Opinión

Ecuador, neoliberalismo derrotado e unha esquerda fracturada

O triunfo de governos progresistas en México, Arxentina e Bolivia nos últimos anos na América latina reverteron os triunfos e golpes de estado “suaves” da dereita neoliberal, que semellaban ían rematar con máis dunha década progresista en Brasil, Arxentina, Bolivia, Ecuador, Uruguai,... e deixar totalmente illados aos governos antiimperialistas de Cuba e Venezuela. Neste cambio na evolución foron esenciais as masivas manifestacións populares en Chile, cun governo totalmente illado, e unha situación social e política cada vez máis complexa para Bolsonaro en Brasil, malia que aínda conte cunha considerábel base de apoio. Sen dúbida a tendencia dominante é hoxe moi distinta á de antes da pandemia. Esta agudizou a crise do capitalismo, e deu azos a unha importante contestación popular contra as política neoliberais.

Grandes sectores da povoación fican desamparados diante das consecuencias sanitarias e económicas da pandemia.

As previsións do FMI son dunha caída do PIB na América Latina e o Caribe do 7,4% para o ano pasado e a CEPAL estima que durante este ano o PIB terá un medre do 3,7%. Ou sexa, que até finais do ano 2022 non volveran a recuperar os valores do PIB do ano 2019. A pandemia do covid-19 causou unha verdadeira traxedia, tanto polo número de persoas contaxiadas como pola cantidade de mortes, así como un aumento do desemprego e a pobreza. Todo isto en países que, salvo excepcións, contan con medios sanitarios e de protección públicos moi inferiores a calquera dos estados europeos. Neste contexto hai que entender as mobilizacións e o reaxer popular contra as políticas de axuste da dereita. Non unha novidade estas protestas, porén ademais están alentadas xa que grandes sectores da povoación fican desamparados diante das consecuencias sanitarias e económicas da pandemia.

Neste contexto hai que analizar as eleccións en Ecuador, e porque as forzas claramente neoliberais ficaron en segundo plano. O triunfo do “correísmo” é evidente, un 32% dos votos, porén esta porcentaxe non chegou para que Arauz fose proclamado presidente en primeira volta, polo que terá que concorrer a unha segunda elección no mes de abril, competindo co seguinte máis votado (seica Lasso). E neste aspecto o panorama semella moito máis complexo do que se podería esperar dende o exterior, máxime cando forzas como Pachakutik estiveron ao fronte das loitas de oposición contra Lenin Moreno no ano 2019, e teñen unha longa traxectoria de defensa dos povos indíxenas.

Serán dous meses de vertixe político. Ante todo porque Yaku Pérez de Pachakutik esta disposto a buscar acordos co banqueiro Guillermo Lasso con tal de que o correísmo non volva a governar, aínda que entre ambos esta en litixio a segunda praza, mais teñen unha reunión estes días (da que pode saír un acordo para consolidar esta alianza). Non sería algo estraño xa que Lasso no proceso previo ás eleccións xa dixo estar disposto a apoiar a Pérez para evitar que governase Arauz. Xa que, entre partidos cunha traxectoria tan diverxente, hai máis en común do que parece: o anticorreísmo; e que Yaku Pérez condena as políticas de Maduro en Venezuela, e apoiou ao governo de facto en Bolivia (ler o artigo de Ollantay Itzamná[1]).

Arauz sustenta un enfoque de economía social, que non descarta a industrialización, o progreso tecnolóxico nin o desenvolvemento produtivo diversificado

O historiador ecuatoriano Juan J. Paz Miño y Cepeda[2] analiza as diferencias de proxectos entre Arauz e Pérez: “Arauz sustenta un enfoque de economía social, que non descarta a industrialización, o progreso tecnolóxico nin o desenvolvemento produtivo diversificado, baixo o concurso do Estado; mentres Pérez afirma un enfoque de economía eco-comunitaria, centrada na identidade co comunitarismo indíxena, a produción popular e, sobre todo, a exaltación e protección da Pachamama (sen excluír asuntos extravagantes como a súa idea de exportar “auga virtual” e, ademais, en barrís), polo cal non queda en claro a opción pola industria ou o progreso tecnolóxico. Trátase de diferencias substanciais en canto ao modelo de desenvolvemento e modernización económica”.

O triunfo de Arauz non está claro. Até que punto incidiran os acordos das cúpulas? Mudará moito o voto se o contrincante do correísmo é Pérez ou Lasso? Resulta evidente que non abonda con derrotar ao neoliberalismo, que tamén cómpre contar cun proxecto de cambio que gañe á maioría social. As eleccións en Ecuador non están decididas, e o neoliberalismo non está tan derrotado. Fará novas alianzas?

https://obloguedemera.wordpress.com/

[1]   https://rebelion.org/ecuador-ante-una-falsa-disyuntiva-de-progresismo-o-agenda-indigena/

[2]   https://atilioboron.com.ar/ecuador-batalla-electoral-entre-izquierdas-por-juan-j-paz-y-mino-cepeda/