Opinión

A diferenza cualitativa está no papel do Estado e o sector público

Practicamente todos os/as analistas coinciden en que ficamos nunha conxuntura histórica.  Tal como se reflicte claramente na confrontación crecente entre o imperialismo hexemónico e as potencias emerxentes, que procuran un mundo multipolar. E como estas, especialmente China, non só supera a Estados Unidos na produción industrial, senón que compite cada vez cun maior éxito na intelixencia artificial, co que isto implica para o futuro no eido militar, das comunicacións e información, do espazo exterior, etc. Ou sexa, malia que Estados Unidos e as potencias aliadas (G-7, OTAN) aínda manteñen a hexemonía no ámbito militar convencional, nas finanzas e moedas de reserva, nas redes, na información e cultura de masas, nos organismos internacionais, o multilateralismo vaise impoñendo cada ano que pasa, malia todas as medidas de Washington para impedilo, dende as sancións económicas até a presión militar. A cuestión reside en como será a amplitude e composición dos organismos de decisións, tanto a nivel do papel das nacións, como das clases sociais, do novo escenario.

A esta altura todo indica que esta tendencia dominante non se modificará no futuro, malia todos os intentos que está a facer os Estados Unidos para recuperar os niveis de dominio que tivo nas décadas posteriores á caída da Unión Soviética. De pouco lle están a valer as medidas de forza no externo, como unha maior presión militar e sancións económicas; e tampouco implicará un salto cualitativo comparábel ao doutras épocas o gran endebedamento público para recuperar a economía. Ao que se lle suma o imposto do 15% ás grandes corporacións, blindado cun acordo mundial para evitar o branqueo nos refuxios fiscais. Estas medidas, así como a efectividade do combate á pandemia do covid-19 e os avances en tecnoloxía espacial por parte de China, son a mellor evidencia da importancia que ten a planificación da economía, así como o control público dos sectores estratéxicos, especialmente nun mundo tan globalizado, competitivo, e con límites cada vez máis evidentes en materias primas e desfeita dos ecosistemas.

Polo tanto, no mundo actual a diferenza cualitativa entre o modelo de China e Estados Unidos é cada vez máis evidente en termos económicos, e co que isto implica no eido laboral e social. Esta diferenza non radica en que o primeiro sexa un país socialista, xa que non o é plenamente, cando menos tal como se definía até a década dos 90 do século pasado, senón en que as decisións que toma Pequín vanse executar tamén polas corporacións, polo que estas non están ao servizo exclusivo da obtención de lucro para os/as accionistas e directivos/as. Agora ben, ademais deste aspecto de eficiencia no ámbito da administración, no operativo, o esencial é que as prioridades  marcadas por Pequín son as correctas para lograr un fortalecemento das infraestruturas e da economía, da diversificación e para completar os ciclos produtivos, así como para o avance tecnolóxico, a protección da natureza, a creación de emprego e a mellora das condicións de vida da povoación. Cando se considera que non se cumpren estes obxectivos por parte mesmo das grandes empresas, esixese a rectificación (vexase como se solucionaron as diferenzas con Ali Baba).

No mundo actual a diferenza cualitativa entre o modelo de China e Estados Unidos é cada vez máis evidente en termos económicos, e co que isto implica no eido laboral e social

Non sucede deste xeito nos Estados Unidos e países aliados. Un exemplo son as corporacións tecnoloxícas: Amazon, Microsoft, Apple, Faccebock, Google. Daquela que Washington e as potencias aliadas, atadas ao neoliberalismo, e ao papel decisivo que xogan as corporacións privadas e a Bolsa, teñen como único recurso convencelas a través da obtención de maiores beneficios, a costa de menores custes salariais, impostos máis baixos, e a eliminación ou impoñer atrancos á competencia. E, en último estremo, propor un imposto mundial ás grandes corporacións (tamén as financeiras? E as criptomoedas?). O Estado está ao servizo das clases dominantes, e dentro desta cada vez ten un papel máis determinante o sector máis concentrado e centralizado, como reprodución lóxica da evolución do capital durante esta etapa de globalización neoliberal. 

A preponderancia do sector privado, a súa concentración, que coloca ás corporacións por riba dos governos, mesmo daqueles máis poderosos, non fixo máis que agudizar as contradicións entre as clases sociais, as nacións, e mesmo dentro da propia clase dominante (daquela a violencia dos enfrontamentos nas institucións entre a esquerda e dereita sistémica). Neste contexto tan complexo, e de estrema fragmentación política, as medidas tomadas por Estados Unidos, a Unión Europea e outras nacións aliadas, para superar a crise da pandemia, como é a emisión de débeda para axudar á recuperación económica, volve ter como maiores beneficiarios estes grandes grupos empresariais. Co argumento da necesidade de cambios estratéxicos feudalizase máis a economía, debilitando o aparello do Estado no futuro. Polo tanto agudízanse as contradicións de clase, e afastase ao povo das institucións, ao deixar máis unha vez en evidencia que non están ao servizo da sociedade.

En resumo, fica cada vez máis certo que o modelo das potencias occidentais é menos efectivo no operativo que o existente en China. Xa que maximizar o lucro é consubstancial e prioritario para o capitalismo, máxime cando carece dun poder político que lle impoña límites, obxectivos sociais e unha folla de ruta para cumprilos. E ademais, para servir os intereses nacionais, do povo, importa moito en que proporción os sectores estratéxicos teñen un carácter público. Tampouco é secundario o grao de amplitude e protagonismo que teña o mundo multipolar. Este salto cualitativo non será inmediato, terá que pasar por situacións complexas e graves, mais, terminarase impoñendo. 

https://obloguedemera.wordpress.com/