Opinión

O día despois nunha Galiza independente

Sen dúbida, para alén das dificultades e dos esforzos, a conquista da soberanía é unha condición básica, urxente, para defender os intereses do pobo galego, tanto os económicos como os sociais, e preservar a nosa identidade colectiva. Agora ben, ¿abonda con acadar este obxectivo para garantir o desenvolvemento económico, a xustiza social, e a normalización da nosa cultura e lingua? Todo amosa que neste intre histórico, e no noso marco xeopolítico, non é suficiente atinxir este obxectivo, mesmo sendo esencial, senón que cómpre ademais realizar cambios radicais no sistema económico e social. Voume explicar.

Sen dúbida, para alén das dificultades e dos esforzos, a conquista da soberanía é unha condición básica, urxente, para defender os intereses do pobo galego, tanto os económicos como os sociais, e preservar a nosa identidade colectiva. Agora ben, ¿abonda con acadar este obxectivo para garantir o desenvolvemento económico, a xustiza social, e a normalización da nosa cultura e lingua? Todo amosa que neste intre histórico, e no noso marco xeopolítico, non é suficiente atinxir este obxectivo, mesmo sendo esencial, senón que cómpre ademais realizar cambios radicais no sistema económico e social. Voume explicar.

"Para desenvolver a nación, e xerar emprego digno, é necesario modificar a matriz produtiva, dando pulo a unha economía que aproveite as riquezas naturais e as potencialidades do pobo galego".

Resulta evidente que para desenvolver a nación, e xerar emprego digno, é necesario modificar a matriz produtiva, dando pulo a unha economía que aproveite as riquezas naturais e as potencialidades do pobo galego. Mais, calquera medida que se tome neste sentido, por exemplo, as nacionalizacións, a promoción dos produtos autóctonos e a potenciación das empresas con sede no país (sexan públicas ou privadas) choca frontalmente cos intereses dos grandes grupos económicos, e coas regras de xogo fixadas polas potencias imperialistas, os organismos internacionais e a propia Unión Europea. E, como ollamos acotío, estes utilizan todos os mecanismos de presión cos que contan, que son moitos e moi agresivos. 

Non é doado conxeniar a soberanía popular coa pertenza ao euro e á Unión Europea, a menos que se renuncie a toda medida que confronte a globalización neoliberal, para alén de que se podan negociar cuestións de forma e concesións menores e conxunturais que non mudan a tendencia dominante para que esta remate por se impoñer en todas as esferas. Tal foi a decisión de países como Letonia, Estonia, Eslovenia e outros cando se integraron na Unión cuns resultados tráxicos para a actividade produtiva, o emprego, os servizos públicos esenciais e as condicións de vida da maioría social. 

Agora ben, tampouco esquezamos que ademais do valor da moeda, e da súa emisión, hai outros mecanismos de control reguladores da economía moi importantes, como son os aranceis para o comercio exterior, a directiva de servizos, e outras normas que rexen a produción e comercialización no seo da Unión Europea e con terceiros países. Non é posíbel, ou cando menos nada doado, desenvolver a economía nun pequeno país, cun tecido empresarial moi feble, aceptando as regras de xogo feitas á medida das corporacións transnacionais actuais, e nunha dinámica que tende a acentuar esta tendencia. A menos que se produza unha revolución popular ao longo e largo da Unión, algo que non se albisca a curto prazo, como se reflicte na pouca oposición contra os recortes laborais e sociais en moitos dos estados que a integran. 

"Sen un cambio radical no modelo produtivo, que agora é funcional aos intereses das grandes corporacións, é imposíbel desenvolver unha economía sustentábel e autocentrada"

Aceptando como valida a hipótese de que no marco da Unión Europea non se podería desenvolver Galiza, xa que a soberanía tería un carácter exclusivamente formal, máxime tendo en consideración a nosa debilidade, xorde a pregunta ¿de estarmos fóra da UE, a soberanía sería condición abondo para defender os intereses populares, sumándolle propostas socialdemócratas ou keynesianas que melloren as condicións de vida da xente, sen cuestionar o capitalismo? Todo fai pensar que ese escenario tampouco é viábel. Primeiro, porque as transnacionais tamén serían hexemónicas no eido económico e da información nunha Galiza independente, polo que calquera avance terá que se disputar nas institucións e na rúa (véxase Venezuela, Ecuador, etc.). Segundo, porque sen un cambio radical no modelo produtivo, que agora é funcional aos intereses das grandes corporacións, é imposíbel desenvolver unha economía sustentábel e autocentrada, ou sexa: ao servizo da clase traballadora, os autónomos e os pequenos empresarios. Os poderes económicos e fácticos só aceptan a vontade popular cando non lles queda máis remedio. 

Para mudar a matriz produtiva é fundamental, por exemplo, a nacionalización da banca e dos seguros, da enerxía, das telecomunicacións e doutras empresas estratéxicas que non dependan do mercado exterior (cando menos nunha primeira etapa). Cómpre darlle moito pulo ao cooperativismo en actividades intensivas en man de obra, e deixar respirar a pequena empresa privada naqueles sectores nos que sexa eficiente e aplique condicións laborais dignas. Iso non quere dicir que neste intre, e con esta correlación de forzas, non se reivindiquen as reformas posíbeis, que debiliten a tendencia dominante, e que sirvan para gañar tempo, afortalar o movemento obreiro e construír poder popular; mais sempre que estas reivindicacións conxunturais non substitúan no imaxinario colectivo, e hipotequen, o obxectivo estratéxico. E isto só é posíbel socializando en todo momento a folla de ruta para a liberación nacional e social do pobo galego.

