Opinión

Día das Letras Galegas ou da Lingua Galega, aclarémonos

O 17 de maio denominase Día das Letras Galegas, se cadra porque na época da ditadura unha celebración como esta cun claro carácter galeguista debíase presentar o máis esvaída posíbel para evitar que fose censurada. Porén, na práctica a data ten un carácter reivindicativo respecto da lingua galega en todos os ámbitos de expresión, e así é entendido na actualidade pola sociedade galega e tamén seguramente pola Academia Galega, aínda que as persoas homenaxeadas non o reflictan axeitadamente esta diversidade, por se axustar mecanicamente aos límites orixinais. Que sexa así é unha eiva e un atranco, xa que desaproveita a potencialidade plena da nosa lingua. Non pretendo con esta afirmación cuestionar a labor desta entidade tan necesaria, nen a súa continuidade e fortalecemento, que debe ser apoiado por todas as institucións galegas, comezando pola Xunta da Galiza. Daquela que sexa grave que con este governo suceda todo o contrario, deixando en evidencia que a actitude fronte á lingua tamén é un tema de diverxencia política.

Sen dúbida todas ou a inmensa maioría das persoas que foron homenaxeadas merecíano, e a divulgación da súa obra e da súa contribución persoal constitúen unha achega importante á defensa e promoción da lingua galega e da nosa identidade nacional. Mais, resulta difícil de entender que non formen parte destes recoñecementos outras persoas que tamén se significaron pola divulgación da nosa lingua noutros ámbitos, para alén da poesía, novela, ensaio e pouco máis. E refírome tanto a persoas como entidades que destacaron na defensa e promoción do noso idioma en todos os ámbitos da sociedade galega ou na emigración. Polo tanto: non se deberían superar homenaxes tan personalizadas e reducidas a un determinado uso da lingua, aínda que se mantivese a relevancia nos eidos específicos que xa teñen un valor histórico no Día das Letras Galegas?

A potenciación da lingua, cultura e historia do país, son fundamentais para a construción da conciencia colectiva nacional e protexer a riqueza da humanidade

A potenciación da lingua, cultura e historia do país, son fundamentais para a construción da conciencia colectiva nacional e protexer a riqueza da humanidade, para o cal se necesita entre outros factores dunha relación constante e activa co tecido social, e dentro del cos actores máis dinámicos. A ruptura entre mundo rural e urbano, o afastamento entre produción intelectual e o mundo do traballo e o povo en xeral, forman parte das eivas das sociedades subalternas, da dependencia, dos procesos coloniais. Son tendencias estruturais que só se poden transformar tendendo pontes, rompendo moldes, ou sexa, co que na miña mocidade chamábase folla de ruta e atrevemento revolucionario. Nesta andaina, porque non encetar por algo tan sinxelo como lle chamar ao 17 de maio como o que é: o Día da Lingua Galega. Porque a Academia Galega non elimina do seu nome a dependencia da monarquía. Dando estes pequenos pasos, aínda tería unha maior forza e coherencia que en todas as casas galegas pendure a bandeira da patria este 17 de de maio. Tal como nos pide Queremos Galego, para deixar en evidencia que a pandemia e o Estado de Alarma poden secuestrar o dereito á mobilización mais non poden confinar o amor á Terra e as arelas de xustiza e liberdade.

https://obloguedemera.wordpress.com/