Opinión

Dúas ou máis velocidades na UE?

Chama a atención que os partidos de esquerda opinen tan pouco sobre as rectificacións que se lle queren facer aos tratados da Unión Europea, cando están a debater o futuro da Unión os seus máximos representantes políticos. As decisións que se tomen serán da máxima transcendencia en todos os ámbitos. O Acordo de Versalles hai uns días entre Merkel, Hollande, Gentiloni e Rajoy, no que se decidiron por unha saída a dúas ou máis velocidades, de entre as cinco propostas que fixo Juncker, foi axiña rexeitado polo Grupo Visegrád (formado por Polonia, Chequia, Hungría e Eslovaquia). Repito que diante dun choque frontal tan importante, máxime despois do Brexit, da actitude con Grecia e do auxe da extrema dereita populista, non se entende esta pasividade. Unha actitude moi distinta da rapidez coa que se respondeu no seu día ao pacto de Maastricht ou ao acordo de Lisboa, por poñer dous exemplos.

Ante todo, cómpre termos en consideración que na xuntanza de Versalles participaron os líderes dos países cun PIB que supera o billón de euros, mais que teñen moi distinto peso económico e militar. O PIB de Alemaña supera en catro veces o do Estado español. O único que neste intre teñen en común, ignorando as diverxencias históricas, é que todos apostan pola globalización neoliberal, ou sexa polo proxecto dos poderosos, do imperialismo, malia estaren nunha situación complexa nos seus países. Vexamos. Merkel ten difícil renovar o mandato, Hollande non se presenta nas vindeiras eleccións, en Italia ninguén sabe como se vai resolver a complexa situación política, e Rajoy está en minoría no Parlamento. Mais sería un erro pensar que a reunión de Versalles carece de transcendencia, porque avalando o acordo están as clases dominantes da UE (corporacións empresariais e grandes fortunas), e seguramente, tamén a burocracia europea e os medios de comunicación hexemónicos.

A proposta das dúas ou máis velocidades parece un farol, que en realidade busca condicionar os estados que non están dispostos a aceptar as imposicións de Alemaña (os seus socios máis próximos e os países máis fortes da UE). Non semella que se terminen creando varios bloques dentro da Unión Europea. Apostar por bloques a distinta velocidade contribuiría a esfarelar máis a UE. Ademais, as contradicións hoxe existentes non se resolverían, xa que as diverxencias, tanto de produtividade, como de realidade social, son tamén moi grandes entre Alemaña, Francia, Italia e o Estado español. Por se non abondase coas diverxencias entre os catro paladíns desta proposta, hai quen especula asemade que se incorporarían a este bloque “europeísta”, xunto co Benelux, nacións como Irlanda e Portugal, co que medraría aínda máis a diversidade. Terían o euro como plus en común, co que implica de complicidade e submisión.

A proposta das dúas ou máis velocidades parece un farol, que en realidade busca condicionar os estados que non están dispostos a aceptar as imposicións de Alemaña

As clases dominantes europeas, aliadas entre elas no principal, apostan por un mercado único, con regras de xogo comúns e cun carácter xerarquizado, e que as decisións se tomen lonxe do povo, para así optimizar os rendementos do capital. Algo que conseguiron até hoxe como amosa o medre da concentración e centralización da riqueza e do poder por unha banda, e da desigualdade, precariedade e subordinación pola outra. Mais, aínda sendo así, isto non quer dicir que non exista unha forte contestación popular que condiciona este modelo, e que as contradicións entre as burguesías polo reparto da torta non podan dar lugar a diverxencias insuperábeis. O Brexit, o referendo en Italia, o triunfo de Trump nos Estados Unidos, son un exemplo de que que existen fortes contradicións na alta burguesía do centro do sistema, que non sempre se resolven a prol do sector hexemónico. A proposta de independencia de Escocia e Catalunya liga o descontente popular, tanto social como nacional, con estas contradicións no seo da burguesía, moi forte na pequena e mediana.

A postura do sector dominante do capital é avanzar no proceso de globalización neoliberal en todos os aspectos, sen ter en consideración o aumento do desemprego, da precariedade e da desigualdade. E para esta folla de ruta necesitan eliminar calquera mecanismo que permita certo grao de soberanía que sexa accesíbel ás clases populares (democracia real, capacidade lexislativa, moeda propia, autonomía nos investimentos, medidas de apoio empresarial e ao mercado laboral, etc.). Daquela que a proposta de varias velocidades faga pensar que ten como lóxica acelerar o proceso de centralización do poder político (unha confederación?), forzando os países excluídos da proposta a se sumar a un tren en marcha, no que as decisións se tomen por maioría (da burguesía) e non por consenso, ou en caso contrario, ficar parados na vía e sen locomotora. Evidentemente esta chantaxe pode funcionar porque os socios menores da UE confiaron case todos os mecanismos de decisión a Bruxelas, son uns prisioneiros no ámbito financeiro, económico e militar. Isto pódese comprobar nas dificultades que ten unha potencia como o Reino Unido, mesmo que non se incorporase á eurozona, para saír da Unión Europea, e que Bruxelas mesmo lle esixa unha compensación de 60 mil millóns de euros. E, de non facelo, seica tomaría medidas contra Londres. Algo que soa a ameza... a un país protexido por Trump.

A postura do sector dominante do capital é avanzar no proceso de globalización neoliberal en todos os aspectos

Máis Europa non significa máis democracia. Nen un marco de maior desenvolvemento económico, nen unha correlación de forzas máis axeitada para as nacións sen estado propio, senón todo o contrario. A non ser que exista entre o estado que nega a autodeterminación nacional unha confrontación directa co sector hexemónico do capital na UE, e este opte por favorecer as contradicións internas. Ademais, a perda de soberanía sobre a economía e as condicións laborais dos estados europeos, téndese a compensar cun maior asoballamento sobre a identidade e cultura das nacións dependentes. A UE, a eurozona, a OTAN, son estruturas imperialistas, negadoras dos dereitos populares e nacionais, que fortalecen o proceso de centralización e concentración do poder e da riqueza en beneficio do gran capital e das potencias.

Máis Europa non significa máis democracia. Nen un marco de maior desenvolvemento económico, nen unha correlación de forzas máis axeitada para as nacións sen estado propio

Sen dúbida, estamos a presenciar un debate histórico de moito interese, que deixa ao descuberto o carácter elitista da Unión Europea e do sistema capitalista, e do que se pode esperar de ambos. Evidentemente, ademais de consecuencias regresivas para as clases traballadoras, especialmente para o movemento obreiro, acentuará o proceso de centralización do poder e da riqueza, xa que esa é unha das súas finalidades, en prexuízo das nacións dependentes, especialmente das máis débiles e/ou que carecen de estado propio, como Galiza. Contradicións que interesa analizar, divulgar e contestar en todos os ámbitos, ofrecendo unha proposta alternativa de ruptura nacional, democrática e popular. Agora ben, volvendo ao principio deste artigo. Que pensa sobre este tema a esquerda que se reclama rupturista? Que propón? Non poden ignorar as decisións que tome o poder político e económico, xa que teñen unha enorme transcendencia. Ademais, é un debate necesario e estratéxico, tanto para quen estea por reformar a UE (algo ben difícil), como para quen defenda saír do euro e da Unión Europea, dado que tamén ten algunhas dificultades.

http://manuelmera.blogaliza.org/