Opinión

Eleccións decisivas en Bolivia

 

En outubro deste ano vanse realizar eleccións en tres países de América Latina, moi distintos no seu peso político e realidade interna, como son Arxentina, Bolivia e Uruguai. Todos eles formaban parte do Vicerreinado do Rio da Prata, durante a colonia, aínda que Bolivia, no que me vou centrar neste artigo, tardou máis en liberarse (1825), xa que alí se fortaleceron as tropas españolas. Sen dúbida hai provincias arxentinas que teñen moito en común con Bolivia, como Jujuy (nome que seica proven do aturuxo galego). Nesta parte da arxentina falase entre os povos indíxenas o quechua, xa que toda esta zona formou parte do Imperio Incaico.

 

Bolivia foi durante a colonia un territorio rico polas súas minas de prata, vinculadas a unha opresión e explotación durisima, así como a revoltas indíxenas que deixaron pouso na sociedade, como a de Tupac Amaru. A última metade do século pasado foi unha etapa na que se alternaron governos progresistas e conservadores, procesos revolucionarios e ditaduras militares; tamén foi o lugar escollido polo Che Guevara para estender o proceso revolucionario en América Latina, despois da seu paso polo Congo. Ou sexa, Bolivia tivo unha historia axitada, do peso da bota militar e da inxerencia exterior, e da revolta popular na procura da xustiza social e de liberación das nacionalidades oprimidas (indíxenas). Asemade a súa historia estivo marcada pola confrontación con Paraguai: a Guerra do Chaco (1932-1935). Tampouco se poden obviar no aspecto progresista os períodos da Revolución Nacional do MNR (1952-1964) e do militar de esquerda Juan José Torres (1969-1972)1, como antecedentes dos governos de Evo Morales.

 

Bolivia foi durante a colonia un territorio rico polas súas minas de prata, vinculadas a unha opresión e explotación durisima

 

Na Arxentina tiven moita relación cos bolivianos, xa que eran, xunto cos paraguaios e uruguaios, a maior masa de inmigrantes de América Latina. Eran sobre todo quechuas e aimarás, tamén algún mestizo, que realizaban os traballos máis duros, especialmente na construción, que se comportaban con dignidade. Sempre pensei que tiñan un certo parecido na actitude cos galegos e galegas, dábanlle gran valor ao colectivo, sempre estaban á defensiva, até que estoupaban. Eran o resultado de séculos de opresión, de marxinación, de seren tratados como un povo subalterno, como inferiores. Unha consecuencia do axer dos grupos e países dominantes, que se volve máis acentuada e violenta canto máis forte era a resistencia á conquista ou maior o protagonismo anterior do povo oprimido, colonizado. Neste caso a pertenza ao organizado e poderoso Imperio Incaico.

 

Daquela que Bolivia, como Galiza, ten dúas almas, por unha banda a loita pola identidade e contra a marxinación (quechua, aimará, etc) e outra máis urbana vinculada á loita de clases. Comprenderá o/a lectora a importancia histórica, democrática, e dignificadora das nacións indíxenas, que implicou o recoñecemento grazas ao MAS de Bolivia como un estado plurinacional. Tamén a transcendencia de que este paso adiante vaia unido a avances en materia de xustiza social, asociando correctamente a cuestión nacional coa loita de clases, evitando que o sistema explote artificialmente aparentes contradicións en termos de prioridade, co obxectivo de manter todo inamovíbel.

 

Bolivia, como Galiza, ten dúas almas, por unha banda a loita pola identidade e contra a marxinación (quechua, aimará, etc) e outra máis urbana vinculada á loita de clases.

 

O ministro de traballo de Bolivia, Hector Rodríguez, nunha entrevista realizada pola páxina web brasileira Correio da Cidadanía2 destacaba os seguintes avances durante os governos do MAS: “a estabilidade no emprego para os pais e nais até que as crianzas teñan un ano; que o salario mínimo medrase de 60 a 300 dólares; a conquista do 14 salario ao ano sempre que o PIB supere o 4,5% (...) que no fundamental a nosa economía se sustente no mercado interno. Descartamos os principios neoliberais. Démoslle pulo á estatificación dos nosos recursos minerais, e a un proceso de industrialización e diversificación da economía (...) o sector extractivo hoxe só aporta o 13% do PIB (...) E finalmente salientar a redistribución da riqueza (...) Estes principios permiten que acadásemos, por quinto ano consecutivo, sermos o país que máis crece na América do Sul (...) Un dado macro económico, no ano 2005 tiñamos pouco máis de 500 mil asalariados/as e na actualidade temos 1,8 millóns”.

