Opinión

A diferenza cualitativa (tamén na política) está na soberanía e no reparto

A primeiros deste ano, o PIB do Estado español e da Galiza recuperou os valores de antes da crise. Daquela que o Governo central considere que a crise é parte do pasado. Segundo esta análise só quedarían algúns flocos, como a alta taxa de desemprego. O aumento da desigualdade, por mor das medidas neoliberais, asúmese coma un custe engadido nunha economía máis competitiva, máis produtiva. Daquela que consideren a expansión da precariedade como necesaria para manter o emprego nos sectores “menos competitivos”, e polo tanto que o PP defenda con unllas e dentes a efectividade da contra-reforma laboral que aprobou no inicio da lexislatura anterior.

Porén, os argumentos do PP, que comparte Ciudadanos (e aplicou en boa medida o PSOE durante o período de Zapatero e anteriores presidentes), non resiste a proba do algodón. Vexamos. Se comparamos con outras economías “máis competitivas” da UE, que se rexen polas mesmas normas económicas, malia ter uns salarios medios moito máis elevados, a taxa de desemprego é incomparabelmente máis baixa, e a precariedade e desigualdade menor. A diferenza cualitativa e cuantitativa está, tanto na formación, como nun maior investimento en i+d+i, mais sobre todo en normas que crean un contexto favorábel aos intereses destes centros de poder económico e político. Hai partidos que reducen os atrancos ao primeiro aspecto e argumentan que leva tempo salvar o diferencial tecnolóxico. Porén, esta análise carece de rigor, xa que dende a entrada na UE, hai máis de tres décadas, veñen utilizando a escusa do sacrificio laboral como condición para que teñan efecto as medidas en i+d+i, sen que nunca se vexan os resultados que se lles presupón, nin en Europa, nin na Galiza.

Por outra banda, na actualidade son as grandes empresas as que realizan en gran medida o investimento en tecnoloxía. Ademais, a globalización neoliberal, a integración na UE e os tratados de libre comercio, deron pulo ao proceso de concentración e centralización capitalista. Sen realizar cambios sistémicos non é doado competir neste terreo, e mudar o papel que cumpre cada país na cadea de valor. Todo indica que a razón esencial para o baixo crecemento é carecer dun marco económico e social apropiado. A cuestión da soberanía nacional sempre é un aspecto central, polo que nunca se pode obviar.

A aposta pola investigación para o sector público ou subvencionada con cartos públicos, que os partidos da esquerda apoian, é necesaria e débese ampliar. Mais tampouco soluciona no fundamental a eiva tecnolóxica. E en certos casos, como no relativo ao sector do automóbil na Galiza, agocha mesmo achegas indirectas ás empresas. Unha cuestión moi distinta sería que se apostase por un maior gasto en i+d+i no marco dunha política de nacionalización de empresas estratéxicas. Por exemplo, comezando pola banca, enerxía e telecomunicacións, que dependen do consumo interno e son sectores que se lucran actuando como parasitos do resto da actividade económica e do consumo das familias. Unha proposta de nacionalización destes sectores tería un consenso moi maioritario, tanto das clases populares como da pequena e mediana burguesía. Resulta incompresíbel que isto non se propoña, cando en boa medida moitas delas eran non hai tanto empresas dependentes do Estado e funcionaban ben.

A cuestión da soberanía nacional sempre é un aspecto central, polo que nunca se pode obviar

O outro aspecto que amosa as contradicións dos partidos sistémicos, así como a carencia de argumentos críbeis, é que se pretenda ligar sempre a diminución do desemprego e da desigualdade co medre da economía. Se fose así non se entende porque Portugal, cunha renda máis baixa ca galega, ten unha taxa de paro varias veces menor. Ou porque o medre do PIB na Galiza, nos dous últimos anos, non evitou que seguisen a caer os salarios e as pensións. O malo é que unha parte da esquerda tamén merca esta vía argumental sen lle facer ningunha matización. Por ignorancia? Por razóns ideolóxicas?... Calquera que teña un mínimo de relación co “mercado laboral” sabe que unha parte considerábel dos asalariados e asalariadas traballan máis horas das que cobran e polas que o empresario non cotiza. Abondaría con que se cumprisen os convenios e a lei para que aumentase o salario medio, as cotizacións á seguridade social, e se creasen novos empregos. Evidentemente isto implica unha redistribución da renda e un retroceso da desigualdade. Para acadalo fai falla vontade política, e sobre todo que se reivindique como algo central e prioritario, alentando a mobilización e instalando o debate na sociedade.

Abondaría con que se cumprisen os convenios e a lei para que aumentase o salario medio, as cotizacións á seguridade social, e se creasen novos empregos

Evidentemente non abonda con facer cumprir a lei, máxime cando durante a crise (axuste) o capital mantivo e mesmo ampliou o lucro aumentando os mecanismos de apropiación da renda producida. Contou neste aspecto co apoio de partidos políticos afíns, co control sobre os medios de comunicación e cultura de masas, e mediante maiores medidas represivas. Estes mecanismos foron no económico: a rebaixa salarial impoñendo o retroceso da lexislación laboral e o aumento da man de obra de reserva (inmigración, deslocalización); a aceptación das regras sistémicas por unha boa parte do sindicalismo; unha maior presión fiscal sobre as rendas do traballo (IRPF) e sobre o consumo (IVE); unha redución e privatización dos servizos públicos esenciais (copago sanitario; etc.); a rebaixa de prestacións como o seguro de desemprego e as pensións, dificultando o acceso e minguando as contías. A transferencia de recursos á patronal fíxose tamén vía subvención nas cotas á seguridade social por novas contratacións ou conversión de contratos. Polo tanto, para alén da queda dos ingresos salariais da clase traballadora en relación aos do capital, como amosan as estatísticas, hai que sumar asemade todos os custes indirectos. Por exemplo, as achegas nos orzamentos, rebaixas nos impostos, e a vista gorda diante de boa parte da fraude fiscal e do traballo en negro, e das relacións de dependencia agochadas como “falsos autónomos”.

