Opinión

Ecosistema: cambios parciais ou sistémicos?

O informe da ONU, respecto da gravidade da situación climática e ecolóxica en xeral, amosa ate que  punto o modelo económico e social imperante non deu resolto o necesario equilibrio entre o ser humano e a natureza. E todo indica que a globalización neoliberal, malia os seus inmensos avances científico e técnicos non fixo máis que agravar o problema. É moito ten que ver coa economía de escala, o desequilibrio demográfico, o amoreamento urbano, a estrema mobilidade de bens e persoas, as guerras interminábeis e destrutivas, a cobiza...

Unha desfeita ecolóxica que vai unida á desigualdade entre territorios e entre clases sociais, á precariedade laboral e exclusión social, á deforestación e contaminación dos mares e mundo en xeral, á perda de especies animais e vexetais de linguas e culturas minorizadas; ou sexa, ao retroceso da riqueza da diversidade humana e da natureza. E, aínda que nalgúns destes casos se use como xustificación que se trata do proceso natural da humanidade por mor dos avances científico técnicos, non é verdade, xa que o resultado é moi distinto segundo a que intereses respondan.

Corporacións, grandes fortunas e altos directivos, teñan tanto ou máis poder ca maioría da humanidade, ou sexa, que suplantan a soberanía popular

E neste aspecto resulta tremendamente perigoso, dado a concentración e centralización do capital, que unhas poucas corporacións, grandes fortunas e altos directivos, teñan tanto ou máis poder ca maioría da humanidade, ou sexa, que suplantan a soberanía popular. Isto significa un inmenso retroceso democrático, que agora ademais se apoia na dixitalización. Se lle engadimos a isto as criptomoedas (vexase a súa asociación co lavado de diñeiro do crime organizado), así como a militarización, hai razóns para temer que se reforce cada vez máis a lei do máis forte (a liberdade en versión da extrema dereita) e non da razón e a xustiza

A  debilidade e fragmentación do poder político, na maior parte dos países do mundo, así como das organizacións sociais e partidos, é parte deste proceso de baleirado das conquistas democráticas que avanza en paralelo co medre da precariedade, desigualdade e fractura social, tamén na Unión Europea. O que cuestiona, para alén das boas intencións, que se podan levar adiante todos os cambios estruturais necesarios para garantir unha reversión da desfeita ecolóxica en beneficio das maiorías sociais, dado que por exemplo os fundos Next Generatión estarán vinculados á modernización do aparello administrativo e aos proxectos das grandes empresas. Ou sexa séguese fortalecendo polo tanto a economía de escala, aínda que se redefina seu ámbito por mor da confrontación entre as potencias occidentais con China e Rusia pola hexemonía mundial.

Este último é un aspecto de suma importancia xa que potenciaría, ou como mínimo mantería a concentración e centralización do capital e do poder, co que isto implicaría para o povo galego, tendo en consideración que esta evolución do sistema foi negativa para a nosa nación. Ademais, esta tendencia regresiva, por mor da dependencia e do carácter subalterno na cadea de valor, reforzouse nas últimas décadas; hoxe a inmensa maioría das empresas estratéxicas galegas teñen a súa sede central no exterior, especialmente en Madrid, co que isto implica en termos de cadros de dirección e investigación, tamén en caso de crise cos peches e reducións de persoal. Non é só que perdésemos peso demográfico dentro do Estado e mesmo no PIB, malia a eliminación do mundo rural de subsistencia, senón que temos menor incidencia empresarial. Por se non abondase, a dirección das institucións autonómicas está exercida por partidos de ámbito español, con todo o que implica en termos de subordinación nas decisións (as diferenzas con Euskadi e Cataluña son evidentes).

Partindo desta caracterización e da correlación de forzas existente, lograr unha transformación positiva para os intereses das maiorías sociais, nesta situación de emerxencia e urxencia, non semella que se poda levar a cabo plenamente por Estados Unidos e as potencias aliadas, tal como se amosou nestas tres décadas de auxe neoliberal e dominio de Washington. Todo indica que China é a única potencia con capacidade de levar adiante os programas que planifica, xa que ten un control real sobre a actividade económica no país, un sector público poderoso e en áreas estratéxicas. Daquela que as súas políticas paternalistas permitiron un maior crecemento da economía e un reparto social e territorial moito máis equitativo, se as comparamos coas potencias occidentais. E esta tendencia vaise manter, xa non hai razóns para que se modifique. Esta é a razón pola Estados Unidos queira trocar as regras de xogo dunha competencia que ten perdida por medio da presión en ámbitos nos que aínda é hexemónico, como o militar convencional, financeiro, redes e medios de comunicación... Terá éxito? Coido que non. Só hai marco para un gran acordo entre potencias, que terá que alargar ao resto do países, para evitar a confrontación, o que permitiría mellorar á situación das nacións subalternas e das maiorías sociais.

Nesta conxuntura histórica, na que se decide o futuro da humanidade, e con esta correlación de forzas, só é posíbel que Galiza, como nación, e as súas clases populares, conquisten o lugar que lles corresponde, comezando pola soberanía, fortalecendo as organizacións sociais e partidos políticos nacionalistas. Para ilo, cómpre, ademais dun programa de xustiza social, de igualdade das persoas e defensa do ecosistema, que o nacionalismo siga a utilizar como mecanismos de presión: a loita das ideas, a mobilización, e as institucións nas que xa governa (os concellos)... así como unha axeitada política de alianzas. É necesario polo tanto un fortalecemento das forzas democráticas e populares en todo o mundo!

https://obloguedemera.wordpress.com/