Opinión

Eleccións ou governo de tecnócratas?

Como era de esperar Rajoy non acadou os apoios necesarios para a presidencia, xa que cos votos de Ciudadanos e Coalición Canaria non chegaba. Algo que o Partido Popular sabía, non son tan parvos. Polo tanto, a táctica da dereita semella ter como finalidade erosionar o PSOE e Podemos, e sobre todo o soberanismo periférico. Para que triunfe esta táctica abondaría con que uns poucos deputados non seguisen a consigna de Pedro Sánchez, neste proceso ou nun posterior. No caso de fracasar esta vía, procurarán obter, nunhas terceiras eleccións, unha maior representación que lles permita, malia que non lles garanta a maioría, presentarse como a única forza en ascenso, co que isto ten de simbólico.

Hai que recoñecer que Rajoy non tiña marxe para pechar acordos á súa esquerda. Nen sequera cambios mínimos no económico-social como serían: derrogación da reforma laboral, maiores cargas fiscais aos altos ingresos e grandes fortunas, eliminar a redución e privatizacións de servizos esenciais, etc. Tampouco mantivo unha actitude dialogante na cuestión nacional. Non foi unha cuestión persoal. Estes cambios significarían neste intre posturas contraditorias cos intereses das clases dominantes que el representa. Asemade, o pacto con Ciudadanos foi unha nova volta de porca programática na centralización e na transferencia de ingresos do traballo para o capital (novas exencións do pago da seguridade social, complemento dos salarios máis baixos a cargo dos impostos, “mochila austríaca”...).

Hai que recoñecer que Rajoy non tiña marxe para pechar acordos á súa esquerda. Nen sequera cambios mínimos no económico-social

Resulta evidente que o fracaso da investidura de Rajoy abre dúas vías: ou novas eleccións ou un pacto da oposición que garanta a maioría na investidura e nos orzamentos. Na primeira das hipóteses, todos os partidos están a traballar na disputa electoral, fuxindo da asunción da responsabilidade de ter que convocar novas votacións. Na segunda alternativa, a dalgún tipo de pacto para evitalas, pesa moito que as enquisas reflicten que non hai garantías de que novos resultados desbloqueen a actual situación. Daquela, o segundo intento de Pedro Sánchez de cadrar o círculo, ou sexa: chegar a un acordo de investidura con Podemos e Ciudadanos. Na teoría parece posíbel, porque os números dan. O que sucede é que tanto Podemos como Ciudadanos teñen programas e unha folla de ruta que chocan. E, por máis que o PSOE coide que unha síntese é factíbel, que as coincidencias son importantes, o certo é que un acordo a tres sería un suicido ou de Podemos ou de Ciudadanos. No que algún dos dous tería que renunciar a moito: no modelo laboral, en como tratar á marxinación, no dereito a decidir, etc...

O certo é que un acordo a tres sería un suicido ou de Podemos ou de Ciudadanos. No que algún dos dous tería que renunciar a moito

Por outra banda, por mor dos medios hexémonicos, os/as votantes progresistas (ou non tanto, mais cansos das políticas regresivas e da corrupción do PP) esperan ilusionados un acordo PSOE-Podemos, co apoio dos partidos nacionalistas e de Ciudadanos. Agora ben, un acordo deste tipo podería levar á ruptura do PSOE, xa que unha parte do partido coincide co modelo territorial e económico que defenden o PP e Ciudadanos. Susana Díaz, Fernández Vará e Felipe González serían os representantes desta liña. Esa opción xa foi imposíbel de levar adiante na anterior lexislatura. Por que ía ser factíbel agora, cando as relacións son máis tensas e medraron as desconfianzas? Polo tanto, esa vía semella tan impracticábel como a que propuxo Rajoy para a investidura.

Tampouco tería moito futuro a proposta dunha figura distinta por parte do PP, para acadar a abstención do PSOE ou dalgúns dos seus deputados, aínda que lle valería a Ciudadanos. Pedro Sánchez é claro neste aspecto, xa que avalaría as políticas de Rajoy durante estes anos, mesmo que o PP aceptase facer cambios, neste contexto coa burguesía tan fortalecida non serían significativos. Para o PSOE sería un suicidio para un partido que necesita ser alternativa. Ademais, a esta altura, seguramente esta posibilidade foi sondeada directa ou indirectamente entre ambos os partidos ou por parte de persoas próximas a eles. E malia a presión de figuras significadas e dos medios, foi unha porta que nen sequera se entornou.

