Opinión

O dilema europeo: vítimas ou socios de Merkel?

Un artigo do xornalista Rafael Poch destacaba hai uns días que o dirixente da Fronte de Esquerda en Francia, Jean-Luc Melenchon, publicara un libro denunciando o maltrato de Merkel (ou sexa de Alemaña) contra o sur da Unión Europea e Francia. 

Un artigo do xornalista Rafael Poch destacaba hai uns días que o dirixente da Fronte de Esquerda en Francia, Jean-Luc Melenchon, publicara un libro denunciando o maltrato de Merkel (ou sexa de Alemaña) contra o sur da Unión Europea e Francia. Non é unha novidade, xa que un discurso semellante fan Syriza e outras forzas que se moven no mesmo espazo, do que se podería considerar a socialdemocracia de esquerdas europeísta. Sen dúbida hai motivos para esta denuncia, e sería moi positivo que a sociedade francesa reaxese diante dunha política económica e social que é funcional exclusivamente aos intereses dos máis fortes, tanto se estes son empresas ou os estados que integran a UE. 

"Non é algo secundario que Francia sexa unha das economías máis fortes da UE e do mundo, teña poder militar, armas nucleares"

Agora ben, esta caracterización dos males actuais na UE non deixa de ser simplista e parcial, e en boa medida chauvinista, xa que pasa por alto que Francia é aínda un país soberano e que as políticas da Unión Europea foron apoiadas polos seus representantes en Bruxelas. E fixérono así porque son positivas para a fracción dominante, e tamén governante. Non é algo secundario que Francia sexa unha das economías máis fortes da UE e do mundo, teña poder militar, armas nucleares, e ademais, intereses imperiais moi significativos en África e o Pacífico, e que sexa o país da UE con maior investimento exterior directo (Alemaña é o terceiro, por detrás do Reino Unido). Mesmo nalgúns casos, como en Libia, Costa de Marfil, Siria ou Malí, o governo francés foi dos que máis empurraron a prol dunha intervención armada, ignorando o dereito internacional. E no apoio a estas políticas imperialistas, no país galo non hai distinción entre os governos da dereita e os formalmente socialistas. 

Cando se analizan as políticas da UE, non se pode obviar que Alemaña é a maior economía da Unión, polo que é lóxico que teña un maior peso político. Ademais ten fortes lazos culturais e intereses comúns cun grupo de países que lle dan maioría nas institucións europeas. Asemade, nada impide que os estados que se sintan prexudicados protesten e fagan unha fronte común para obrigar a unha reconsideración das regras do xogo, baixo a ameaza dunha ruptura coa UE, por exemplo. Porén, soubo alguén de que se chegase a ese extremo? Nos últimos anos, algúns dos países que máis protestaban, déronse por satisfeitos cando se salvou a súa banca, recuperouse a Bolsa, e puxéronse en práctica medidas de axuste para poder competir sen investimentos en tecnoloxía e investigación e sen reducir a taxa de lucro. Daquela que o axuste se concretase na redución de prestacións públicas e salarios, precarización das relacións laborais e degradación da negociación colectiva, así como nunha lexislación represiva contra a protesta social. 

"A construción da Unión Europea foi desde o seu inicio funcional ás corporacións e grandes fortunas. E toda a normativa e institucións das que se foi dotando serviron ese propósito".

É deste xeito porque a construción da Unión Europea foi desde o seu inicio funcional ás corporacións e grandes fortunas. E toda a normativa e institucións das que se foi dotando serviron ese propósito. Por esa razón a negociación do TTIP cos Estados Unidos é segreda, e saben máis dos debates os lobbys empresariais que os eurodeputados, como se denunciou acotío nos últimos meses. Tampouco é casual que, disfrazada de diversas maneiras, a directiva Bolkestein, rexeitada por unha maioría social, terminase imposta na práctica. 

A UE é unha sociedade mercantil onde cada estado capitalista ten o peso que corresponde ao investido e producido. Non se sustenta en obxectivos solidarios, nun reparto equitativo do poder e da riqueza entre territorios. E as axudas, cando as hai, teñen condicións que procuran un retorno a medio prazo cun novo reparto da torta favorábel aos prestamistas, para gañar novos consumidores, ou para garantir materias primas esenciais e máis baratas. Ou sexa, como non podía ser doutro xeito no capitalismo, os territorios máis fortes da UE teñen coa súa periferia o mesmo comportamento que Alemaña ten coa Europa central e do leste, Francia con África, o Estado español coa América Latina, e o Reino Unido coas súas ex-colonias. Neste aspecto non existen diferenzas cualitativas. E nos intereses empresariais que se defenden, no reparto da torta entre países e corporacións, entran tanto as matrices como as súas sucursais, aínda que estean fóra da UE. Por exemplo, Francia e o Estado español teñen retornos importantes polos investimentos no exterior, que garanten mellor baixo o paraugas da UE e da OTAN. E isto, cando Madrid disputa o reparto en Bruxelas, conta moito máis que os prexuízos para Galiza ou para determinados sectores produtivos. Todo é cuestión de cartos e de poder, e algunhas veces de intereses persoais, corrupción, etc. 

"A  soberanía plena reside nos estados, que poderían polo tanto negárense a levar adiante aquelas medidas que son negativas para as súas povoacións".

