Opinión

O dramático e o fundamental

O desemprego, os desafiuzamentos, a emigración da mocidade, o recuar demográfico, a falta de axudas á dependencia, o roubo das preferentes (sen ningún responsábel na cadea), as multas aos emigrantes retornados con pensións, etc., fixeron agromar os dramas persoais, e como resulta lóxico, provocaron que a sensibilidade social e o discurso político se centrase neles. Mais, o preocupante é que este aumento da exclusión e da inxustiza, foi aproveitado polas clases dominantes e a súa hexemonía mediática, para deixar nun segundo plano e mesmo dar como unha realidade inevitábel o aumento da explotación laboral, e un novo reparto do poder e da riqueza producida.

O desemprego, os desafiuzamentos, a emigración da mocidade, o recuar demográfico, a falta de axudas á dependencia, o roubo das preferentes (sen ningún responsábel na cadea), as multas aos emigrantes retornados con pensións, etc., fixeron agromar os dramas persoais, e como resulta lóxico, provocaron que a sensibilidade social e o discurso político se centrase neles. Mais, o preocupante é que este aumento da exclusión e da inxustiza, foi aproveitado polas clases dominantes e a súa hexemonía mediática, para deixar nun segundo plano e mesmo dar como unha realidade inevitábel o aumento da explotación laboral, e un novo reparto do poder e da riqueza producida. Un proceso de concentración e centralización a costa das clases populares e das nacións dependentes, como Galiza. Dise que son as regras da globalización neoliberal, que son parte da evolución, polo que non se pode loitar contra elas, e a única saída é ser máis eficiente e producir máis barato. Convértese así a causa de tanta traxedia en algo imposíbel de evitar, onde só caben remedios que palíen as feridas.

"Dise que son as regras da globalización neoliberal, que son parte da evolución, polo que non se pode loitar contra elas, e a única saída é ser máis eficiente e producir máis barato". 

Daquela, a leitura desta grave situación que fai unha maioría social é: se non aceitas condicións de traballo máis precarias e salarios máis baixos, se non es capaz de producir en escala (ou sexa, absorbido dalgún xeito por unha corporación), a empresa pechará ou se dislocará, incorporándose  os seus traballadores/as á masa de excluídos/as. Aínda que non sexa verdade que a competitividade está exclusivamente relacionada cos salarios, xa que os países máis competitivos son os que os teñen máis altos, o argumento repetido mil veces termina funcionando. Na práctica a competitividade ten unha relación máis directa coa investigación, as taxas á importación e exportación, co valor da moeda, etc.; ou sexa, co grao de soberanía de cada nación, que é o que lle permite impor regras de xogo que sexan funcionais ao desenvolvemento e protección dos seus sectores produtivos. 

Resulta evidente que entre o medre do desemprego, a eliminación de servizos e prestacións públicas e o recuar nas condicións laborais, por unha banda, e a concentración da riqueza, por outra, existe unha íntima relación. Tanta, que a gran burguesía, ademais de aumentar o dominio do mercado a costa dos seus competidores, fixouse como meta conseguir a derrota estratéxica das organizacións sindicais e partidos da clase traballadora. E estano conseguindo a través de varias vías: rebaixa salarial, medre da xornada laboral, contratación eventual e a tempo parcial, redución das cotizacións e mirar para outro lado diante da fraude fiscal, rebaixa de impostos e aumento das achegas públicas. Mais tamén mediante unha lexislación que desregula a contratación, liberaliza e abarata o despedimento,  limita o dereito de folga, e criminaliza a protesta sindical.    

"Sería un erro moi grave das organizacións sindicais e partidos que asumen a defensa dos intereses da clase traballadora, deixar nun segundo plano todo o relativo ás condicións laborais"

Neste contexto, sería un erro moi grave das organizacións sindicais e partidos que asumen a defensa dos intereses da clase traballadora, deixar nun segundo plano todo o relativo ás condicións laborais dos traballadores/as ocupados, abraiados pola grave situación dos sectores máis golpeados polo axuste capitalista (crise). Primeiro, porque os ocupados son a maioría da poboación (lembremos asemade que a metade dos desempregados/as durante unha parte do ano teñen contratos eventuais e rotan con outros ocupados/as). Segundo, porque son aqueles que están en mellores condicións para se mobilizar, tanto pola súa situación laboral, como por formar parte dun colectivo concentrado na empresa. Terceiro, porque moitos/as deles están organizados sindicalmente, ou teñen experiencia de loita reivindicativa ou contan con sindicato na súa empresa. É verdade que a precariedade e o desemprego, que abrangue hoxe a máis dun 50% da clase traballadora, ten un efecto paralizante en moitos casos, mais non impediu loitas tan duras e exitosas como as de Albada, Urbaser ou Denso. Por certo, cunha participación destacada da CIG nestes conflitos, así como na oposición a todos os retrocesos sociais.

Non se debe ignorar que só cumprindo coa lei, mesmo cos retrocesos impostos, e traballando exclusivamente as horas de convenio, rebaixaríase o desemprego en moitos puntos e aumentaría o salario real. Porén o Goberno e a Inspección de Traballo ollan para outro lado. Daquela, a loita pola mellora das condicións laborais dos traballadores/as ocupados é fundamental para reducir a exclusión. Polo que  a clase traballadora está chamada obxectivamente a ser tamén a punta de lanza a prol dunha distribución máis xusta do traballo e da riqueza producida, porque cuestiona a acumulación do lucro por unha minoría, e polo tanto o propio sistema capitalista. Ademais é a que historicamente, mesmo en épocas de enorme fragmentación e precariedade, foi capaz de dar as batallas máis duras contra a explotación laboral, as ditaduras, e a prol dun sistema social máis xusto, democrático e popular. 

"É preciso que o estratéxico marque o ritmo da acción sindical, e que se adapten os métodos de traballo ás exixencias do momento". 

Para aproveitar e fortalecer esta potencialidade obxectiva da clase traballadora cómpre que as súas reivindicacións estean nun primeiro plano, que formen parte acotío da loita social e política, que se refuguen as accións isolacionistas e unha práctica exclusivamente defensiva. É preciso que o estratéxico marque o ritmo da acción sindical, e que se adapten os métodos de traballo ás exixencias do momento. Claro que, se o sindicalismo máis combativo, aquel que durante as últimas catro décadas estivo á fronte da mobilización e das propostas de soberanía e dunha sociedade democrática e xusta, non se segue a fortalecer con alternativas ofensivas que ilusionen, sempre haberá quen utilice a necesidade histórica dun cambio para medrar. Non hai ningún tipo de razón para que non se alargue ao sindical e social o que pasa no ámbito político-institucional; e que unha falsa utopía “liberadora” en ambos os casos poda ser funcional á construción dun novo reformismo sistémico, co apoio mediático dunha fracción das clases dominantes. Se así fose, significaría un paso atrás para as clases populares e a liberación nacional da Galiza.

manuelmera.blogaliza.org