Opinión

Desindustrialización, malia os apoios verbais as solucións non chegan

Os meses van pasando, e a atención do Governo central e da Xunta de Galiza está centrada na recuperación da hostalería, do turismo (Xacobeo), moi esenciais para Madrid e as áreas do Mediterráneo. Polo que se deixa nun moi segundo plano as medidas alternativas para actividades e empregos afectados directa ou indirectamente pola economía de escala que impulsa a Unión Europea e a “transición verde”. Daquela que a problemática á que se enfronta a clase traballadora e as bisbarras galegas non se trate tanto dunha reconversión como dun desmantelamento que atinxe moi directamente a sectores como o enerxético, aluminio, naval... e a comarcas xa moi malladas por procesos anteriores de desindustrialización, como é o caso de Ferrolterra-Eume, ou que teñen nestes sectores a locomotora económica, como a Mariña de Lugo ou Vigo.

Neste contexto hai que valorar moi positivamente, por acertada e necesaria, a masiva manifestación do pasado xoves 10 de xuño nas Pontes, que ven precedida por moitas outras tanto nesta vila como en Ferrol e mesmo A Coruña. Nesta última acción as centrais sindicais convocantes denunciaban: “que os traballadores e traballadoras son as vítimas do enfrontamento entre o Governo español e o galego, e da pasividade de Endesa, que se escusa na tramitación pola vía ordinaria do expediente de peche da central para deixar abandonado o persoal”.

Non se estará a usar este choque entre partidos e institucións do sistema como unha escusa para deixar podrecer a situación

Alenta esta análise pesimista que o enfrontamento institucional partidario, despois de tanto tempo, por ningunha das partes se traduciu en medidas concretas. Ou sexa: non se estará a usar este choque entre partidos e institucións do sistema como unha escusa para deixar podrecer a situación, para non facer ren? Non sería a primeira vez que isto sucede. Ademais os/as dirixentes dos partidos sistémicos esquécense rapidamente das declaracións e compromisos, como amosa ao facer unha mínima análise do acontecido no pasado. Evitando así tomar as medidas necesarias que eviten a destrución de actividade económica e postos de traballo directos e indirectos; ou facéndoo parcialmente

Daquela que teña tanta importancia manter as mobilizacións como elemento de presión e procurar a complicidade da sociedade mediante a socialización da problemática. Son os medios máis efectivos para obter resultados! Un exemplo é a convocatoria da mobilización da CIG do pasado 15 de xuño en Santiago de Compostela, na que se xuntaron máis dun milleiro de delegados e delegadas da central sindical  baixo a consigna de “emprego digno e industria con futuro”. É un éxito para esta etapa de pandemia. Foron tres marchas pola cidade que se xuntaron e arrodearon o edificio da Xunta de Galiza, para deixar patente a falta de vontade e de presión fronte ao Governo central en relación con estes temas, para alén das declaracións circunstanciais do Governo galego, e o mundo de marabilla que pinta Núñez Feijóo.

Neste acto reivindicativo e de protesta o secretario xeral da CIG, Paulo Carril denunciou con moi bo criterio que: “a chamada descarbonización e dixitalización da economía non busca o benestar, a xustiza social ou o reparto do traballo, senón aumentar a marxe de beneficios do capital, causando máis desemprego, máis desigualdades e máis pobreza laboral (...) unha demolición do emprego e da industria que se poñen en marcha sen ningún tipo de transición social xusta, sen alternativas de reindustrialización e de postos traballo”. Defendeu: “poder decidir sobre o aproveitamento dos nosos recursos e sobre o noso modelo económico e social; diversificar as nosas capacidades produtivas e industriais; procurar un mellor equilibrio territorial e medioambiental que estea ao servizo dunha rendibilidade social e non privada, evite a destrución de emprego e a emigración e consolide o respecto polos dereitos laborais e a mellora das condicións de traballo”.

Poder decidir sobre o aproveitamento dos nosos recursos e sobre o noso modelo económico e social

Sen dúbida a central sindical nacionalista ademais de apoiar todas aquelas accións reivindicativas como consecuencia do peche de empresas, regulacións de persoal ou incumprimento ou renovación de convenio, destacou perante a pandemia por impulsar a mobilización laboral a prol da derrogación das regresivas reformas laborais, das pensións e da Lei Mordaza. Unha iniciativa correcta, que merece un aplauso, que pon as bases para mobilizacións máis masivas, e prestixian ao sindicalismo de clase. Mais tamén enfronta atrancos, como o de rachar co blindaxe que deste sistema opresor e explotador fan os medios sistémicos. Tamén hai eivas: aproveitar mellor as redes? A divulgación dos feitos, da situación, dos obxectivos, dos métodos de traballo, da folla de ruta é fundamental. 

https://obloguedemera.wordpress.com/