Opinión

Deterioro (planificado) da sanidade pública galega

Coa escusa do desequilibrio orzamentario, da falta de recursos por mor da crise e da comparación con outros territorios e estados da contorna, que realizaron duros axustes sobre a sanidade pública, fóronse dando pasos na privatización da xestión de servizos, impoñendo o “copago” nos medicamentos, e precarizando as condicións de traballo. Medidas que de vagar van deteriorando este servizo público esencial a todos os niveis. E ren indica que esta tendencia vaia reverter, malia que a economía medra dende hai uns anos. 

O primeiro en sentir os efectos deste deterioro é o cadro de persoal, dado que ten unha perspectiva máis ampla das deficiencias no servizo, pola falta de profesionais, así como pola degradación dos contratos e o retroceso dos ingresos salariais. En calquera caso, a percepción das carencias pola sociedade é cada vez maior, como o demostran as manifestacións masivas en Vigo, Verín e outras cidades galegas por distintos motivos que inciden na prestación sanitaria. Hai que dicir que, malia a constancia e masividade das protestas, a receptividade por parte do SERGAS e da Xunta foi practicamente nula até o día de hoxe. 

Como un exemplo da progresiva degradación da situación sanitaria temos o caso dos Puntos de Atención Primaria (PAC). Isto motivou que o persoal destes centros realizase unha concentración o 20 de febreiro diante da Consellaría de Sanidade en Compostela. Acudiron á mesma 400 persoas segundo os medios. Presentaron un escrito coas súas reivindicacións, avalado por 900 sinaturas, dun colectivo que abrangue 1.200 profesionais. Denunciaban: condicións laborais peores que as do resto do persoal do SERGAS; que non se pague a totalidade do complemento de nocturnidade e festivos; que os permisos e as baixas non computan neutros tendo que recuperar parte da xornada tras o goce destes permisos; que a falta de substitutos aumente até 100 horas a xornada laboral anual; que se realizan contratos de substitución que supoñen xornadas laborais de máis de 24 horas, etc. 

O pasado 22 de abril os/as traballadores dos PACs amosaban en Vigo máis unha vez seu descontente

 

O pasado 22 de abril os/as traballadores dos PACs amosaban en Vigo máis unha vez seu descontente. Desta vez, aproveitando unha reunión programada polo Conselleiro de Sanidade, no hospital do Meixoeiro, ao que foran convocados os/as profesionais de Atención Primaria para manifestar as súas opinións sobre a cuestión. Mais, como a xuntanza concentrou un gran número de asistentes e temeron que o acto propagandístico non transcorrese como esperaban: “a dirección da EOXI, encabezada polo xerente, convidounos a abandonar o salón de actos acusándonos de 'violentar' coa nosa presenza a reunión na que nos atopabamos de xeito pacífico sentadas/os para agardar a nosa oportunidade para expresar e dar a coñecer a nosa situación”.

Concentración PACsNeste acto, o colectivo entregaba ao conselleiro as súas reivindicacións, que concretaban en 11 puntos: 

1) Equipos completos de persoal médico/enfermería en todos os PAC. 

2) Respecto aos tempos de traballo conforme ás directivas europeas.

3) Eliminar dos obxectivos as “derivacións hospitalarias” ou calquera tipo de eufemismo que se refira a estas.

4) Dotación dos PAC en base a criterios de carga asistencial, dispersión xeográfica e distancia ao hospital de referencia.

5) O pago do 100% dos complementos de nocturnidade e festividade con carácter retroactivo desde o 2010.

6) Que non se aumente a xornada laboral efectiva das 1.451 horas actuais. (Calquera exceso de xornada debe ser voluntario, incentivado e por tramos).

7) Computo neutro para os permisos retribuídos.

8) As asistencias ás reunións coa xerencia deben ser computadas como xornada laboral.

9) As dietas de domingos e festivos deben ser aboadas polo concepto de xantar e cea.

10) Elaboración dos calendarios de quendas dando prioridade ao persoal propio do PAC.

11) A dotación de Equipos de Protección Individual a todo o persoal que traballa nos PAC´s, tanto se son fixos, como persoal en formación ou eventuais. Debe existir un circuíto de limpeza que evite ter que levar a roupa a lavar ao domicilio persoal e que asegure a súa disposición na seguinte quenda de traballo.

Houbo unha nova protesta o 27 de abril. Nesta data concentráronse en Compostela, fronte ao SERGAS, varios centos de persoas, coincidindo coa reunión da Comisión Técnica que está a tratar as reivindicacións deste colectivo de profesionais. A xuntanza foi unha demostración máis da falta de vontade da administración para resolver as demandas dos persoal dos PACs. María Xosé Abuín, secretaria Nacional da CIG-Saúde, afirmou que o SERGAS “pretende seguir dilatando no tempo a busca de solucións para este colectivo, xa que a súa única proposta foi adiar o tema até unha próxima reunión (...) A administración, co apoio dalgunhas organizacións sindicais presentes na xuntanza propuxo que na próxima reunión (a finais de maio) convocaríase unha nova xuntanza, para falar das equipas completas dos PACs” (Avantar). Polo que o tema da xornada non se tratará, no mellor dos casos, até o mes de xuño, malia a gravidade da problemática. 

María Xosé Abuín, secretaria Nacional da CIG-Saúde, afirmou que o SERGAS “pretende seguir dilatando no tempo a busca de solucións para este colectivo

 

As dificultades dos PAC, a falta de persoal, a temporalidade dos contratos, as xornadas, afectan directamente na atención dos usuarios e usuarias do sistema de saúde público. Problemas idénticos existen tamén en todos os centros dependentes da Consellaría de Sanidade (tanto de atención primaria como hospitais), cos engadidos de privatización da xestión e perda de servizos dos hospitais comarcais. Isto é consecuencia de que se quere priorizar a saúde como un negocio e non como un servizo público. Reverter esta tendencia regresiva é unha cuestión esencial, de xustiza social, máxime nun país como o noso, cunha taxa de poboación avellentada moi grande, e onde as taxas de marxinalidade e pobreza van en aumento.

https://obloguedemera.wordpress.com/


 

Comentarios