Opinión

Un novo Pacto da Moncloa (o búmerang das sancións a Rusia)

Diante das consecuencias económicas da invasión, ou sexa da guerra entre Rusia e a Ucraína, que sempre foi evitábel se non houbese un interese manifesto de USA e aliados de forzar o conflito con Moscova para debilitar a China, agora Pedro Sánchez busca máis unha vez un pacto social. Esquecendo que non fixo ren pola paz. Na práctica enviou barcos ao Mar Negro, tropas a Letonia e armas á Ucraína, e apoia sancións para aforcar a economía de Rusia. Tratando a esta federación como o inimigo, mesmo en tempo de paz. E estes son os resultados: crise na economía mundial e moi especialmente na da UE. Agora como saída o Governo central quere que a clase traballadora e a patronal asinen un acordo, proposto e co aval do Executivo de coalizón, no que con toda seguridade a primeira terá que soportar os custes desta crise, seica polo seu ben, porque así “frearase a inflación, gañarase en competitividade, manterase o emprego”. Ren máis lonxe da realidade.

Ou sexa, a folla de ruta de sempre coas mesmas escusas e mentiras, as mesmas que se predicaron perante a pandemia do covid-19, e que deron lugar a un medre espectacular das rendas do capital, especialmente do sector financeiro e da produción de enerxía e que remataron cunha reforma laboral que, alén dalgunhas melloras, no esencial mantén baixos os salarios e a facilidade dos despedimentos, a saída das empresas do convenio colectivo, e amplos mecanismos para que a patronal impoña a xornada que máis lle pete, etc. Non digamos da actualización do SMI que cunha inflación anual do 6,5% ficou reducida a 1 euro diario. Aumento raquítico, moi lonxe do 60% do salario medio que era o compromiso dos sindicatos pactistas e do Governo. Mais que non impediu que a patronal escenifícase o aumento como un ataque ás empresas, á competitividade, etc. Puro teatro, para sementar o relato do medo e condicionar a mobilización social, aproveitando seu poder nos medios de comunicación de masas.

Todo indica que estas declaracións do Governo son o primeiro globo sonda, dun tema xa falado coa patronal (CEOE, CEPYME) e co sindicalismo pactista (CCOO e UGT) o pasado luns. Estes últimos abandonaron hai tempo a mobilización cando supera a empresa, ou sexa, no ámbito da disputa do modelo económico e social, e polo tanto do reparto real da riqueza e do poder. Mentres que os primeiros, que xa posúen todo o poder na empresa, teñen a iniciativa no eido das ideas (do relato) e maior incidencia que nunca nas institucións políticas, culturais, universidades, etc. (que razón tiña Gramsci cando falaba da hexemonía e do que el chamaba “sociedade civil”)

As sancións impostas a Rusia (que a afectaran) volvéronse con máis forza da esperada contra as potencias impulsoras. Ou sexa, a UE e mesmo os Estados Unidos; e tamén atinxiran ao resto do mundo, aínda que en menor medida. Na UE esperase que a inflación chegue aos dous díxitos, e no caso concreto do Estado español que o PIB fique reducido á metade do previsto. Para equilibrar as contas e manter o gasto orzamentado (e os compromisos con Bruxelas) Pedro Sánchez pretende que nos vindeiros anos (dous, tres...) a clase traballadora acepte que os salarios crezan por debaixo da inflación, ou sexa: que paguen a maior parte da crise. E, nas súas primeiras declaracións, aínda que por unha banda se negan a isto, despois con matizacións CCOO e UGT aceptan o sacrificio perante algúns anos sempre que ao final se recupere o nivel salarial actual. Esta proposta dos sindicatos pactistas ten cando menos tres eivas que non se poden obviar:

A) Non hai garantía de que o actual Governo ou outro cumpra este compromiso, mesmo sendo negativo para a clase traballadora perante unha crise creada polas sancións a Rusia. Ademais, a crise pode durar máis do previsto, contando co aval de CCOO e UGT dun pacto salarial extremadamente regresivo.

B) De tomar como punto de partida os salarios actuais obviaríase que o aumento deste ano foi inferior ao do IPC, ou sexa, os salarios perderon poder adquisitivo, polo que se ao final mesmo tiveran un poder de compra como o actual, aínda así cargaríase sobre a clase traballadora tanto os ingresos perdidos estes anos pasados como os dos próximos nos que se pacte un aumento por debaixo da inflación.

C) Ademais dos salarios non se pode ignorar a cuestión do paro xa que segue e ser moi alto, malia o emprego creado no último ano, e que as portas abertas á inmigración ucraína aumentará a man de obra de reserva. Cales son os medios económicos solidarios para cubrir esta migración de refuxiados/as, ou tamén se trata de aumentar a competencia entre asalariados/as?...

Por último dous aspectos, ambos moi interdependentes na nación galega, polo que teñen moita importancia para a clase traballadora. Refírome a se están valoradas as consecuencias negativas que van ter sobre a economía e o emprego na Galiza as sancións búmerang impostas a Rusia e a intervención desta na Ucraína, e polo tanto: cales van ser as medidas, os recursos, da UE, o Governo central e da Xunta da Galiza para reducir ao mínimo estes efectos?...

Sabemos que unha boa parte do sindicalismo mantivo respecto do último pacto social, e doutros no pasado, unha oposición frontal e que se mobilizou pola derrogación das normas laborais regresivas (caso da CIG, ELA, LAB, IC, CUT, CGT, etc). Mais, malia que o peso do sindicalismo pactista é cada vez menor, especialmente nas empresas con maior activismo sindical, a esta altura aínda a unidade é necesaria en moitas ocasións para que as manifestacións e paros teñan un carácter masivo, de forte incidencia social e política. E neste último aspecto é onde a postura de CCOO e UGT é estratexicamente máis negativa polo que implica como aposta pola vía do derrotismo, de regresivo no estado de animo e de retroceso da conciencia, xa que afecta á participación e protagonismo dun sector da clase traballadora. Ademais tamén contribúe que haxa persoas desinformadas que metan a todas as centrais sindicais no mesmo bote, dado a lectura neoliberal que fan os medios sistémicos, privados e públicos, do que acontece no ámbito laboral e social.

Estes son atrancos que se suman á debilidade neste intre da esquerda política a nivel internacional, e engaden atrancos a construción dun sistema económico e social alternativo, de xustiza social, soberanía nacional e solidariedade. Aínda que os acontecementos están pondo en xaque á globalización neoliberal, e os escenarios futuros poden mudar moito, e a historia non está escrita. Mais, en calquera dos escenarios posíbeis é importante que se vexa con claridade como debilita ao movemento obreiro desligar as negociacións coa patronal e o governo das accións de protesta, da participación e o debate, tanto previo como perante as negociacións, e nas necesarias xuntanzas posteriores para realizar un balance dos resultados.