Opinión

Que é, e para que serve a unidade de clase?

Todas as enquisas reflicten que a maior inquedanza da xente está relacionada co traballo, ben sexa en referencia ás condicións laborais como ao desemprego. É lóxico, porque o traballo segue sendo un aspecto central na vida das persoas, malia os avances tecnolóxicos e o mundo virtual. E sendo certo que hoxe, con menos man de obra e horas traballadas, conséguese máis produción de bens que antes da crise, tamén é verdade que apareceron ou se ampliaron actividades que absorben moito emprego. Esta dualidade non se resolveu en favor da clase traballadora. Polo que, dunha banda mantense moi alta a reserva de man de obra (desemprego, inmigración), e pola outra, a maioría das persoas asalariadas realizan horas extras a esgalla polas que non se cotiza e moitas delas tampouco se pagan. Forma parte dunha economía en precario, e en boa medida en negro, que está en ascenso,  que conta coa complicidade dun Governo que está ao servizo exclusivo das clases dominantes.

Esta regresión é mundial, mais prodúcese sobre todo nos países occidentais. Porén, entre o centro e a periferia subalterna en Europa, con moitos aspectos en común, hai graos distintos de precariedade, e a evolución tamén ten un ritmo diferente. Daquela que, por exemplo, mentres en Madrid e Barcelona se mantén o crecemento demográfico, na Galiza retrocede a povoación (xa que isto está directamente relacionado coa creación de  emprego asalariado e as condicións laborais). Esta tendencia é un dos factores que afecta as pensións, que dependen dos ingresos salariais actuais. 

Entre o centro e a periferia subalterna en Europa, con moitos aspectos en común, hai graos distintos de precariedade

 

Polo tanto, o retroceso demográfico na Galiza, titular destacado nos medios durante estes días, está directamente relacionado coa falta de traballo e coas malas condicións daquel que se ofrece. Ambos os aspectos dependen do grao de dependencia (política e económica) do territorio, do papel que teña na cadea de valor, o que condiciona o grao de explotación, así como a capacidade para a produción de riqueza, a súa distribución e a creación de emprego. No caso de Galiza, ese carácter subalterno maniféstase a través da emigración dunha parte da mocidade e que  boa parte do  resto estea en paro ou teña contratos temporais e salarios moi baixos, que frean a formación das parellas e que estas teñan descendencia. Neste contexto, as axudas circunstanciais de pouco valen, son placebos que non poden curar unha ferida tan grande. O alarmismo dalgúns xornais ao servizo do poder sobre este tema, soa a xustificación cínica. Amosan unha preocupación que non teñen, cando ignoran as cuestións anteriores, agravadas polas reformas laborais do PSOE e do PP. Non pretenderán máis ben xustificar o aumento da man de obra de reserva coa entrada de máis inmigrantes ou a contratación de empresas foráneas para obras temporais, e así seguir premendo á baixa salarios e condicións laborais? 

Cando falamos das condicións laborais, constátase que a tendencia dominante é a dun aumento das desigualdades e da fragmentación da clase traballadora. Aspecto este último que aproveita o capital, e que non poucas veces tamén se alenta dende algunhas organizacións de esquerda. Sen dúbida hai diferenzas entre as persoas asalariadas con contrato fixo a tempo completo, e entre os que teñen contratos temporais ou/e a tempo parcial, falsos autónomos, ou contratos de aprendizaxe que non son tales, etc. Condicións distintas que tamén existen entre os que traballan no sector público e privado. Estas diferenzas tamén se dan entre as distintas actividades económicas. Outro tanto podemos dicir entre aqueles/as que traballan nas grandes empresas e os que o fan nas pequenas. 

Cando falamos das condicións laborais, constátase que a tendencia dominante é a dun aumento das desigualdades e da fragmentación da clase traballadora

 

Todas estas desigualdades, comezando polas salariais (aínda que non son as únicas), deben ser combatidas, especialmente cando teñen unha matriz ideolóxica, sexa por razón de xénero, nacionalidade, lingua, orientación sexual, etc. Por exemplo, resulta evidente que as mulleres teñen unha presenza moi alta en actividades con salarios baixos, como os servizos, e con contratos a tempo parcial, e mínima nas direccións de empresas privadas (o que implica unha diferenza no salario medio total de entre o 4% e 8%, segundo o país). Claro que, neste caso, a problemática está fóra do ámbito da negociación colectiva; forma parte da dirección empresarial. Outro aspecto é o dos traballos tóxicos, penosos e perigosos, moi masculinizados. Neste caso, o correcto sería reducir a xornada e non compensalo con pluses, que aumentan os ingresos, mais a costa de anos de vida e dunha taxa de accidentes laborais moi alta, que deixa unha ringleira de mortos e discapacitados. 

