Opinión

Eivas da confrontación cotiá

Sen dúbida as manifestacións do 1º de Maio foron na Galiza un éxito de participación, tendo en consideración o momento. Fórono especialmente as convocadas pola CIG, amosando máis un ano que a súa capacidade de mobilización está moi por riba da súa representación “legal” nas empresas, e que esta non reflicte a incidencia sindical real de cada central.

Sen dúbida as manifestacións do 1º de Maio foron na Galiza un éxito de participación, tendo en consideración o momento. Fórono especialmente as convocadas pola CIG, amosando máis un ano que a súa capacidade de mobilización está moi por riba da súa representación “legal” nas empresas, e que esta non reflicte a incidencia sindical real de cada central. Mais, a versión dos medios de comunicación hexemónicos encol da xornada, como é costume, arroupa e dá folgos ás marchas do sindicalismo sistémico e rebaixa o protagonismo do nacionalismo. As fotos en portada son para os que asumen o capitalismo e a España imperial, tamén a maioría da información e a  multiplicación do número de participantes. 

"Os medios sistémicos cumpren o papel que teñen asignado, o de instrumentos das clases dominantes, alentando a uns e eivando a outros, freando e deformando a conciencia social". 

Os medios sistémicos cumpren o papel que teñen asignado, o de instrumentos das clases dominantes, alentando a uns e eivando a outros, freando e deformando a conciencia social. Resulta sintomático que a maioría dos medios non recollan a presenza na manifestación da CIG en Vigo do egrexio capitán do abril portugués, Manuel Duran Clemente, e do sindicalista agrario francés antiglobalización José Bové. Será porque racha coa versión maniqueísta de que o nacionalismo está rifado por definición co internacionalismo? Esquecen ou agochan que nas revolucións de 1848 en Europa a clase obreira e os movementos nacionalistas estaban xuntos nas barricadas, na loita contra os réximes autoritarios e imperialistas da época.

Mais esta actitude non é nova, responde aos intereses que serven estes medios, xa que se trata de empresas privadas, ligadas ás grandes corporacións, e nas que o fundamental é o lucro. Asemade serven de ariete da colonización do país. O exemplo máis evidente é que se traduzan ao castelán a maioría das entrevistas, das opinións e mesmo das consignas que se expresan en galego, ou se eviten os artigos na lingua do país. Ulo a democracia e o respecto á maioría social, e a fidelidade informativa, cando non se respecta a lingua na que se manifesta a xente? Esta actitude non é inocente e ten uns efectos demoledores en relación á defensa da identidade nacional galega e mesmo en relación a algo tan elemental como é a lingua e cultura propias. 

"O movemento nacional popular galego, nunca se refuxiou no vitimismo, senón que recoñecendo os atrancos construíu medios e vías alternativas para facer chegar ao pobo a súa mensaxe"

Agora ben, o sindicalismo nacionalista, o movemento nacional popular galego, nunca se refuxiou no vitimismo, senón que recoñecendo os atrancos construíu medios e vías alternativas para facer chegar ao pobo a súa mensaxe. Con este fin converteu cada militante nun/nunha propagandista e axitador, utilizando a tribuna, publicando panfletos e voceiros, e procurando facer sentir aos medios hexemónicos o alento dos afectados/as. É o que cómpre desenvolver agora con maior ímpeto, sumando os novos medios de comunicación, como as páxinas de internet, e-mails, mensaxes telefónicos, etc. E isto é fundamental non só para divulgar un conflito ou manifestación, senón especialmente para o día despois. 

A divulgación de manifestacións exitosas, como as do Día Internacional da Clase Traballadora, non poden depender dos medios sistémicos, xa que conseguir unha socialización verídica do acontecido é fundamental para a creación da conciencia nacional e de clase, e modificar a correlación de forzas. Polo tanto é necesario planificar polo miúdo a divulgación destas manifestacións; mais outro tanto cómpre facer cando se trata dun convenio colectivo, dunha folga xeral ou dunha campaña. Temos que contar cunha actitude negativa dos medios sistémicos, non facelo sería moi inocente e negar na práctica a caracterización que sempre se fixo das clases dominantes e do papel das estruturas de poder.

