Opinión

Eleccións, o que nós din as enquisas

Nun artigo que fixen para este medio o pasado mes de febreiro destacaba que o BNG ía medrar en representación nas eleccións que daquela estaban convocadas para o mes de abril, e evidentemente  isto abríalle á fronte unha nova oportunidade para ser no futuro a forza de referencia da clase traballadora e da mocidade. Tamén dicía naquel artigo que aínda que as enquisas daban moitas posibilidades a un triunfo do PP que este non estaba garantido, tendo en consideración o resultado das eleccións xerais na Galiza e que a esquerda (no senso amplo do termo) governaba nos concellos sobre unha maioría da povoación

A suspensión das eleccións pola pandemia do covid-19, e sobre todo o confinamento e a desescalada, mudaron a actitude dunha parte do electorado, polo que neste intre todo parece indicar que Núñez Feijóo obterá unha nova maioría absoluta. Este resultado non se debe aos méritos da súa xestión, abonda con ollar para o retroceso demográfico que reflicte falta de emprego, precariedade e baixos salarios, e mesmo á situación sanitaria durante a pandemia. Seu triunfo, de darse, sería produto dos erros e eivas da parte da oposición ligada coas políticas do Governo central, refírome ao PSOE e UP+EU+Anova.

É verdade que a pandemia colleu por sorpresa a todos os governos, polo que houbo moito de improvisación, aínda que non en todo

É verdade que a pandemia colleu por sorpresa a todos os governos, polo que houbo moito de improvisación, aínda que non en todo, por exemplo en escoller a provincia e non a autonomía como circunscrición de referencia e en quitarlle a estas as competencias en materia sanitaria durante o confinamento. Neste aspecto venceu o centralismo, por iniciativa do PSOE e o seguidismo de Unidas Podemos, non puido haber actitude máis centralista, xa que a mensaxe subliminal era que:  en momentos graves, fundamentais, é necesario un mando único dende Madrid. Agora ben, para alén do confinamento, que era unha decisión dura porén necesaria, o que resulta difícil de entender para moita xente é que nos ERTEs os salarios a cobrar fosen dun 70%, especialmente para os que teñen ingresos máis baixos, e que aínda hoxe haxa persoas que non o cobrasen. Sucederá outro tanto co Ingreso Mínimo Vital?

Ou sexa, ideas positivas, que pretendían cubrir aos sectores máis débiles perderon boa parte do seu mérito político na posta en práctica. Tamén foron quedando polo camiño as derrogacións das reformas laborais, agás algún aspecto en tramite como o despedimento por enfermidade, e outro tanto está a suceder coa Lei Mordaza, o artigo 315.3 de Código Penal, e con reformas fiscais que pretendían terminar cos favores ás grandes empresas, fortunas e corporacións dixitais, e gravar a especulación financeira, etc. É verdade que a oposición patronal e dos partidos da dereita é moi forte, porén para alén da leria o que fica na conciencia de moitas persoas é que o Governo evita a confrontación, aínda que Pablo Iglesias queira de cando en vez darlle aire ao tema. Tampouco se pode obviar que tanto o PSOE como UP+EU+Anova carecen na Galiza de candidatos que ofrezan unha mensaxe atrevida, capaz de liderar o cambio, viven supeditados de Madrid, ou iso parece.

Sobre as debilidades da oposición estase a construír a nova maioría do PP, acompañada dun control importante sobre os principais medios

Sobre as debilidades da oposición estase a construír a nova maioría do PP, acompañada dun control importante sobre os principais medios, e dun teleteatro de moderación conxuntural, e pode que dalgunhas frases dosificadas de amor pola Terra, con bagoas contidas se fixese falla. Tanto a enquisa do CIS como a de Sondaxe confirman esta tendencia, aínda que nunca está todo dito até o día das eleccións. Que un terzo das persoas segundo o CIS aínda non decidise o voto é lóxico, xa que unha porcentaxe importante correspondese cos que non votan. A menos que sse reduza a abstención, que sempre foi a chave para o movemento nacional popular galego.

Polo tanto a esta altura a principal incógnita está en como se reparte a representación na oposición, se o BNG segue achegándose ao PSOE e canto se funde UP+EU+Anova. Que o BNG acade unha importante representación é un paso moi positivo para Galiza, porque dende a oposición no Parlamento e na rúa tamén se poden forzar cambios e deter desfeitas, e a práctica mobilizadora do nacionalismo de esquerda é indiscutíbel, a cuestión estaría nas prioridades e na capacidade para que converxan os conflitos e accións reivindicativas, e na ampliación do activismo organizado.

https://obloguedemera.wordpress.com/

Comentarios