Opinión

A Fronte Obreira da UPG

Na primavera de 1973, no mes de abril, un fato de persoas mozas facían como se estiveran descansando e comendo un bocadillo para repoñer forzas nun prado á beira do río Ulla, moi perto de Pontevea, a medio camiño entre Compostela e a Estrada. Mais, na práctica mantiñan unha xuntanza para poñer os primeiros alicerces a nivel nacional da Fronte Obreira da Unión do Povo Galego (UPG). Alí estaban, o que escribe, “Pepiño de Teis”, así como Casal, Lima e dúas persoas máis, tamén traballadores da Citroën. Un grupo pequeno e representativos de moi poucas empresas, eu daquela traballaba no sector da construción como electricista. Converxían na Fronte Obreira (FO) militantes da UPG e de Galicia Socialista (GS) que se acababa de integrar á primeira. Galicia Socialista era unha pequena organización política con base Vigo.

A conxuntura era complexa, xa que 1972 fora un ano ateigado de mobilizacións obreiras masivas, reivindicacións de clase e de oposición ao franquismo; mais tamén dunha dura represión... moitas detencións, centos de persoas despedidas. A base de CC.OO pasou á clandestinidade, e ficou moi devecida en cadros e sobre todo foi desbordada pola situación. E Organización Obreira (OO), que tivo un papel tan importante na folga en Vigo e nos conflitos previos, ficou esfarelada. O resto das forzas políticas e sindicais resultaron moi debilitadas ou tiñan unha representatividade moi cativa.

Polo tanto, para o nacemento da Fronte Obreira da UPG axudou a decisión da UPG ao respecto de crear estruturas sindicais e sociais especificas nas clases populares, tamén incidiu o éxito de Estudantes Revolucionarios Galegos (ERGA); así como o baleiro conxuntural que deixou a ruptura de Comisións Obreiras en Vigo coa escisión de OO, e a dura represión da ditadura nesta cidade, Ferrol e o resto do país. Ao que se sumaba que tanto o PCE como CCOO non tiñan unha liña e estrutura axeitada para responder a un aumento tan grande da represión do réxime, xa que apostaban nesa altura por unha saída negociada (o chamado Pacto pola Liberdade).

Polo tanto a FO nacía como unha “tendencia” da UPG, ou sexa unha estrutura na que converxían persoas que podían ou non ser militantes e simpatizantes do partido, xa que o obxectivo era que fose, primeiro, xermolo dunha organización de masas autónoma, e no futuro un sindicato de clase, nacionalista e combativo, unha vez caída a ditadura. Tratábase de construír o Poder Popular dende abaixo, ao marxe das estruturas da ditadura franquista e da oposición españolista. Era polo tanto un proxecto cunha folla de ruta que se opuña ao “entrismo”, que daquela practicaba o PCE e CCOO no sindicalismo vertical, considerando a UPG a auto-organización a todos os niveis central para a liberación nacional e a xustiza social.

Neste núcleo inicial da FO tivo entre outros/as un papel relevante Moncho Reboiras, xurdindo xa en 1974 algúns boletíns comarcais que amosan que non faltaba iniciativa, teimosía e folla de ruta. O primeiro foi “Xerme” en A Coruña, en xaneiro dese ano, axiña saíron outros: “Adiante” en Vigo, “Ferramenta” en Ferrol, “Obradoiro” en Ourense, e “Galego” en Compostela. O sindicalismo nacionalista axiña colleu corpo, respondía á necesidade e ao estado de animo dun sector moi amplo da mocidade máis combativa, que entendía como natural a inter-relación entre clase e nación. A forza desta tendencia  permitiu que axiña nacese o Sindicato Obreiro Galego, co gallo das eleccións sindicais de 1975, nas que se decidiu non participar, tamén fundouse nesta etapa a Unión dos Traballadores do Ensino de Galiza (UTEG).

Os xermolos da Fronte Obreira, e moi especialmente o SOG, aos que se incorporaron militantes de OO e de traballadores/as relacionados co PSG, aínda que pouco numerosos e sen grandes medios, foron esenciais para avanzar. Ante todo primaron as reivindicacións concretas da clase e democráticas, a cuestión nacional, o asemblearismo, a propaganda e axitación, a organización de base e a formación político-ideolóxica dos cadros. Mais, sen dúbida, tivo unha enorme importancia a entrega persoal (non houbo ningunha axuda exterior), a coherencia, a teimosía, e as arelas de transformación. Así xurdiu, co esforzo e ilusión de centos de traballadores e traballadoras, mozos e mozas na súa maior parte, ligados ao mundo rural e aos barrios das cidades.

Cando se analiza o proceso histórico, non se pode obviar que o nacemento do sindicalismo de clase e nacionalista galego foi serodio, comparado con outros, como o vasco, malia esta eiva creceu moi rápido e consolidouse como unha forza esencial durante este medio século. Esta é a orixe da CIG, hoxe a maior central da nación galega en número de delegados e delegadas, en afiliación, en capacidade mobilizadora, en iniciativa. Existen ademais antecedentes históricos previos que non se deben esquecer: os Congresos Galaico-Portugueses; a folga da construción do ferrocarril de 1931 na que se proclamou o Estado Galego; a folga xeral galega de 1932, etc.

https://obloguedemera.wordpress.com/

Comentarios