"É necesario definir con claridade a folla de ruta, é dicir, cales son as etapas que se deben superar para conquistar a liberación nacional e social".

Porén, non hai dúbida, que para gañar a batalla das ideas, que de iso se trata, non abonda con mobilizar, ser coherentes, e servir o pobo. Ademais é esencial, básico, realizar unha caracterización correcta do momento actual. E mesmo con isto non chega, porque, pódese facer unha boa análise da realidade, como realiza unha parte da socialdemocracia e do que foi historicamente o eurocomunismo, e despois non propoñer medidas que dean unha solución ás contradicións de clase, nacionais, ecolóxicas, senón que procuran un novo pacto que lle sexa funcional ao capitalismo. Se o pensamos, isto é algo moi de actualidade. 

Aínda realizando propostas estratéxicas acaídas é necesario definir con claridade a folla de ruta, é dicir, cales son as etapas que se deben superar para conquistar a liberación nacional e social. Falo de etapas porque resulta evidente que, no contexto actual e con esta correlación de forzas, non é posíbel garantir a curto prazo a soberanía e a xustiza social. No caso de China, Mao definía dúas etapas, a da liberación da ocupación xaponesa, na que estaba interesada a burguesía nacional e a clase traballadora. E unha vez acadada a independencia, para a implantación do socialismo, habería un proceso de transición que podía ser pacífico se a clase traballadora mantiña a hexemonía na fronte. O panorama actual é moi distinto, tanto no ámbito nacional galego como no internacional. 

"É moi importante ter maioría nas institucións, xa que permite propoñer un referendo de autodeterminación para que a soberanía pase ás clases populares, ou outras medidas de ruptura".

Entón, cales son as etapas que temos por diante? O primeiro que temos que considerar é que na Galiza non existe burguesía “nacional”, nen algo que se comporte como tal no ámbito social nen político. O segundo, que o proceso de colonización leva séculos, e que o papel que en China cumpría a burguesía “compradora” está asumido pola inmensa maioría da burguesía, alta e media, profesionais e non poucos traballadores acomodados. O terceiro, que a confrontación de clases existe no ámbito social e nacional. O cuarto, que o proceso de liberación darase pola vía política, para o que é vital a acumulación de forzas a través da mobilización social e da construción de poder popular, nas empresas, na cultura, nos barrios, nos centros de ensino, nas institucións, etc. 

Para levar adiante esta estratexia, é moi importante ter maioría nas institucións, xa que permite propoñer un referendo de autodeterminación para que a soberanía pase ás clases populares, ou outras medidas de ruptura. Este é un paso necesario para realizar políticas que defendan a identidade nacional, redistribúan a riqueza e o traballo, protexan o ecosistema, garantan servizos e prestacións públicas acaídos. Este é a situación política na que están agora mesmo Cataluña e Escocia. Porén resulta evidente que nesta correlación de forzas interna, non se asegura que a soberanía sexa asumida, en ningún dos dous países, polas clases populares e polo tanto podan  rachar coa hexemonía do capital e a globalización neoliberal. Mais, aínda sendo así, trátase dun paso adiante histórico, porque elimina unha das contradicións centrais. Esta é a etapa na que ficamos. Unha etapa na que ademais da conquista da soberanía é esencial garantir que a clase traballadora galega sexa hexemónica (coas alianzas que sexan necesarias), para que a liberación teña un carácter popular e, polo tanto, ligar as reivindicacións desta etapa co proxecto estratéxico é esencial (a menos que pensemos que a poboación chegará as mesmas conclusións que a “vangarda” por telepatía).

