Opinión

Dúas propostas singulares e positivas

Coincidindo co pico da tarifa eléctrica do pasado mes e o cumio de presidentes de comunidades e nacionalidades presidido por Rajoy, para axustar o modelo de financiamento autonómico, o BNG volveu incidir nas súas propostas de tarifa eléctrica e de concerto económico. Sen dúbida, en ambos os casos trátase de medidas alternativas que singularizan a fronte diante doutras forzas políticas. Porén o fundamental é que ambas as propostas serían beneficiosas para os intereses económicos e sociais de Galiza. Facendo unha breve análise:

A) Unha tarifa eléctrica máis reducida no noso País é unha medida necesaria e razoábel porque no transporte a enerxía encarécese, ao se perder potencia coa distancia e implicar gastos de infraestruturas e mantemento na rede. A isto cómpre engadir os prexuízos económicos para os habitantes da zona onde se sitúan os centros de produción: vales asolagados, emisión de gases tóxicos, problemas de ruídos e impactos sobre as aves nos aeroxeradores, etc. Deste xeito, a nosa potencialidade enerxética serviría como atractivo para promover a industrialización e tería un efecto positivo sobre o povo galego como consumidor.

B) Segundo o BNG, Galiza aportou en impostos 11.131 millóns de euros no ano 2014 e o Governo central transferiulle á Xunta de Galiza 7.043 millóns. Cómpre engadir que os orzamentos do Estado tiveron o pasado ano un déficit do 5%, que se cubriu con débeda pública (a débeda pública da Xunta foi proporcionalmente menos da metade). Para alén destas cifras, resulta evidente que o sistema actual terxiversa a realidade. Por exemplo, segundo a Axencia Tributaria, no ano 2011 Madrid recolleu o 48,05% dos impostos estatais co 13,8% da povoación do Estado. Ou sexa, preséntase como solidariedade o que é simple centralismo, dado que moitas empresas tributan na capital do Estado cando unha parte considerábel dos seus ingresos resulta do traballo doutros territorios. Hai que rematar con este modelo opaco, e un concerto económico ten a vantaxe de clarificar ingresos e gastos e que as negociacións se fagan directamente entre a Xunta e o Governo central. Isto significaría ademais un avance cualitativo no aspecto simbólico.

Hai que rematar con este modelo opaco, e un concerto económico ten a vantaxe de clarificar ingresos e gastos

Existen sen dúbida máis argumentos sobre a necesidade e xustificación de ambas as reivindicacións. Mais neste contexto e correlación de forzas, só será posíbel conseguilas gañando para este obxectivo a maioría do povo galego a través dunha intensa campaña. E sobre todo, realizando mobilizacións masivas que obriguen a Xunta a facelas súas, e ao Governo central a ceder. Non é doado porque hai intereses empresariais e territoriais contrarios que son moi fortes nas clases hexemónicas, xa que isto afectaría á centralización e concentración da riqueza e do poder. E no caso concreto dun modelo de financiamento baseado no concerto económico, sendo unha proposta oportuna, dado que a cuestión catalá coloca este problema no centro do debate, ren fai pensar que o PP, PSOE e Ciudadanos queiran abrir este melón. E se a agudización da confrontación rematase solucionándose nun sistema confederal ou federal moi amplo, esta proposta, aínda sendo correcta, resultaría limitada e non respondería a un escenario dese tipo.

Polo tanto, só se lle pode tirar todo o rédito a alternativas como a tarifa eléctrica e o concerto económico se o programa, o discurso, e as campañas forman parte dun proxecto máis amplo para esta etapa. É dicir, se se ligan co proxecto estratéxico do BNG. E isto é fundamental nesta conxuntura, cando tanto as propostas da dereita como as da esquerda keynesiana están esgotadas, queimadas. A xente está cansa dos partidos que defenden o neoliberalismo ou neoliberalismo progresista alternativo (véxase os resultados da macro-enquisa realizada en 28 países). Cómpre rachar con esta lóxica perversa e ligar a reivindicación da tarifa eléctrica a un obxectivo máis amplo e importante, como a nacionalización das empresas enerxéticas. Máxime cando son acusadas, con acerto, de seren un oligopolio que espreme ás empresas e a povoación consumidora. Tamén se deberían nacionalizar o sector do aforro e seguros, e das telecomunicacións. Tampouco un concerto económico sería unha panca efectiva para abanear o atraso se non forma parte dun proceso máis profundo, dunha folla de ruta, que permita liquidar a dependencia política, económica, cultural. Por exemplo, nunha confederación ibérica, na que a capacidade de decisión resida en cada unha das nacionalidades (España, Països Catalans, Euskadi, Galiza, Portugal), ou a independencia se non existe outra saída para garantir a plena soberanía. O táctico sempre debe formar parte dunha mensaxe e construción estratéxica, para non devir en puro tacticismo.

Cómpre ligar a reivindicación da tarifa eléctrica a un obxectivo máis amplo e importante, como a nacionalización das empresas enerxéticas

A anterior é unha proposta política que mudaría a fondo as relacións de poder, e entendíbel polo povo nesta conxuntura, tendo en consideración as nefastas consecuencias da integración na Unión Europea, a OTAN e a zona euro, e do centralismo españolista. Comeza a ollarse como necesario no subconsciente colectivo conquistar cambios radicais, dado que todas estas estruturas globalizadoras e o propio capitalismo están en crise, co que isto implica no aspecto territorial, mais tamén para as aspiracións da maioría social. Agora ben, nas relacións económico-sociais actuais, neste lugar do mundo, non pode haber interclasismo liberador, nen no plano nacional, nen no social, porque nega ou relega a loita de clases. Non se pode obviar que a clase traballadora é central, dado que constitúe máis do 80% da povoación ocupada e maioría dos/as pensionistas. Polo tanto, mesmo nunha alianza de clases das clases populares, onde cada unha integre gran parte dos seus obxectivos, esta non será un avance se non dá unha resposta xusta e urxente ás reivindicacións do movemento obreiro. Debe destacar na acción política problemas como os de traballar máis horas das que se cobran, contratos precarios, ritmos insoportábeis e salarios ínfimos.

A chave mestra do nacionalismo galego está en relacionar nación e clase. Así se fixo hai máis de catro décadas, cando un 50% dos ocupados e ocupadas eran labregos e labregas, cunha economía onde primaba o autoconsumo. Daquela analizouse correctamente que o capitalismo xa era hexemónico no País e a clase obreira protagonista principal do cambio.

A chave mestra do nacionalismo galego está en relacionar nación e clase

A tarifa eléctrica e o concerto económico son iniciativas positivas, un paso adiante conxuntural na solución dos graves problemas cos que confronta o noso povo, se forman parte dun proceso, dun proxecto, dunha proposta liberadora. Doulle importancia a este último aspecto, algo que sen dúbida comparte a dirección do BNG, porque é esencial para o avance da conciencia, para transformar a realidade en beneficio das clases populares. Podemos e debemos desenvolver Galiza, opóndonos a formar parte dunha distribución de papeis entre nacións inxusta, imperialista. Unha distribución que empurra a mocidade á emigración e potencia o retroceso demográfico, desfai o rural e esmaga a nosa identidade colectiva. Asemade, tampouco se pode pechar os ollos a que vivimos nunha parte do mundo desenvolvida, mais iso non evita que o traballo e a riqueza estean cada vez máis inxustamente repartidos entre clases. Na Galiza sempre nación e clase ligados, sempre o sistema e a dependencia política condicionando a eficacia da proposta conxuntural.

http://manuelmera.blogaliza.org/