En resumo:

a) As políticas europeas decídense en institucións nas que están directamente representados todos os governos dos estados que integran a Unión, coa presenza de partidos conservadores, liberais e socialdemócratas. Que favorecen especialmente Alemaña e os países da súa contorna é evidente, como amosa que obteñan un enorme saldo positivo no comercio exterior.

b) Mais, a soberanía plena reside nos estados, que poderían polo tanto negárense a levar adiante aquelas medidas que son negativas para as súas povoacións. Entón, por que non o fan?

c) É verdade que, como é lóxico, se con isto cuestionan a esencia da UE pode significar a saída ou expulsión. Tamén é certo, que dado que se transferiron á Unión competencias en temas de tanta transcendencia como o control da moeda (no caso da eurozona), a política de aranceis, e todo o relativo ao sector agrícola, etc, a saída da Unión pode ter importantes custes transitorios, especialmente se resulta imposíbel unha negociación.

d) En calquera caso, cada governo, cada povo, terá que colocar na balanza que custes ten a permanencia na UE e cales son os beneficios. Se as clases dominantes de todos os países que integran a Unión non o fan é porque lles favorece. Por iso os medios xeran un clima tan propicio á integración, e para desviar a atención do problema principal, a UE, ocultan a súa complicidade. Uns critican a preguiza e outros a terquedade. E mentres tanto, todos seguen axudando a concentrar e centralizar poder e riqueza, para beneficio dos ricos, dos altos executivos, e dunha fracción da povoación que ve mellorar o seu nivel de vida. 

"A algúns deses estados, presuntas vítimas dunha dependencia forzada, teñen un papel imperialista en terceiros países"

O realmente grave é que unha parte da esquerda, seica rupturista, asuma este discurso que pretende colocar toda a sociedade detrás da disputa económica constante entre as clases dominantes de cada estado pola torta. Ignorando o carácter mercantil e imperialista da Unión Europea, e quen ten a soberanía institucional, e como algúns deses estados, presuntas vítimas dunha dependencia forzada, teñen un papel imperialista en terceiros países. Gloria Teresita Almaguer, analista do Centro de Estudos Europeos de Cuba, debullaba nun artigo o papel da UE no contexto internacional, e preguntábase se é ou non unha potencia imperialista (http://www.rebelion.org/noticia.php?id=174993): - “É Imperialista a UE? Seguramente nin o seu propio liderado se atreve a dubidalo, e aínda que moito se empeñe en agochalo, son moi poucos aos que pode confundir...”

En realidade este discurso, cando menos na esquerda española, ten como unha das súas finalidades canear a evidencia de que hai nacións periféricas no Estado que son tratadas como verdadeiras colonias (caso de Galiza) ou países subordinados, dando como normal a situación co argumento de que todos somos un protectorado de Merkel. Se así fose, non habería ningunha razón para se opoñer a que Galiza, Cataluña e Euskadi fosen xuridicamente nacións independentes, xa que sería un feito que carecería de valor. A redefinición do mapa político que se alentou dende os medios (e unha fracción das clases dominantes) por temor a unha declaración unilateral de independencia en Cataluña, demostra que non é así. E a actitude que con respecto á cuestión nacional teñen Podemos e Esquerda Unida, alén das boas palabras e das declaracións baleiras, son a proba do algodón, cando ao final, no dereito á soberanía, todo fica supeditado ao que decida “o povo español” sobre o tema.

"Significa asumir que o atraso do país débese á incapacidade ou desleixo das clases dominantes residentes na Galiza, e ignorar o proceso de conquista da nosa nación"

A caracterización do Estado español, como un protectorado alemán, tamén é funcional a aquela fracción do nacionalismo galego que por oportunidade procurou un atallo para o medre nas institucións, como fixeron Anova ou as mareas, porque había que “priorizar o social”. Agora ben, enfocar todo na concentración do capital, é dicir na cuestión social, deixando nun segundo plano o proceso de centralización, non dá resposta á perda de peso económico e demográfico de Galiza, e reduce a cuestión nacional ao aspecto exclusivamente identitario (cando a dependencia ten consecuencias no eido económico que aumentan o grao de explotación das clases populares). Significa asumir que o atraso do país débese á incapacidade ou desleixo das clases dominantes residentes na Galiza, e ignorar o proceso de conquista da nosa nación e captación da alta burguesía pola potencia colonizadora, e o control exterior das grandes empresas e medios de información. Esta folla de ruta debilita a conciencia nacional, e sementa o desalento sobre a capacidade para dar unha resposta como povo a fin de resolver as contradicións presentes e futuras. 

A independencia non é algo formal, malia que poda selo en boa medida, dependendo de quen e como a exerce. Mais iso é unha cuestión moi distinta. O Estado español non é un protectorado, só unha potencia menor, lastrada pola falta de democracia, no económico, social e na negación dos dereitos dos povos asoballados, e por unha burguesía parasitaria. Unha potencia menor, que prefire asociarse coa UE e a OTAN para protexer os intereses das grandes fortunas no exterior, e ter fortes aliados para conter os procesos de liberación de Galiza, Euskadi e Cataluña. Polo que se ve, estas posturas erradas tamén aniñan en boa parte da esquerda francesa. Aínda que isto, tanto en Francia como no Estado español, non é ningunha novidade histórica.

http://manuelmera.blogaliza.org/