Con este panorama, moitos/as pensarán que non hai máis alternativa que novas eleccións. Porén, existe outra saída, proposta mesmo por Pablo Iglesias no seu momento. Resta a posibilidade dun Governo con “persoas de renome”, independentes, que conten co apoio necesario para obter maioría no Parlamento. E se cadra, era a isto ao que se refería Pedro Sánchez cando afirmou, despois do fracaso da investidura de Rajoy, que “a responsabilidade das forzas do cambio é ofrecer unha solución ao país”, para alén de que faga un último intento de acordo a dereita e esquerda (que sempre sería para el e o PSOE a mellor opción). Mais, de non conseguilo, e todo amosa que así será, unha nova proposta menos dependente a acordos programáticos moi elaborados daríalle ao PSOE a iniciativa e méritos diante da sociedade, por ser quen de desbloquear a situación. Ademais evitaría a confrontación interna no PSOE por un acordo con Podemos e cos nacionalistas vascos e cataláns, e podería conseguir o apoio destes e de Ciudadanos (ou a súa abstención). Hai experiencias deste tipo na Unión Europea, por certo, máis negativas que positivas para os dereitos no ámbito social e laboral (Grecia, Italia).

Resta a posibilidade dun Governo con “persoas de renome”, independentes, que conten co apoio necesario para obter maioría no Parlamento

Mais sexa cal for a saída definitiva, quen peor colocado está neste intre neste xogo parlamentarista é Podemos e as confluencias. Se aceptan apoiar un Governo do PSOE, deben partir dos acordos previos deste con Ciudadanos ou de facer cesións a algunhas das súas propostas (contrato único? Non aos referendos?...). Se optan por rachar a negociación co PSOE sen deixar en evidencia que é por desacordos programáticos fundamentais (económicos, sociais, democráticos, etc.), que aínda non puxeron sobre a mesa con claridade, ollarase como a escenificación dunha forza que se move no esencial en parámetros de poder institucional. O problema destas tres forzas é que, malia que existen diferencias entre elas, que non se poden negar, ningunha, mesmo Podemos, está disposta a rachar co sistema (eurozona e UE), a apostar decididamente por que a maioría social, a clase traballadora, teña o protagonismo que lle corresponde. E iso comeza, como mínimo, por lle dar á mobilización social a mesma relevancia que o debate e xestión nas institucións.

Ademais, malia que seica o ían mudar todo en beneficio das maiorías, o auxe de Podemos implicou un descenso da protesta na rúa con contido político, e un medre do peso dos medios de comunicación hexemónicos tanto na formación da conciencia como no estado de ánimo da xente. Todo indica que ambos feitos teñen relación. En que grao? Ese pode ser un debate importante, e dalgún xeito das respostas que se obteñan depende o papel das clases populares no futuro, da soberanía, da xustiza social, etc. Mentres tanto, é lóxico que teña todo o protagonismo a formación do Governo central, porque non existe outro foco de atención destacado, como a mobilización detrás de reivindicacións concretas do povo. Unha matización. Véxase que á patronal non lle preocupa demasiado a falta dun Governo electo; mira a Bolsa, os dados de beneficios,... cádranlle as contas. A súa única teima que teñen é que siga así ou mellor co futuro Governo. “O problema non é se o gato é negro ou branco, senón se caza ratos”.

O auxe de Podemos implicou un descenso da protesta na rúa con contido político, e un medre do peso dos medios de comunicación 

Sendo para a xente un avance a formación dun Governo progresista (ou tecnocrático) co apoio do PSOE e Podemos (comparado cun do PP e Ciudadanos), non se poden ignorar os límites. Abonda con ollar seus programas, e as políticas que alentan e impoñen a Unión Europea e os organismos internacionais. Só unha forte mobilización social pode mudar esta correlación de forzas, tanto para obrigar este hipotético Governo progresista a cumprir co pactado e prometido, como para forzalo a realizar as reformas sistémicas que son necesarias e non contempla. A mobilización, a organización e o debate das ideas son esenciais para a ruptura democrática. E nestes aspectos é onde o nacionalismo galego anticolonial ten a súa principal potencialidade. Debería utilizala máis. As veces pregúntome ¿por que nesta campaña non lembra sequera algo tan próximo como o éxito de masas do Día da Patria Galega?