Mais, neste artigo non quero debullar polo miúdo o debate das etapas, só facer unha referencia. En troques desexo analizar un aspecto que coido fundamental para o nacionalismo galego, como é o de dar continuidade ás campañas reivindicativas para que teñan así unha maior efectividade tanto na xeración de conciencia político-sindical, como no referente a obter mellores resultados inmediatos. Evitar que o sistema nos fixe o calendario. Este aspecto tamén forma parte da folla de ruta, e por suposto dos métodos de traballo correctos. Non podemos ignorar que, nesta correlación de forzas, e nun contexto no que o capital avanza en todas as esferas da vida a costa dunha maior opresión e explotación do pobo, pretender confrontar en todas as frontes ao mesmo tempo e coa mesma intensidade non é posíbel. Polo tanto, cómpre definir con claridade os obxectivos prioritarios, o punto débil do sistema, e concretar campañas con obxectivos realizábeis, ben no económico, ben no grao de conciencia e organización social. Campañas que deben dar lugar a mobilizacións, actos, xornadas de loita, e mesmo folgas xerais, que se deben alongar no tempo, a fin de que sexan efectivas. 

"As clases populares albiscan cando hai un proxecto para a disputa do poder, ou cando só se trata de dar unha resposta conxuntural á agresión da burguesía e dos poderes fácticos que a serven"

Non é eficaz convocar cada dous meses unha manifestación ou folga cun obxectivo diferente, e con colectivos distintos, mesmo que se trate dunha demostración de compromiso coa clase traballadora e outras camadas populares. Porque, o único xeito de que estas accións sexan efectivas e xeren conciencia sería controlar os grandes medios de comunicación de masas, e non é o caso. Polo tanto, é necesario axuntar os conflitos, mesmo os de sector, cando menos na mensaxe e nas consignas, para que formen parte dunha campaña xeral, abranguente, para que a súa socialización poda ser eficaz e permita crear conciencia e aumentar así a acumulación de forzas e o activismo. As clases populares albiscan cando hai un proxecto para a disputa do poder, ou cando só se trata de dar unha resposta conxuntural á agresión da burguesía e dos poderes fácticos que a serven. Na disputa do poder non abonda coas boas intencións, e o pobo acumulou durante séculos conciencia da forza das clases dominantes e da derrota, ben sexa por non medir correctamente a correlación de forzas, o momento, pola debilidade da dirección ou pola traizón.

No relativo ás loitas reivindicativas neste contexto chamo a atención sobre a resposta que se está dando en Portugal ás agresións do capital. No país irmán o movemento social vai a máis. Levan máis dun ano cunha campaña sindical e política que vén de rematar, que puña como horizonte recuperar as conquistas de abril, co gallo de se cumprir este ano o 40 aniversario da Revolución. Esta campaña contemplou manifestacións, xornadas de loita e folgas, e o mesmo lema figuraba sempre en primeiro ou segundo lugar nos panfletos, escritos, pancartas, etc. Deste xeito garantían fixalo na conciencia social. Hai meses que anunciaron unha nova campaña, que se encadearía coa anterior. Lembremos que a primeira batalla que cómpre gañar é a das ideas, e que a última gran revolución científico-técnica foi a informacional. Xa a principios do século XIX Bolívar dicía que o Correo do Orinoco era máis importante que 200 canóns. 

Ademais estes foron modos de actuar moi efectivos que usou o sindicalismo nacionalista non hai tanto tempo. Por exemplo, durante a campaña para evitar o ingreso en prisión dun militante sindical na cidade de Lugo no ano 2004, pola súa participación nun piquete durante unha folga xeral do 20 de xuño de 2002. Por qué se utilizou neste caso, considerado grave, e non se emprega noutros que o son en maior medida e abranguen á maioría social? Evidentemente esta reflexión é igual de válida para a praxe dos partidos e doutras organizacións do movemento nacionalista. 

http://manuelmera.blogaliza.org/