Opinión

O que define unha liña política é a praxe ¿non é así Sr. Beiras?

Segundo varios medios de comunicación, o líder de Anova, Xosé Manuel Beiras, ten claro que, hoxe por hoxe, o independentismo non é o camiño para acadar un estado soberano en Galicia. "Eu son independentista e marxista, pero nunca exercín como tal", apuntou nunha entrevista en RNE, segundo o xornal dixital Galicia Confidencial do 16 de marzo. Non deixa de chamar a atención que alguén que se reclama marxista esqueza despois que, segundo unha concepción materialista da realidade, o que caracteriza unha persoa ou organización é a unidade entre a teoría e a práctica social, ou sexa: a súa praxe. 

Segundo varios medios de comunicación, o líder de Anova, Xosé Manuel Beiras, ten claro que, hoxe por hoxe, o independentismo non é o camiño para acadar un estado soberano en Galicia. "Eu son independentista e marxista, pero nunca exercín como tal", apuntou nunha entrevista en RNE, segundo o xornal dixital Galicia Confidencial do 16 de marzo. Non deixa de chamar a atención que alguén que se reclama marxista esqueza despois que, segundo unha concepción materialista da realidade, o que caracteriza unha persoa ou organización é a unidade entre a teoría e a práctica social, ou sexa: a súa praxe.

"Non deixa de chamar a atención que alguén que se reclama marxista esqueza despois que, segundo unha concepción materialista da realidade, o que caracteriza unha persoa ou organización é a unidade entre a teoría e a práctica social, ou sexa: a súa praxe". 

X.M. Beiras é exactamente o que realizou na súa práctica política, tal como el mesmo afirma despois nesa entrevista: "Desenvolvín sempre liñas socialdemócratas, porque era o posíbel", subliñou. Precisamente, nesta idea insistiu ao defender un novo modelo político de Galicia con España que non sexa o independentismo, tal e como defende o BNG, porque cre que, na actualidade, iso non é posíbel para acadar a "soberanía política" (Galicia Confidencial). Estas afirmacións permiten entender a progresiva deriva do BNG na década dos noventa do século pasado e principios do actual, cando Beiras e Quintana foron portavoces (e da que non son eles os únicos responsábeis). Convén lembrar que na XIII Asemblea Nacional do BNG, masiva e importante dende o punto de vista ideolóxico, esta fronte definiu con claridade que “o obxectivo estratéxico é a soberanía nacional, concretada, a través do exercicio da autodeterminación, nun Estado galego democrático, laico e republicano: a República da Galiza”. Non semella polo tanto que os motivos de Beiras para se marchar fosen, como dicía, a dereitización do BNG.

O líder de Anova ten todo o dereito do mundo de reivindicar para este país propostas socialdemócratas e unha “federación-confederación”. Malia que esta proposta, neste contexto de globalización neoliberal, como se pode constatar acotío, non garanta defender a nosa identidade nacional e conquistar a xustiza social e a democracia. Agora ben, o que resulta preocupante, é que xustifique esta liña derrotista coa seguinte argumentación: “Que se pode conseguir nun estado independente?... Que non, que iso non é viable porque non hai conciencia social suficiente, non temos a potencia de Cataluña, pero podemos conseguir unha articulación federal-confederal no estado español que preserve a nosa liberdade de decisión e exercer os nosos dereitos que non nos impoñan un modelo de financiamento, que o teñamos propio, ter unha facenda propia...?", destacou” (Galicia Confidencial). 

"A resposta que dá Beiras lévanos a xustificar (se a utilizamos no senso máis estrito) mesmo as políticas que realiza o PP, e por suposto as do PSOE, en relación co noso país porque, despois de todo, é o que vota ou non vota a xente, e reflicte o seu nivel de conciencia". 

A resposta que dá Beiras lévanos a xustificar (se a utilizamos no senso máis estrito) mesmo as políticas que realiza o PP, e por suposto as do PSOE, en relación co noso país porque, despois de todo, é o que vota ou non vota a xente, e reflicte o seu nivel de conciencia. Daquela, de aceitar isto como teoría ¿cal é o papel das organizacións revolucionarias, das que chaman á rebelión (como na propaganda tan alegremente fai AGE), senón teñen como tarefa transformar a conciencia social e política? Ou entende que os galegos e galegas, a diferenza dos cataláns e outros pobos, están eivados para asumir cambios que cuestionen a colonización da nación e ademais impliquen mudanzas sistémicas? 

Resulta evidente que, se o pobo galego non esixe con máis forza a independencia, é en boa medida porque durante décadas o nacionalismo hexemónico non reivindicou este obxectivo na práctica cotiá, non divulgou e axitou, e non considerou necesarias estas tarefas para garantir o desenvolvemento e a identidade. Os resultados están á vista, hoxe hai menos persoas que defendan o dereito de autodeterminación que hai tres décadas, cando o nacionalismo tiña menos peso social e institucional. Asemade, o propio Beiras recoñece que o fixo así aposta, porque era o correcto. Porén, o grave é que lle bota a culpa ao pobo, pode que tamén aos que confrontamos contra estas ideas trabucadas dentro da organización. Resulta noxento, que agora unha elite que  todo apunta a que se considera dona da identidade, se sume ás teses do poder, engadindo unha eiva máis ao pobo galego, obviando que o nacionalismo organizado, ben por falta de traballo neste aspecto ou por unha práctica con métodos trabucados, non estivo á altura da necesidade. É unha postura acrítica, egocéntrica. Houbo unha liña política errada no estratéxico no movemento nacional popular galego nas últimas décadas, nas que se viviu en parte dos réditos do pasado, por máis eficiente que fose no conxuntural, sectorial e táctico, e que estivese ao servizo do pobo galego.