Agora ben, para alén destas casuísticas, todas e todos os traballadores teñen en común a explotación laboral, a dependencia da patronal, tanto cando teñen contrato fixo a tempo completo nunha gran empresa, como cando realizan traballos temporais por horas nunha pequena tenda ou bar. Unha parte importante do seu esforzo é expropiado polo empresario ou empresaria. E, ademais, quen hoxe ten un emprego fixo, mañá pode estar no desemprego. E se ten máis de 50 anos, pode que non atope máis un traballo. Só o sector público dá garantías de relativa estabilidade (por canto tempo?). Non se pode obviar que os avances nas grandes empresas marcan a tendencia das condicións laborais nas pequenas. E a solidariedade coas persoas en precario e a súa participación é fundamental para darlle forza e combatividade aos conflitos, xa que nesta condición está a maioría da mocidade. 

Sen a unidade da clase, sen superar o marco da empresa, o sector, o xénero, a raza, é imposíbel avanzar nos dereitos laborais: salarios, xornada, etc. Para vencer o capital, para conseguir a igualdade entre xéneros, tratar acaidamente os traballos tóxicos, penosos e perigosos, eliminar a temporalidade e as horas extras, igualar salarios e condicións entre sectores, entre o mundo urbano e rural, é necesaria a unidade de clase, a organización, a mobilización, o atrevemento, a combatividade. Neste aspecto básico como o da unidade, que significa moito máis que pagar unha cota a unha central e ter asesoramento xurídico, coido que o sindicalismo non está á altura do momento. Só así se pode entender a fragmentación das convocatorias de folgas parciais e/ou manifestacións cinguidas en exclusiva á participación dos colectivos directamente afectados, en cuestións que son reivindicacións de toda a clase. Trátase de mobilizacións por obxectivos xustos, estratéxicos, en materia de pensións, igualdade de xénero, precariedade. Ulo a solidariedade de clase?  

Diante da tímida resposta do sindicalismo e dos partidos de clase lembro, por exemplo, os 25 días de folga en Planosa en maio-xuño de 1977

 

Diante da tímida resposta do sindicalismo e dos partidos de clase lembro, por exemplo, os 25 días de folga en Planosa en maio-xuño de 1977, empresa na que traballaba. Era unha fábrica do sector químico, auxiliar do automóbil en Vigo con 120 persoas no cadro de persoal; sobre un terzo del mulleres. Non aceptamos o convenio asinado polo vertical, fixemos unha asemblea e fomos ao paro. Formamos un Comité de Folga de  oito persoas. Coido que dúas ou tres eran compañeiras. Ao cabo de dúas semanas, chegamos a un acordo de aumento salarial e outras melloras. Mais non aceptamos o pacto se non se igualaba a cantidade do complemento de puntualidade das mulleres co que tiñan os homes, o que alargou o paro uns dez días máis. A postura da patronal, para alén do custo económico da equiparación, obedecía a motivos ideolóxicos e tiña a intención de dividir o persoal, para que a folga rematase cun avance económico, mais cunha derrota sindical. Na porta houbo piquete durante toda o paro, no que rotaba todo o persoal: homes e mulleres. A dirección terminou cedendo, e ademais recoñeceu o Comité de Folga como representante dos/as traballadoras diante da empresa, en substitución dos enlaces e xurados (do vertical). Nas primeiras eleccións sindicais libres, a principios de 1978, o SOG conseguiu 8 dos 9 delegados/as, e afiliou a máis de 100 persoas. Durante o paro formamos unha caixa de resistencia á que contribuíron empresas de Vigo xuntando unhas 350.000 pesetas, e das que só repartimos axudas nos casos máis extremos (60.000 pesetas). Ao final, o excedente foi doado a outras empresas que estaban en conflito. Unidade e solidariedade de clase. 

