Opinión

As eivas do progresismo, o exemplo arxentino

Os partidos progresistas non o teñen doado en América Latina ali onde governan. Nuns casos porque os Estados Unidos, e a súa aliada a UE, poñen en práctica todo tipo de sancións, como en Venezuela e Nicaragua, para forzar un cambio político favorábel as grandes corporacións occidentais. Unhas medidas políticas agresivas que poden durar décadas, como en Cuba, afectando ao conxunto da povoación. Tampouco se salvan destas presións países como Perú, Mexico, Bolivia e Arxentina, aínda que neses casos as potencias imperialistas non manteñen unha postura única, e o cerco sexa menos ostentoso, porén igual de lesivo.

No caso concreto da Arxentina aprovéitanse polo imperialismo todas as eivas e atrancos, máxime cando á pandemia sumouse unha situación social agravada pola débeda externa e as políticas neoliberais herdadas da etapa de Mauricio Macri. Neste contexto hai que entender o retroceso electoral do Frente de Todos, produto dunha alianza do peronismo e outros partidos da esquerda e o  progresismo, nestas pasadas eleccións lexislativas de media lexislatura.

As eleccións do 14 de novembro debuxaron un escenario menos catastrófico para o FdeT, grazas unha certa recuperación respecto das PASO

As eleccións do 14 de novembro debuxaron un escenario menos catastrófico para o FdeT, grazas unha certa recuperación respecto das PASO (eleccións primarias), especialmente na provincia de Bos Aires, a mais importante do país. Polo que o Governo pode conseguir maiorías no Congreso facendo alianzas con partidos provinciais, cos que xa fixo pactos perante a primeira parte da lexislatura, mais no Senado non o vai ter doado. En calquera caso non se pode agochar que a dereita de Mauricio Macri, Juntos por el Cambio, foi a forza máis votada. Cómpre lembrar ademais que a esquerda acadou un 6% do voto (o FIT acada 4 deputados nacionais, e un 25% na provincia de Jujuy), e a ultra dereita neoliberal consigue o 5%, e  10 millóns de persoas abstivéronse.

Encol das eleccións dinos o economista e analista arxentino Julio Gambina: “Máis aló de calquera consideración, a realidade da elevada inflación e determinante da débeda negociada co FMI, convértese na axenda do debate político. Non todo foi como imaxinaba a oposición macrista, a pesar dos 8 puntos de diferenza a nivel nacional, a falta de quórum propio do partido gobernante no Senado e o achegamento dos lexisladores á primeira minoría do partido gobernante en Deputacións,  implica que a disputa para 2023 está aberta” (http://juliogambina.blogspot.com/).

O certo é que, que para alén do complexa da situación internacional por mor da pandemia e confrontación entre potencias, e da negativa herdanza de Macri, os resultados amosan que algo non se está a facer ben por parte das forzas progresistas e de esquerda na Arxentina, que terá que reflexionar e  facer rectificacións, máxime cando Juntos por el Cambio é o partido máis votado. Desde as PASO xa houbo fortes debates internos na FdeT, moi polarizados en Cristina Fernández de Kirchner e Alberto Fernández. Continuaran? Coido que será deste xeito, mais seguramente evitando que sexan aproveitados pola dereita para coller máis folgos.

Todo amosa que non abonda con algunhas medidas progresistas, para consolidar e ampliar a complicidade social, máxime cando a moderación non evita o cerco do capital nun contexto onde este olla en perigo a hexemonía da globalización neoliberal e das potencias que tradicionalmente exercen como centro de poder. Daquela que esta mesma fraqueza no progresismo se vexa no resto dos países do mundo, e moi especialmente na América Latina. E non me refiro en exclusiva ás medidas económicas e sociais, senón ademais ao discurso, a ver a a mobilización, participación e protagonismo das clases populares como algo complementar, cando se trata dunha cuestión esencial para o cambio. 

Nunha análise sobre as eleccións aparecido na web Rebelión respondía un militante dunha organización de base da fronte de Governo: “Se podemos facer do Frente de Todos un catalizador das loitas, hai un futuro mellor para nós. A mellor maneira de defender os dereitos é avanzar. E iso é o que teñen que impulsar a militancia e as organizacións: ter un governo que esperte cada día propoñendo un futuro diferente e non bloqueando as penas” (https://rebelion.org/ganar-perdiendo-2/). Sen dúbida este é parte do problema, mais iso só muda os métodos de traballo, ademais cómpre propoñer e socializar a folla de ruta concreta que rache coa dependencia, coa inxustiza social...

A solución está en gran medida nun proceso que potencie a economía interna (local, nacional), na produción dos bens esenciais, dándolle un papel complementario ao comercio exterior rexional e mundial, por esta orde de prioridade. Isto sería positivo para diminuír a mobilidade, reorganizar o territorio, dar pulo ao protagonismo das clases populares, e recuperar unha soberanía achegada á xente. Este semella ser o único camiño para que o internacionalismo estea asociado á solidariedade, a un trato entre iguais. Cando menos nesta etapa. Só así haberá protección do medio ambiente, da riqueza cultural e lingüística da humanidade, xustiza social e democracia. As formas, o ámbito, son parte do contido.

https://obloguedemera.wordpress.com/