Opinión

A dependencia da Galiza, para alén das balanzas fiscais

O referendo catalán focalizou o debate da cuestión nacional no tema das balanzas fiscais entre o Estado español (EE) e as nacións negadas polas clases dominantes, xa que este é un dos principais eixos do confronto dialéctico, aínda que non o único.

O referendo catalán focalizou o debate da cuestión nacional no tema das balanzas fiscais entre o Estado español (EE) e as nacións negadas polas clases dominantes, xa que este é un dos principais eixos do confronto dialéctico, aínda que non o único. O trato nos orzamentos públicos, tendo en consideración o recadado e o gastado, non só é inxusto para Cataluña, senón que tamén o é para Galiza, como ten analizado en tantas oportunidades Xosé Díaz, por exemplo na última edición do Terra e Tempo de xullo-decembro de 2014. Tamén o BNG facía hai pouco unha consideración semellante, co gallo da publicación dos balances fiscais por parte do Ministerio de Facenda, cualificando o documento de falacia e de carecer de rigor técnico, xa que volvía incidir no déficit das contas públicas galegas. Pola contra, a organización frontista valoraba para o ano 2011 unha perda de 1.322 millóns de euros para a nosa nación.

"Se Madrid ingresa a metade dos impostos do EE non é porque traballe e pague tres veces máis que os demais"

Sen dúbida o tema, pola súa complexidade, préstase a todo tipo de manipulacións por parte do Goberno central, e todos/as aqueles que se suman ao reseso proxecto imperial españolista (que non son poucos). Nomeadamente, por exemplo, no rubro dos ingresos, non poucas empresas teñen  a súa actividade principal na Galiza e pagan todo o imposto de sociedades en Madrid. Tal é o caso de PSA-Citroën. Mais esta diverxencia tamén se dá no IRPF e no IVE, impostos que hoxe teñen maior valor na recadación tributaria, como consecuencia das rebaixas fiscais ás empresas, do crecemento das Sicav para canear impostos polas grandes fortunas e do peso da fraude das rendas do capital. 

Vexamos os dados. Cataluña representaba no ano 2013 o 18,8% no PIB do Estado español, Madrid o 17,9%, e Galiza o 5,4%, mentres que na recadación tributaria líquida do Estado as porcentaxes foron do 20,3%, 48,9%, e 3,4% respectivamente (estas últimas son cifras da Axencia Tributaria, e as do PIB son do INE). Para alén de Madrid e Cataluña (e deixando á marxe o País Vasco), o resto das autonomías recadaban moito menos que o seu peso no PIB. Se Madrid ingresa a metade dos impostos do EE non é porque traballe e pague tres veces máis que os demais, senón porque se favorece da centralización e concentración empresarial, ou sexa do poder económico. Unha situación perversa que non é casual, nen froito das riquezas do territorio, senón consecuencia de que a conquista, o poder político, axeu en beneficio de Castela, e moi especialmente de Madrid. Só Cataluña ficou ate hai pouco á marxe desta tendencia, e Euskadi a través do concerto fiscal especial. A postura que agora mantén o nacionalismo autonomista destes países dependentes indica que os resultados xa non lles son satisfactorios. É lóxico, porque este sistema mundial está nunha profunda crise que procura resolver por medio dun novo axuste entres clases e nacións. Un axuste que atinxe moi especialmente á Unión Europea, porque a potencia hexemónica, Estados Unidos, o considera como unha condición necesaria para garantir a súa burguesía o dominio mundial. 

"Mesmo que fose positiva para Galiza a balanza fiscal, non se pode ignorar que ademais existe un intercambio desigual entre centro e periferia".

Por outra banda, no capitulo dos gastos, esquécese intencionadamente que unha parte significativa das pensións galegas responden á recuperación de ingresos diferidos, a unha débeda, por mor das cotizacións realizadas durante a actividade laboral noutras autonomías do EE, así como noutros estados cos que hai convenios bilaterais (Alemaña, Francia, Suíza, Noruega, etc.). Outro tanto pódese dicir da adxudicación dos gastos producidos polo aparello central, en moitos casos duplicado ou coa única finalidade de controlar e abafar as competencias autonómicas, ou sexa para realizar funcións que garanten a supremacía de España sobre as nacións da periferia. Falamos de ducias de miles de empregos, e unha morea de altos directivos, que dan vida a moitos máis postos de traballo no comercio, servizos, transporte, etc. E que por suposto son ferventes defensores do centralismo (como nas grandes empresas) porque o seu emprego e condicións laborais dependen da continuidade deste sistema inxusto, onde prima a lei da selva.