Loitas con estes mesmos obxectivos e métodos déronse en moitas máis empresas e sectores naquel intre. Sempre na procura da unidade de clase, da resposta como nación galega, sen sectarismo, sen imposicións, debatendo, argumentando, coa praxe por diante. Con esta concepción xeral convocamos en 1978 as xornadas de loita, e en 1984 a primeira folga xeral nacional que se facía dende a República. Así naceu o sindicalismo nacionalista, unindo nación e clase. Loitando por un país de mulleres e homes, con xustiza social, soberano, orgulloso da súa historia, cultura e lingua, solidario. 

É importante que as convocatorias que se fan dende o ámbito sindical, social, e político cheguen a toda a sociedade e sexan un éxito de participación

 

Neste intre, mesmo para rectificar erros, tendo en consideración o perigo do avance das ideas da ultradereita españolista, é importante que as convocatorias que se fan dende o ámbito sindical, social, e político cheguen a toda a sociedade e sexan un éxito de participación. Mesmo se conxunturalmente manteñen á fragmentación e non teñen unha perspectiva revolucionaria, de cambio sistémico, de conquista da soberanía nacional. Mais o fundamental é que reivindiquen obxectivos xustos e confronten co sistema. E tampouco se pode obviar que, por exemplo no caso das pensións, sanidade, precariedade ou igualdade de xénero, as loitas foron quen de colocar estas temas no centro do debate social. 

Cómpren máis mobilizacións nacionais, de carácter estratéxico. E cómpre convocalas procurando acadar a maior inclusión, ou sexa, sobre obxectivos básicos. A finalidade é conseguir o apoio de toda a clase traballadora e doutras camadas populares. Resulta difícil de entender que nalgúns temas exista unha actitude onde caben todas as siglas, mentres noutros, que teñen o mesmo ou maior carácter estratéxico, sendo esenciais para a clase traballadora, se manteñan posturas moito máis ríxidas na política de alianzas e ambigua nas propostas, xerando contradicións que restan forza argumental á loita contra a explotación e a opresión. Semella que se poñen as siglas por diante das reivindicacións nuns casos, e que se aposta polo oportunismo da suma descafeinada noutros. Cal é a política de alianzas para esta etapa? Por que o 1º de Maio e 10 de Marzo son bandeira das propostas estratéxicas e o 8 de Marzo non? Cal é a razón de que este simbolismo se alargue a toda mobilización nacional? Por que nuns casos o marco reivindicativo que se asume é a nación galega e noutros o Estado español? Por que no ámbito institucional, nos concellos existe unha política de alianzas diferente, e propostas que son máis mornas que nos distintos eidos sindicais?

É fundamental a coherencia do proxecto e unha folla de ruta practicábel. Non abonda coa boa vontade, coa entrega, e cunha actitude combativa

 

Cómpre aprender da praxe. Ademais é fundamental a coherencia do proxecto e unha folla de ruta practicábel. Non abonda coa boa vontade, coa entrega, e cunha actitude combativa. Sería positivo para o conxunto das clases populares que as mobilizacións que están programadas nas vindeiras semanas acadasen un gran seguimento. Agora ben, resulta obvio que se fose así deixarían como ensinanza que hai condicións para que o movemento sindical e os partidos de esquerda teñan unha actitude máis atrevida. En concreto, realizar campañas estratéxicas, sostidas no tempo (mediante actos, manifestacións, xornadas de loita, folgas). Tamén amosaría que é posíbel ir máis alá no debate de ideas, nas propostas para esta conxuntura, e para convocar mobilizacións nacionais de carácter estratéxico. Mobilizacións que confronten coa actual distribución da riqueza producida e do traballo, que esixan unha economía sustentábel e autocentrada, a nacionalización de sectores como a banca, enerxía e telecomunicacións. Que poñan nun lugar destacado: a cuestión ecolóxica, a igualdade de xénero, as pensións e servizos e prestacións esenciais, a defensa da lingua e cultura, da soberanía nacional, da democracia. O peor escenario para a clase traballadora é pecharse tras os muros das empresas na súa acción reivindicativa, perdendo poder e protagonismo político, e delegando toda a representación nas institucións nas clases medias acomodadas. Cuestión moi distinta é construír unha alianza estratéxica con estes sectores e coa intelectualidade.

http://manuelmera.blogaliza.org/