Opinión

Unha viraxe á esquerda na América Latina

Coido que América Latina, así como outras rexións do planeta que fan parte do que se chamaba o “Terceiro Mundo”, son hoxe o centro dos cambios sociais. Mais neste intre todas as miradas están postas na guerra entre Rusia e a Ucraína, xa que ocupan o centro do palco, aínda que en realidade trátase dun conflito de maior magnitude, mundial, entre as potencias hexemónicas e as emerxentes, respecto do reparto da riqueza e do poder. Agora ben, mesmo tendo este condicionante no fondo subxace o carácter senil do capitalismo, os límites que amosa a globalización neoliberal respecto dos recursos, da densidade demográfica, da mobilidade humana, da protección do ecosistema, do cumprimento do dereito internacional sempre e non só cando interesa aos Estados Unidos.

En poucas palabras, que o resultado da invasión da Ucraína por Rusia non é algo secundario, porque está en xogo a cuestión de como será a cabeza do sistema e a tendencia dominante. Garantindo así que no futuro será plural. Daquela a cuestión pendente será: canto? Mesmo con este interrogante sería un pulo cualitativo xa que hoxe a loita pola igualdade e o dereito de autodeterminación están nun segundo plano. Este aspecto tamén está no centro do debate político na América Latina.

En fin indo ao tema do artigo. Todo indica que nas vindeiras eleccións presidenciais Lula da Silva pode obter a presidencia e, con máis atrancos por adiante, o propio pode acontecer con Petro na Colombia. Se fose así sumaríanse dous países de gran peso a México, Arxentina, Bolivia, Chile, Honduras, Perú (¿?),.. o que daría un respiro a Cuba, Venezuela e Nicaragua, que levan décadas resistindo á presión imperial, dos Estados Unidos, mais tamén da Unión Europea (por certo o Estado español ten fortes intereses económicos no continente). No caso de Cuba, Nicaragua e Venezuela cómpre ter en conta que se trata de procesos e situacións políticas moi diferentes, mais todas elas afectadas por bloqueos e sancións que eivan a economía, e implican un duro custe para o povo. Tampouco se pode obviar o valor da resistencia, a importancia da dignidade das persoas.

Sen dúbida unha cuestión importante en moitos destes procesos é a incapacidade da esquerda para se manter por períodos moi longos no poder. O que indica que en non poucos casos esta viraxe á esquerda é conxuntural, expresión dunha tendencia que representa un estado de animo de sectores importantes da sociedade que son propios da rotación sistémica, e non dun salto cualitativo no nivel de conciencia político das clases populares. Resulta evidente que non todas as realidades do ascenso da esquerda desta volta son semellantes, xa que por exemplo en Bolivia o movemento popular opúxose ao golpe de estado cívico-militar contra Evo, e forzou a realizar unhas eleccións que gañou o MAS. En Chile e Colombia o ascenso das forzas de esquerda e progresistas veñen precedidas por fortes mobilizacións sociais.

Agora ben, mesmo tendo en conta esta mobilización popular previa, governar non implica ter o poder, xa que no sistema capitalista, nas democracias formais, este tamén é exercido polas forzas armadas, polas igrexas, polo poder xudicial, polo poder económico, os medios de comunicación (tamén incide o contexto rexional e internacional, daquela a importancia de como se resolva a guerra na Ucraína). Non se pode ignorar que se trata de economías moi globalizadas e dependentes, e de que existe unha verdadeira revolución comunicacional moi controlada desde o centro do sistema)... É dicir as vellas estruturas de poder alternativo poden estar desgastadas, pasando por un momento de debilidade, mesmo fragmentadas, mais seguen sendo esenciais para premer ao Executivo e contrarrestar o poder das clases dominantes.

E, dende o meu punto de vista na construción da organización alternativa, e da socialización dos feitos e lograr a hexemonía do relato, as últimas décadas demostran unha fraxilidade da esquerda que aínda non deu superado (tamén no resto do mundo), agás excepcións. Refírome non tanto á construción da fronte electoral, como a contar cun forte partido de clase (tendo en consideración a realidade actual do movemento obreiro, e as reivindicacións non económicas). Polo tanto cómpre marcar con toda claridade non só os obxectivos a longo prazo senón aqueles que se senten como necesarios e posíbeis para esta etapa por sectores moi amplos da sociedade (non só unha sanidade, ensino e pensións públicas, senón a nacionalización da banca, enerxía, telecomunicacións, transporte de persoas, farmacéuticas...), Mesmo non serían poucos os pequenos empresarios/as autonómos/as que o verían con bos ollos.

Por outra parte, sen dúbida é esencial manter sempre activa a mobilización social, mais non pode ser un refuxio, ou sexa, defensiva. Daquela que sempre debe estar ligada á análise colectiva dos conflitos, das reivindicacións, da folla de ruta, dos métodos de traballo. E iso implica sempre, participación e protagonismo do povo. Non hai cambio posíbel sen participación e protagonismo constante, organizado e consciente, da clase traballadora e outras camadas populares; e o instrumento que serve de locomotora para completar este obxectivo chamase partido político. E esa é, coido, unha das eivas que ten hoxe a esquerda, tamén na América Latina, a debilidade e fragmentación dos partidos revolucionarios, rupturistas, de esquerda non sistémicos (como se lles chame é o de menos). Cómpre ser critico co pasado, houbo erros na esquerda, especialmente no exercicio do governo, porén tamén avances sociais históricos, e forzas que foron quen de realizalos.

Non podemos mudar a realidade global máis que cambiando cada un de nós a do noso país, o outro camiño xa o exercen as grandes potencias, vai unido á imposición, a buscar un novo reparto non a construír un mundo mellor para todos e todas para alén da etnia, lingua, xénero,...

https://obloguedemera.wordpress.com/

Comentarios