. Evita así queimarse fronte ao electorado de centro e conservador no conceito de Estado. Un sector que busca disputar coa dereita (PP e Ciudadanos), mediante as medidas pactadas para o orzamento de 2019. 

A presentación na UE dos orzamentos, así como premer aos partidos vascos e cataláns para que apoien a proposta esquecendo os/as presos e exiliados políticos, busca fortalecer no subconsciente colectivo que son propostas para governar, non un engado que se converterá en fume despois das eleccións. Unha postura que forza ao límite o contexto político actual, ao que lle axuda a oposición esquemática da dereita e a dinámica burocrática da UE. Ademais está escenificación quere amosar a afouteza de conseguilo sen facer concesión ao independentismo. E, se ao final non é posíbel, se hai que convocar eleccións, será responsabilidade da dereita e o independentismo. Neste último caso utiliza a escusa da separación de poderes, obviando a relación coa fiscalía do Estado, a mesma que acaba de recorrer o rexeitamento da monarquía polo Parlamento Catalán a iniciativa do Governo.

O aceso ao Governo do PSOE, o pacto con Podemos, e a convocatoria de eleccións anticipadas, favorece especialmente os socialistas (hai tempo transformados en social-liberais). Pretende agrandar a súa base polo centro e restar os votos que poda a Podemos, porén especialmente o primeiro, porque o partido de Pablo Iglesias pódelle ser necesario para obter a maioría no Parlamento (claro que canto menor sexa a dependencia mellor). 

O aceso ao Governo do PSOE, o pacto con Podemos, e a convocatoria de eleccións anticipadas, favorece especialmente os socialistas

 

O PSOE sabe que non lle vai restar votos aos partidos nacionalistas, tanto en Euskadi como en Cataluña, outro escenario é o que se presenta na Galiza, onde un retroceso de En Marea pode afectar especialmente a perna nacionalista da coalición (Anova, Cerna e outras siglas). En Cataluña as enquisas apuntan a que ERC vaise converter na forza máis votada (seica tamén en Barcelona). Ten súa lóxica, porque é un partido cunha folla de ruta axeitada para esta correlación de forzas. Coido que as CUP e PDCAT móvense no ámbito do idealismo, nun caso confundindo obxectivos con principios e no outro facendo unha valoración de hipotéticas virtudes da UE, que están no ámbito do idealismo, como a de que viría en résgate da democracia ligada aos dereitos nacionais dos povos oprimidos. 

Pola súa banda, Pablo Iglesias e a súa equipa queren demostrar, a aqueles sectores da esquerda do PSOE, que aínda que non sexan quen de facer a revolución por Internet, e asaltar o poder en dous días, son eficaces e necesarios para que o PSOE xire á esquerda, e se vexa obrigado a realizar políticas máis sociais. A proba sería o acordo orzamentario para 2019, cun aumento do 22% no salario mínimo, apertar algo na fiscalidade das corporacións, e algunhas outras medidas de menor entidade económica, porén importantes para un discurso centrado na diversidade do suxeito social, do que fai causa de Podemos (malia que sexa a costa da eficacia da loita contra o capital). Sen dúbida este partido é quen máis difícil o ten para vender a súa marca e tirar rédito do pacto orzamentario, prometeu un cambio rápido; en troques o PSOE ten a vantaxe de que a súa base e votantes non esperan moito máis da súa xestión. 

Pablo Iglesias e a súa equipa ignorou no pacto as reivindicacións das nacionalidades históricas. Neste aspecto teñen razón as criticas que fai o BNG, aínda que non lles restaría contundencia que recoñecese os aspectos positivos do acordo no ámbito laboral e social. Evidentemente, sen deixar de destacar que fican a metade de camiño, por exemplo, no relativo aos convenios máis favorábeis, ou a que as pensións non recobren o perdido durante a crise, ou en relación a non propoñer unha estratexia para reverter as privatizacións nas xestións dos servizos públicos. Tampouco se menciona entre os obxectivos da lexislatura a cuestión dun modelo de Estado que recoñeza as nacións que o integran, e aspectos máis urxentes como dar saída ao conflito en Cataluña, etc. 

Pablo Iglesias e a súa equipa ignorou no pacto as reivindicacións das nacionalidades históricas

 

En resumo, todo apunta a que se poden convocar eleccións anticipadas, nas que o PSOE fique como primeira forza, e poda conseguir maioría absoluta co apoio exclusivo de Podemos. Daquela, sería un triunfo para Pedro Sánchez e, aínda que baixe en representación Podemos, tamén para Pablo Iglesias que vendería ser a forza imprescindíbel para governar, freando a tendencia descendente da súa forza. Remataría así a súa transformación nun partido sistémico. Se é que algunha vez, para alén do discurso, pretendeu realmente ser outra cousa. Por certo non é a única forza que sufriu nas últimas décadas unha transformación semellante, o que chama a atención é a rapidez. As preguntas máis difíciles de contestar son: manteríase ou gañaría representación o independentismo catalán?  Na Galiza o PP perdería á maioría absoluta, cal sería a segunda forza, e que representatividade tería o nacionalismo? 

Gañe quen gañe no Estado (aínda que non sexa o mesmo), todo reflicte que o nacionalismo galego ten como primeira tarefa en calquera contexto fortalecer a auto-organización. Non hai posibilidade de conquistar a soberanía nacional sen que as forzas sociais e políticas nacionalistas sexan hexemónicas. Polo tanto, como aspecto imprescindíbel da folla de ruta, cómpre repensar a relación entre as organizacións do ámbito nacional galego, buscando complicidades e a unidade na mobilización, nos obxectivos, e avanzar nun cambio na correlación de forzas no ámbito social e político. Ou sexa, que os intereses populares e nacionais estratéxicos primen sobre a xestión e o táctico, e que o estratéxico vaia sempre ligado á construción do suxeito político liberador. E para que así sexa, semella esencial que o institucional non sexa máis que unha parte do proxecto, impedindo que suplante a mobilización social e o protagonismo popular.

O nacionalismo galego ten como primeira tarefa en calquera contexto fortalecer a auto-organización

 

As eleccións anticipadas non serán positivas para o nacionalismo galego, se todo o aposta aos resultados electorais. Sería un erro. Os atrancos e eivas, propios de quen non controla os aparellos do sistema, só se superan cando existe unha folla de ruta centrada na mobilización, na conciencia nacional popular, no protagonismo a todos os niveis das clases populares.