 

Segundo as enquisas a esta altura o MAS recolle un terzo dos votos, outros tantos serían os/as votantes que non se definen, e o terzo restante divídese entre os partidos da oposición. Entre estes últimos salientan: Comunidad Ciudadana (CC), Bolivia dijo No (BDN) e Movimiento Tercer Sistema (MTS). Tratase de partidos neoliberais ou que, como MTS, xogan na ambigüidade. Esta porcentaxe responde a un intre moi determinado no que falsas denuncias sinalaban a Evo Morales como pai dun fillo non recoñecido. Asemade hai que lembrar que o MAS gañou as eleccións do 2005 co 54% dos votos, as de 2009 co 64%, e as de 2014 co 61%. Neste período o país pasou dun PIB nominal de 9 millóns de dólares en 2006 a 40 mil millóns en 2018 (en termos de capacidade de merca é máis do dobre), e que ademais foi quen de reducir a pobreza e a estrema pobreza nun 50%.

 

Nas vindeiras eleccións Evo Morales conta ao seu favor co aval de máis dunha década de medre da economía ligado á redistribución da riqueza,

 

Polo tanto nas vindeiras eleccións Evo Morales conta ao seu favor co aval de máis dunha década de medre da economía ligado á redistribución da riqueza, ter recoñecido a reivindicación histórica do carácter plurinacional do país, e tomar medidas positivas respecto da igualdade de xénero. E no eido exterior, opoñerse aos planos do imperialismo norteamericano e rexeitar unha actitude subalterna diante de dous poderosos veciños, como son Brasil e Arxentina. Agora ben, non se pode obviar a enorme incidencia que posúen os medios de comunicación para formar a conciencia e condicionar o estado de animo da povoación. Tampouco se pode ignorar e o control que sobre estes medios teñen o gran capital nacional, os Estados Unidos e outras potencias occidentais, e a manipulación que fan da información (óllese o caso de Libia, Siria e Venezuela, por poñer só algúns exemplos). Por se non abondase existe unha certa fractura alentada dende a oposición (política, económica e mesmo étnica) entre o altiplano e o leste fronteirizo con Brasil.

 

Polo tanto, non se poden dar por gañadas anticipadamente as eleccións en Bolivia para o bloque antiimperialista (MAS, COB, movementos populares, sindicatos campesiños e organizacións de mulleres), faltan moitos meses, e o número de indecisos é moi alto. Asemade, Bolivia é moi rica en litio, esencial para as baterías dos automóbeis eléctricos, nun marco de globalización neoliberal; un modelo que se basea na depredación, mediante a centralización e concentración da riqueza e do poder. Daquela que se opte polas sancións, a intervención, o bloqueo, a mentira e o sabotaxe, respecto dos países soberanos ou que loitan por selo, como é o caso de Bolivia con Evo Morales. O imperio dispón de moitos recursos e carece de calquera actitude ética cando se trata de intereses económicos e xeoestratéxicos. Todo dependerá da capacidade do MAS para mobilizar, para seguir ofrecendo un proxecto que estenda os avances económicos, sociais, culturais e democráticos, e no que as clases populares se sintan protagonistas; así como do contexto internacional.

 

Cómpre estar atentos aos procesos previos e aos resultados das eleccións en Arxentina, Uruguai e Bolivia. Polo pronto, na Arxentina o poder xudicial está a seguir o guión reaccionario de Brasil, diante dun panorama no que Macri non deixa de perder apoio social e Cristina Fernández estaba situada en primeiro lugar nas enquisas.

 

https://obloguedemera.wordpress.com/

 

2http://www.correiocidadania.com.br/internacional/30-america-latina/13676-ministro-do-trabalho-da-bolivia-crescimento-recorde-e-fruto-do-crescimento-do-mercado-interno