Asemade, sen un cambio na base produtiva e unha democracia popular, non están garantidos o desenvolvemento económico e un reparto xusto do traballo e da riqueza, mais tampouco, a preservación do ecosistema, ou a normalización da nosa cultura e lingua. Teñamos en consideración que, a agresión contra as sinais de identidade propias, ademais de ser consecuencia de factores externos (por mor da colonización), contan no interior co apoio da burguesía, de amplas capas dos chamados profesionais, e un fragmento importante da clase traballadora acomodada. Tampouco se pode ignorar que apoiado en todos os instrumentos do Estado, no senso máis amplo, o imperialismo español deu folgos a un proceso moi forte de alienación na Galiza en sectores populares, especialmente nas áreas urbanas. Ou sexa, estes aspectos do colonialismo non desapareceran coa proclamación dun Estado galego, se este non garante unha mudanza radical da correlación de forzas, facendo das clases populares, como maioría social, as protagonistas e referencia social e política da nova etapa histórica. E para que isto sexa posíbel cómpre realizar un cambio nas relacións de produción.

"Resulta evidente que, mesmo acadando a independencia, dentro a Unión Europea é imposíbel frear a hexemonía dos medios en español, e da súa visión alienada da historia e cultura"

Resulta evidente que, mesmo acadando a independencia, dentro a Unión Europea é imposíbel frear a hexemonía dos medios en español, e da súa visión alienada da historia e cultura, dado que son empresas privadas que se sustentan na normativa europea. Esta tendencia españolizadora foi a máis, para alén dos optimismos dalgúns, tanto en relación á autonomía, como á maior ou menor sensibilidade segundo a cor dos gobernos centrais. A historia amosou que non se reverteu a agresión, senón que se acentuou nas ultimas décadas, tanto pola desfeita do rural, como pola visión globalizadora en todos os aspectos que predica e impón a Unión Europea, e o aumento do centralismo e da concentración do capital. 

Por ultimo, algúns comentarios máis sobre a cuestión da Unión Europea. Sempre me chamou a atención que mentres unha parte significativa da poboación rexeita a UE (só 2/3 pensa que foi positiva a entrada, malia a demonización desta postura), os partidos políticos, mesmo os nacionalistas de esquerda, teñen unha actitude timorata neste tema, e logo pregúntanse porque a xente está cada vez máis afastada dos partidos. Neste aspecto hai unha ruptura, pola dereita, entre o sentir popular e as direccións das forzas políticas e sociais. Tamén é digno de análise, polo contraditorio, que se afirme que a UE está a aplicar medidas reaccionarias no económico, social e laboral, que non recoñece as nacións sen estado, que esta gobernada por organismos non democráticos, e que a evolución é cada vez máis regresiva e a correlación de forzas máis negativa para a maioría social, e aínda así, con tantas eivas e atrancos, se aposte con teimosía transformala, e non por acabar cun proxecto que dende o seu nacemento demostrou ser  exclusivamente funcional ás grandes corporacións e aos estados máis poderosos. 

"En todo caso, o obxectivo debe ser a solidariedade e o facer en común de todos os pobos do mundo (como reclama a Internacional, himno da clase traballadora)"

Nesta mesma liña de razoamento, tampouco é moi de esquerda, nen progresista, defender como obxectivo a unidade exclusiva entre os pobos da Unión Europea. En todo caso, o obxectivo debe ser a solidariedade e o facer en común de todos os pobos do mundo (como reclama a Internacional, himno da clase traballadora), a menos que se discrimine en función da cor da pel, do poder económico e que se asuman como propios os intereses hexemónicos das clases dominantes. E, a esta altura, todo reflicte que a constitución de grandes bloques político-económicos, que substitúen en certos aspectos o papel dos estados “nacionais”, non é o camiño para rematar coa desigualdade, a pobreza e alentar a democracia popular e o respecto por todos os pobos. A diferenza da década dos sesenta do século pasado, aumentou a presión contra a diversidade e non diminuíron os conflitos armados, senón que se manteñen, agora aportando maiores perigos pola dimensión das forzas confrontadas e o medre das contradicións, nun mundo no que todas as guerras están moi preto de nós. O poder político afastouse, xa que as distancias físicas contan, polo que diminuíu a incidencia das clases populares en beneficio dos lobbys das grandes corporacións empresariais. Resulta evidente que a Unión Europea non é unha aposta pola paz e a seguridade, e moito menos pola democracia e a solidariedade. 

Hai aspectos políticos, do discurso e das propostas, nos que resulta evidente a inmensa hexemonía ideolóxica das clases dominantes nesta etapa histórica. Son debates necesarios para a clarificación, de se querer fortalecer no imaxinario colectivo un proxecto alternativo ao do imperialismo, ter unha folla de ruta axeitada, mellorar os métodos de traballo, e poder construír un novo bloque hexemónico (como nos diría Gramsci). 

http://manuelmera.blogaliza.org/