Agora ben, mesmo que fose positiva para Galiza a balanza fiscal, non se pode ignorar que ademais existe un intercambio desigual entre centro e periferia. Un tema analizado e teorizado entre outros por Ruy Mauro Marini en Dialéctica da Dependencia, así como por Gunder Frank, Vania Bambirra, etc. Unha subordinación que recrea o atraso, e que chucha unha parte significativa da riqueza nacional a través do sector privado da economía, dándolle ao subdesenvolvemento un falso carácter de normalidade. No caso concreto da Galiza este feito resulta moi evidente na emigración de man de obra moza, unha vez cualificada, e que logo vai retornar en parte cando é unha carga social, así como na exportación masiva do aforro (en realidade apropiación), malia este ser necesario para o desenvolvemento interno. Dáse tamén un efecto semellante na exportación do excedente de enerxía eléctrica, xa que ten igual prezo en todo o Estado, malia a perda e sobrecuste que se orixina no traslado. Por non falar do excedente que durante décadas produciu Endesa nas Pontes e que foi investido fóra da nosa nación. A esixencia do BNG e CIG dun menor prezo na Galiza, para potenciar a industrialización, nunca foi escoitada polo Goberno central.

"Unha política macro-económica que favorece unhas actividades e prexudica outras, decidida en función das corporacións e territorios máis fortes"

O papel que xogan nas relacións de produción, no reparto do traballo e do excedente, as varias nacións que integran o Estado español non son casuais. Tampouco son consecuencia da capacidade duns e desleixo doutros. Teñen orixe na conquista militar, en longos procesos de colonización e exclusión, e en medidas concretas que se practican na actualidade dende o Goberno central en beneficio das clases dominantes. E iso abrangue tanto aspectos económicos, como identitarios, e de poder. Lembremos os máis salientábeis:

a) Unha política macro-económica que favorece unhas actividades e prexudica outras, decidida en función das corporacións e territorios máis fortes (factores interrelacionados). Non é igual o trato que reciben a oliveira e a laranxa que o sector lácteo e a pesca. 

b) O proceso de concentración e centralización da banca é outro argumento de peso. O Banco Pastor e o Banco Gallego, perdéronse na última atacada, xa que houbo máis, e veremos canto tempo dura Abanca como unha entidade fundamentalmente ligada ao país. Isto nótase especialmente no diferencial entre aforro e crédito. Mentres o primeiro aumentou ate 2013 un 12% durante a crise (ate 54 mil millóns), a evolución dos préstamos mantivo unha tendencia ao envés, recuando a niveis de 2006, polo que exportamos 6.000 millóns de euros que son moi necesarios para desenvolver o país (unha comparación: os orzamentos da Xunta de Galiza para o ano 2014 son de 8.391 millóns de euros).

"Unhas relacións exteriores de promoción dos produtos e da cultura dominantes, en prexuízo daquelas autonomías e nacionalidades con menor peso e cunha cultura distinta".

c) Unha rede de comunicacións que ten Madrid como paso obrigado (tanto estradas, como ferrocarril e aviación). Para manter estes privilexios os investimentos non están sometidos á racionalidade do gasto, que sempre se considera estratéxico, como foi o caso dos seis mil millóns de euros que se gastaron no novo aeroporto de Barajas.

d) Ademais dos ministerios, a inmensa maioría dos organismos públicos teñen a súa sede na capital do Estado, xerando alí emprego e riqueza, malia estaren referidos a actividades cun importante (ou exclusivo) desenvolvemento noutras autonomías, como os relativos a temas mariños. Seica, na elaboración dos balances fiscais, mesmo se partillou o gasto dos museos de Madrid entre as nacionalidades e o resto das autonomías, como se fose un beneficio de todos e todas.

e) Potenciase dende o aparello do Estado de formas culturais, usos lingüísticos, interpretación dos feitos históricos, e de comportamentos sociais e de consumo de determinados produtos e bens, que son funcionais á centralización da riqueza e do poder. Un aspecto da dependencia, da colonización, moi ben analizado por Frantz Fanon en “Os condenados da Terra”, e Albert Memmi en “Retrato do colonizado”. Este mesmo papel xogan outras entidades públicas e do ámbito privado dependentes ou ligadas ao Estado, como o poder xudicial, o ensino -especialmente a Universidade-, os medios de comunicación e cultura hexemónicos, a patronal, os partidos políticos, sindicatos e organizacións sociais sistémicos, etc (un tema extensamente tratado por Gramsci nas súas sobras).

f) Unhas relacións exteriores de promoción dos produtos e da cultura dominantes, en prexuízo daquelas autonomías e nacionalidades con menor peso e cunha cultura distinta. A oposición frontal por parte do Goberno central, e dos partidos sistémicos, a que as nacións da periferia potencien no exterior actividades económicas, así como as súas culturas e linguas, é a outra cara desta moeda, nos que a falsa escusa é o aforro e a eficiencia.