"A proposta dunha articulación federal-confederal non garante a plena capacidade de decisión. Calquera pode ver que se trata dunha ambigüidade que non deixa claro onde reside a soberanía"

Tamén merece un comentario, pola súa importancia para aqueles que consideramos que a cuestión nacional é básica e que a súa solución non se pode adiar indefinidamente, que a proposta dunha articulación federal-confederal non garante a plena capacidade de decisión. Calquera pode ver que se trata dunha ambigüidade que non deixa claro onde reside a soberanía, se na Galiza ou no Estado español. Como considero que Beiras é unha persoa moi formada non creo que esta indefinición sexa casual, xa que é obvio que beneficia aquelas posturas que son hoxe hexemónicas na sociedade, concretamente a proposta federal de Esquerda Unida e do Partido Socialista. Dar forza a esta ambigüidade significa na práctica que se aposta por que a soberanía resida no Estado español, e que todas as autonomías teñan iguais niveis de competencias, sexan ou non “nacionalidades históricas”. 

Por se alguén ten dúbidas no relativo á postura de Esquerda Unida sobre a disxuntiva federación/confederación pode consultar o acordo que asinou con ICV-EUiA, en relación coa consulta en Cataluña. Lembremos ademais que esta organización de ámbito estatal mantén con Anova unha alianza que acaba de pasar de conxuntural a estratéxica (como recoñecen membros destacados da organización). O coordinador federal  de IU, Cayo Lara, nunha recente declaración á prensa afirmou, por enésima vez: “que a súa formación ten un acordo con ICV para defender o dereito a decidir dos cataláns e permitir a celebración da consulta en plena legalidade, porén avisou ao presidente da Generalitat, Artur Mas, que "calquera outra posición", como a posibilidade de aprobar no Parlament unha declaración unilateral de independencia, xa non tería "todos os requisitos necesarios" para ser avalada” (Europa Press, 17/03/2014). Ou sexa, que os cataláns e outras nacións dependentes poden facer as consultas que queiran, sempre que o que decidan non teña valor legal sen o aval de Madrid. A isto é ao que EU-IU chama “capacidade de decisión”.

"Se a base do nacionalismo está acostumada ao debate ficará fortalecida diante das críticas das organizacións españolistas, máxime nun contexto no que estas teñen un control total dos medios de comunicación"

As contradicións entre a estratexia de Esquerda Unida e os movemento de liberación nacional son ben coñecidas por Beiras, como as que implicaban no seu día as comidas no restaurante Vilas con Fraga, hai agora máis dunha década. Daquela, de súpeto pasou a considerar un galeguista ao que antes atacaba como franquista cavernícola, e ao que lle espetaba arreo sen que viñeran a conto outras descualificacións máis persoais. Beiras non axe por arroutadas, nen por ignorancia, teoriza o que fai. Tampouco é unha valoración que faga, no meu caso, dende a pretensión de machucar como proxecto a Anova. Son dos que pensa que o nacionalismo debe ter máis dunha voz se iso axuda a clarificar as alternativas, porque a nosa sociedade está conformada por clases distintas e sensibilidades diferentes que deben ter representación propia e proporcional no nacionalismo organizado. Non ficamos nunha conxuntura para unha unidade forzada. Non é esencial neste intre para acumular forzas, non está próxima a liberación. Mais, xuntos ou en varias organizacións, os nacionalistas nunca deben eivar a loita das ideas, sobre a teoría e a práctica, na procura das alternativas e métodos de traballo que mellor sirvan ás clases populares. Alternativas que dinamicen o nacionalismo, que formen con argumentos, que gañen a complicidade para alén do soberanismo. Débese facer sen que o debate entre nacionalistas desvíe, senón que sirva para a confrontación coas forzas que negan a soberanía nacional e popular. Se a base do nacionalismo está acostumada ao debate ficará fortalecida diante das críticas das organizacións españolistas, máxime nun contexto no que estas teñen un control total dos medios de comunicación, da cultura de masas, do poder económico, e a maioría nas institucións políticas. E, por se non abondase, hai un secular proceso de colonización, que borrou e terxiversou a nosa historia. 

Neste intre está a  debate unha cuestión básica, esencial para a liberación nacional e social da Galiza, como é a autoorganización. Este principio fica cuestionado en Anova, como o recoñece unha parte da dirección que acaba de dimitir, é verdade que diante dunha maioría exigua, mais que representa a organización. E, como mesmo valora un dos seus integrantes máis representativos, Mario López Rico: “Anova pode rematar de esquerda federal del noroeste”. As últimas declaracións de X.M. Beiras (e doutros membros desta forza) confirman e danlle letra a esta andaina, a esta regresión nas teses nacionalistas, por máis que Anova faga brincadeiras cunha leria radical no Parlamento Galego. Unha actitude de enfrontamento co sistema que, por certo, despois non ten unha translación proporcional no movemento de masas. En fin, xa se sabe, a culpa é do pobo galego, que non está a altura do momento... Manda carallo con algúns líderes políticos cando queren xustificar un paso atrás na loita contra a opresión!

http://manuelmera.blogaliza.org/