Opinión

Día da Patria, cando a militancia vota

As manifestacións do 25 de Xullo son un reto, porque reflicten o estado de ánimo da militancia nacionalista máis activa. Así o sentimos todos/as os que participamos; mesmo aqueles que levamos moito tempo facéndoo. Hai que lembrar que nestas catro décadas non sempre existiu a mesma capacidade de convocatoria. Houbo intres de retroceso, como despois da ruptura do movemento nacional popular galego en 1982. Polo que resultaba evidente que este Día da Patria ía ser para o nacionalismo, máis unha, vez unha mobilización especialmente difícil, polas rupturas e diverxencias internas, e o retroceso electoral do BNG dende hai unha década. Tamén podía afectar que non se  convocase “unitariamente”, máxime co antecedente do ano pasado. Unha suma de feitos que xeraba nalgúns/as pesimismo, e certa preocupación no resto. Porén, máis unha vez, a base do nacionalismo anticolonial deu unha lección e referendou o acertado da convocatoria.

A única manifestación do Día da Patria Galega con apoio de masas foi a convocada polo BNG, á que se sumaron FOGA e PCPG

A principal novidade, a respecto doutros anos, é que a única manifestación do Día da Patria Galega con apoio de masas foi a convocada polo BNG, á que se sumaron FOGA e PCPG. O número de participantes era cando menos igual que os do ano pasado, malia que daquela convocaron practicamente todas as organizacións do nacionalismo, por exemplo Anova e CxG, e outras de ámbito estatal que se sumaron, como EU. Sei que se poden debater as cifras, se cincocentos máis ou cincocentos menos, porén son disquisicións que carecen de valor político. A participación foi un éxito, como se viron obrigados a recoñecer todos os medios. A praza da Quintana estaba ateigada, malia que moitos/as desisten de entrar (pesan os anos, condicionan os/as nenos, un sol que esmaga, a duración). En contraste, o acto de Anova reuniu un número de persoas moi cativo, e a manifestación a prol da independencia foi inferior á doutros anos.  

Destes feitos obxectivos, podemos tirar as seguintes conclusións: 

A) Na Galiza, hai unha franxa considerábel de persoas que se mobiliza pola cuestión nacional. E, malia os erros e o derrotismo dalgúns dirixentes (especialmente do recente pasado), amosa que non diminúe a asistencia ás manifestacións, sexa o Día da Patria ou o Día das Letras Galegas. Tampouco o aumento de alternativas no nacionalismo (algunhas con éxito electoral) afectou dende o punto de vista cuantitativo ao BNG como a referencia máis importante entre os/as nacionalistas máis activos, malia o recuar en votos. Como superar esta fenda entre vangarda e a franxa menos comprometida  é o reto.

Resulta evidente o éxito da manifestación do Día da Patria. Unha capacidade coa que o BNG debe contar para dar pulo á súa recuperación nas institucións

B) Resulta evidente o éxito da manifestación do Día da Patria. Unha capacidade coa que o BNG debe contar para dar pulo á súa recuperación nas institucións, como valora correctamente o seu secretario de organización nunha entrevista en Sermos Galiza. Para isto é fundamental vencellar a mobilización coa presenza nas institucións, mais tamén coa loita das ideas e a organización. E hai que facelo con argumentos, non por oportunismo ou como un aspecto subsidiario do electoral, porque de ser así o nacionalismo corre o risco de que no futuro, calquera retroceso electoral esmague a protesta política na rúa. A mobilización é un aspecto esencial para a liberación, e o BNG ten neste ámbito un prestixio gañado e consolidado en décadas de loitas reivindicativas e estratéxicas. A mobilización, organización, loita das ideas e presenza institucional son distintos ámbitos de actuación no que está presente a loita de clases e nacional, que se retro-alimentan, mais que teñen dinámicas propias e para as que se deben fixar tarefas específicas. Non menos importante é poñer en valor as cinco décadas de loita, coherencia e iniciativa, do movemento nacional popular galego. 

C) Outro dato a termos en consideración é o sentir dos/as asistentes á mobilización do 25 de Xullo. A consigna máis coreada e con máis forza foi, coma en anos anteriores, a de Galiza Ceibe, Poder Popular. Unha palabra de orde que amosa a interdependencia entre o social e o nacional, xa que liga a liberación coas reivindicacións e o protagonismo das clases populares. Un sentir que se reforza ao comprobar que as organizacións convidadas máis aplaudidas son: as de Palestina e Sáhara, así como Bildu, PCP e Bloco de Esquerdas (neste caso máis a primeira que a segunda). Que fose así non é casual, responde á liña histórica da fronte, que sempre estivo ligada aos movementos de liberación nacional e aos partidos comprometidos coa emancipación da clase traballadora. Mais convén lembralo, especialmente cando hai quen teoriza neste contexto complexo e volátil sobre un proxecto menos definido, que respondería mellor ao momento, e como a solución máxica para gañar votos. Nunca se pode esquecer que a agudización das contradicións necesita de respostas claras, atrevidas.

Nunca se pode esquecer que a agudización das contradicións necesita de respostas claras, atrevidas

Sendo dos que esperaba que a manifestación do BNG tivese unha importante participación, debo dicir que o resultado superou positivamente as miñas expectativas. En troques, Anova reuniu no seu acto un número de persoas moi inferior ao que sería lóxico, o mesmo que Compromiso por Galiza, e outro tanto sucedeu coa convocatoria realizada polas organizacións “independentistas”. Razóns: afastamento da cuestión nacional e exceso de institucionalismo en Anova, posturas que non cuestionan o sistema no caso de Compromiso por Galicia, e propoñer unha folla de ruta e tarefas vangardistas, que a base nacionalista olla como irrealizábeis, por parte dos “independentistas” (Por certo, con seguridade militamos moitos/as máis independentistas no BNG e dende antes de que xurdisen organizacións que se definen deste xeito;  os proxectos teñen etapas, e non se pode obviar o grao de conciencia, o estado de ánimo da xente, a correlación de forzas, o contexto internacional... o esencial é a auto-organización a todos os niveis). 

A pregunta do millón é, que efecto terá esta cambio de tendencia que  indica a mobilización do Día da Patria nas vindeiras eleccións galegas? Coido que é evidente que será positivo para o BNG, que haberá unha recuperación. Aínda que a medida estará condicionada polo grao de inxerencia dos grandes medios de comunicación, máxime se estes conseguen que haxa sectores que no interior da fronte fagan de quinta columna de proxectos alternativos que lle disputan o espazo político. Algo que é realmente preocupante, especialmente cando teñen obxectivos e unha folla de ruta que subordina a liberación nacional e social do povo galego ás estratexias electorais e de poder das forzas estatais. Eu sería optimista en relación coas galegas, cada elección ten dinámicas propias. Hai unha ampla militancia, e catro décadas de loita e coherencia. E o futuro do proxecto mídese non só polo papel que ten nas institucións, senón ademais, repito, pola fortaleza da organización, a iniciativa na mobilización, a capacidade para dar a loita das ideas, ligar axeitadamente a cuestión nacional coa loita de clases (que é o seu eixo central).   

http://manuelmera.blogaliza.org/