"Cando se fan contas sobre os custes ou as vantaxes da independencia, non abonda con analizar as balanzas fiscais actuais, xa que unha decisión deste tipo terá consecuencias directas sobre a reestruturación do sector público"

g) Nesta mesma liña de comportamento está inscrita a decisión de que o Senado non sexa unha verdadeira Cámara territorial. Aínda que a súa falta de competencias semella estar planificada para canear unha mudanza na correlación de forzas que obrigase a un aceptar un Senado no que se recoñecese o carácter plurinacional do Estado, a fin de deixar o avance nun cambio cosmético. Pódese dicir outro tanto encol de que se manteñan as provincias como circunscricións electorais, malia o recoñecemento das autonomías como entidades políticas, ou que a circunscrición sexa o conxunto do territorio do Estado nas eleccións europeas. Todo está ben atado no político, para que ren mude no económico e social, ou sexa: evitar que mude a correlación de forzas entre clases e entre nacións. 

Tampouco se pode ignorar que o noso país paga a súa parte das estruturas de poder e da burocracia da Unión Europea e dos investimentos que financia (tamén da OTAN, OMC, FMI, BC, etc.). Unha burocracia política e administrativa, con moi altos salarios, servil aos lobbys empresariais e aos grandes estados, que tomou tantas medidas que afectaron e afectan negativamente sectores produtivos básicos da economía do noso país. Cada euro que a UE nos entregou “solidariamente”, para proxectos sempre funcionais ao modelo dos centros de poder hexemónicos, foron pagados previamente dos nosos impostos ou de cotas de mercado que se nos obrigou a ceder.  

En resumo. Cando se fan contas sobre os custes ou as vantaxes da independencia, non abonda con analizar as balanzas fiscais actuais, xa que unha decisión deste tipo terá consecuencias directas sobre a reestruturación do sector público (polo tanto dos gastos). Mais tamén sobre as políticas macroeconómicas, sociais e laborais, o consumo, a recomposición das importacións e exportacións, etc, ou sexa, do sector público, cooperativo e privado. Ademais, a liberación dun pobo, ten consecuencias directas sobre cuestións que van para alén do aspecto material, e que son fundamentais para o ser humano, para o seu desenvolvemento, como: a historia, a cultura, a lingua, ... alicerces da autoestima.

"Sendo certo que a independencia dunha nación é un paso adiante necesario e transcendental, non sempre é garantía de liberación para as clases populares"

En realidade a aposta pola unidade política entre nacións para constituír superpotencias, tan en boga neste tempo histórico, amosouse como funcional no fundamental ás clases dominantes, que deste xeito teñen máis instrumentos de poder, para explotar  ao seu antollo a clase traballadora interna (baixo a presión dunha inmensa man de obra de reserva), e impor un intercambio desigual aos territorios máis débiles. Esta vía fortaleceu a concentración e centralización da riqueza e do poder, ou sexa a globalización neoliberal. Esa foi a aposta por exemplo das burguesías da Europa occidental, tamén daquelas que nacían ao abeiro da descomposición da Europa do leste utilizando a cuestión nacional para ter unha base material dende a que negociar a súa parte da torta. Por iso, malia que a Unión Europea é rexeitada por unha boa parte das clases populares, que se manteñen á marxe dun proxecto que non ven como propio, os partidos sistémicos (sexan da dereita, centro o pseudo-esquerda) apostan sen fisuras por mantela e mesmo agrandala (sen cuestionar nen sequera o euro). Fano en plena coincidencia de obxectivos coas corporacións, a Bolsa, a banca, e as grandes fortunas, que foron gañando peso no PIB. 

Por iso, sendo certo que a independencia dunha nación é un paso adiante necesario e transcendental, non sempre é garantía de liberación para as clases populares; por exemplo: cando se conquista un estado soberano e se ceden a forzas exteriores ou/e a unha minoría as competencias fundamentais. Esta sería unha independencia hipotecada, tendo en consideración que a liberación debe ser sinónimo de democracia ao servizo do pobo, dunha distribución xusta do traballo e da riqueza, da potenciación da cultura e lingua propias, e da solidariedade internacional (do antiimperialismo). Estes aspectos nunca poden ser ignorados por unha forza ao servizo do pobo, tanto no seu discurso, como no programa e práctica (estou a pensar concretamente na Galiza, mais tamén noutros casos dentro da UE, como en Escocia e Cataluña). Independencia, soberanía, emancipación e liberación, para o pobo son sinónimos, aínda que é preferíbel utilizar os tres últimos termos porque foxen da connotación de egoísmo que lle adxudican os medios hexemónicos á palabra independencia, e  cantos menos pantasmas haxa que combater, mellor será. Asemade, no relativo á socialización do proxecto, ningunha consigna é tan nosa e marca con maior claridade o obxectivo soberanista e o suxeito social central (as clases populares), que a de: Galiza Ceibe Poder Popular. Diría máis, hoxe non hai independencia nacional real, agás nas potencias, se non se sustenta no poder popular; abonda con ollar un chisco o mundo. Daquela, non convén aceptar o debate da dependencia nos termos reducionistas que as clases dominantes españolas nos queren impoñer.

http://manuelmera.blogaliza.org/