Opinión

Eleccións no País Vasco e Galiza con garantías

Todo facía pensar que o Governo central tería moi complicado alongar outra quincena o Estado de Alarma, e que en caso de conseguilo, seríalle practicamente imposíbel facelo máis noutras dúas oportunidades, tendo en conta como tiña planificado a desescalada. Porén, o acordo con Ciudadanos e co PNV fai pensar que non se trata dun pacto cinguido exclusivamente a esta primeira fase da desconfinamento, senón que abrangue todo o proceso, cando menos para os vascos, aínda que digan o contrario. Estes conseguirían co acordo pactar a desescalada no País Vasco, con todo o territorio na fase un o vindeiro 11 de maio, e sobre todo lograrían o arroupe do Estado para poder realizar as eleccións autonómicas en xullo. Pola súa banda o Governo central consigue non depender tanto do bloque soberanista de esquerda, co isto implica respecto das políticas centralistas e dunha reconstrución virada á esquerda.

Por certo, as eleccións en xullo, até hoxe, non contan co apoio de todos os partidos con representación parlamentar (especialmente Bildu), xa que non ven garantidas a participacion de todos os electores/as e para realizar unha campaña con certa igualdade de condicións. Ao PNV en principio favorécelle que é o partido que partía como gañador antes da pandemia, e que durante este período non se cansou de “chupar” cámara. Ou sexa, conta cos mesmos pluses que Pedro Sánchez e Núñez Feijóo, cada un no seu ámbito especifico. Polo tanto non sería de estrañar que o Presidente da Xunta de Galiza, despois de escenificar unha reunión coa oposición sobre o tema, decida optar por realizar as eleccións tamén en xullo, máxime cando a coincidencia co País Vasco xa foi usada como escusa na falida convocatoria de abril.

O argumento que se utilizan para realizar as eleccións antes de que finalice a lexislatura sería que facelas posteriormente carece de apoio legal, xa que non se podería seguir a governar co Parlamento disolvido (a Deputación Permanente está en funcións). Porén, a cuestión de fondo non é cando se van realizar, senón que, mesmo procurando que sexan o máis pronto posíbel, deben ofrecer todas as garantías para que podan participar todos e todas aquelas que o desexan e protección sanitaria. E sobre todo, que todos os partidos que se presenten ás eleccións deben ter as mesmas oportunidades para socializar o seu programa electoral.

No primeiro dos aspectos pode axudar moito alentar e facilitar o voto por correo, ademais de garantir a máxima protección sanitaria nos lugares de votación (maior número, máis espazo...). Agora ben, o aspecto esencial, o que está máis en xogo despois de meses de confinamento e dunha mensaxe centralizada, reproducida polos medios públicos e privados, reside en garantir que todos os partidos podan socializar o seu programa asegurando un chanzo de mínimos. Pensemos en que, todo indica, que aínda existiran limitacións de asistentes nos actos electorais, e polo tanto os medios de comunicación e as redes terán unha incidencia moi superior a outras campañas. Sendo así o democrático sería que se contemplase como esencial, dende os organismos que poñen as bases e fiscalizan a campaña, a realización nos medios de comunicación públicos e privados de múltiples debates, entrevistas e espazos, para que os partidos presenten as súas análises e propostas.

A desescalada está forma parte do proceso contra o covid-19, e como moitos especialistas afirman, é a etapa máis complexa porque nesta fase as persoas, as organizacións e empresas, teñen un protagonismo fundamental que dependerá en boa medida da clarificación dos obxectivos e da folla de ruta. Polo tanto o voto non pode ficar reducido ao debate da xestión da pandemia, para alén da necesidade de valorar os antecedentes, senón que esencialmente debe estar enfocado nas propostas sobre a mellora do sistema sanitario e á reconstrución da economía. Ou sexa, sobre o reparto dos ingresos e do emprego, da súa dignificación, e de cambios que fortalezan a convivencia entre as nacións e respecte a natureza. Un modelo oposto a todo tipo de opresión, explotación.

https://obloguedemera.wordpress.com/