Non se pode esquecer, que para aplicar este aumento da explotación laboral, o capital dotouse de medios represivos máis duros para disciplinar a clase traballadora. Concretamente: a Lei Mordaza, unha maior presión sobre os sindicatos e os delegados/as na empresa, a ameaza da perda do emprego nun contexto con tanto paro e persoas na pobreza e marxinadas, e o aumento dos despedimentos por razóns reivindicativas. Nestes aspectos, contou cun poder xudicial compracente con esta reforma regresiva, salvo escasas excepcións, como amosan as duras penas coas que se castiga a protesta nas empresas e na rúa.

O capital dotouse de medios represivos máis duros para disciplinar a clase traballadora

Outro aspecto a termos en consideración é que se constata estatisticamente o retroceso dos ingresos da clase traballadora en beneficio das rendas do capital e mixtas. Non se pode obviar que nas primeiras están incluídos os salarios dos altos directivos e persoal de confianza da dirección das empresas. Segundo un estudo de Adecco no ano 2014, no Estado español, o custe medio de todos os asalariados/as era de 31.755 euros. Que para os directivos eran 49.146, mandos intermedios 39.021, técnicos/as 26.809 e empregados/as 19.223. Os custes na Galiza eran un 11% máis baixos, e as diferenzas segundo o papel na empresa terían unha tendencia moi semellante. Polo tanto os ingresos que lle corresponden á clase traballadora sobre a renda total son inferiores aos que se engloban no concepto de rendas do traballo. Mesmo así, estas son hoxe de conxunto menores ás rendas do capital, malia que a clase traballadora representa un 80% da poboación ocupada.

Algúns dados sobre o tema. No ano 2009, as rendas do traballo na Galiza eran o 48% do PIB. No ano 2016, baixaron ao 42,9%, as do capital subiron do 43,8% ao 47,1%. No ano 2016, cun aumento do PIB de 3,4% e do emprego, as rendas do traballo reducíronse en 1,1 puntos, o mesmo que medraron as do capital. En poucas palabras, o crecemento da economía beneficia exclusivamente o capital, a menos que a clase traballadora mediante a loita obrigue a patronal a unha redistribución da renda. A tendencia á concentración e centralización da riqueza e do poder, que é consubstancial co capitalismo, non só afecta negativamente a clase traballadora senón tamén a inmensa maioría dos autónomos/as e dos pequenos empresarios/as.

O crecemento da economía beneficia exclusivamente o capital, a menos que a clase traballadora mediante a loita obrigue a patronal a unha redistribución da renda

Resulta evidente que o ingreso salarial galego é moito máis baixo que o de Madrid (que é un 36% máis alto), que é con quen se hai que comparar na Península, e este é moi inferior ao de Alemaña e Noruega. Mais cando se fala de Uruguai e Venezuela, ou de Ecuador que están governados por forzas progresistas, e con rendas varias veces inferiores, ninguén xustifica na “esquerda europea” que a mellora salarial se supedite a atinxir uns niveis de renda per capita semellantes aos de Alemaña ou Noruega. Entón, por que a premisa de “primeiro agrandar a torta e despois distribuír” debe condicionar o programa reivindicativo e as prioridades na Galiza? Non hai razón para poñer o acento no crecemento da economía, e non nun reparto xusto da riqueza producida, que ademais está entre as máis elevadas do mundo. Se cadra é un modo de non confrontar co capital ou de negar a loita de clases, substituíndoa pola meritocracia. Deste xeito non se confronta coa explotación e redúcese a cuestión social aos seus aspectos dramáticos, como o desemprego, a pobreza, a marxinación, a violencia, a emigración e a desfeita demográfica. Non se procura eliminar os males de raíz, as causas que os provocan, evitando a súa reprodución, senón que se aplican “tiritas” ou recrean espellismos, como a renda básica universal (ver artigo sobre este aspecto). Considérase o mundo do traballo un celeiro máis para o clientelismo electoral.

Os ingresos salariais inciden directamente sobre as condicións de vida da maioría das familias, e indirectamente sobre as pensións. Asemade, unhas condicións laborais dignas contribuirán ao reparto do traballo, a diminuír a xornada, a conciliar a vida laboral e familiar, a evitar as altas taxas de desemprego. A rebaixa dos ingresos da clase traballadora, a súa estratificación, o medre da xornada e dos ritmos, obedecen á lóxica da máxima explotación e son consecuencia da cobiza das clases dominantes. Carecen de fundamento económico. Unhas condicións laborais dignas son posíbeis e sobre todo son necesarias, non só porque favorecerían o consumo, diminuirían a violencia e a tensión social, senón esencialmente porque son o xusto, porque son a única resposta liberadora no social e no nacional. Galiza é a súa xente, o povo traballador, e moi especialmente a clase obreira, que hoxe é determinante mesmo en moitos concellos do rural. Sen facer da eliminación da explotación e da conquista da igualdade a cerna da loita política non hai liberación nacional posíbel, por máis que se repita cada hora o compromiso co amor á Terra. A historia, a cultura, a lingua, non son abstraccións, ou produto exclusivo de figuras senlleiras, senón unha construción colectiva. A loita de clases é o sacho co que se labra a emancipación social e nacional. Non hai atallos! Cando menos neste lugar e neste contexto.

http://manuelmera.blogaliza.org