Opinión

Unha decisión acertada

A recente incorporación ao BNG da Fronte Obreira Galega (FOGA), unha organización política con militancia no mundo sindical e na comarca de Vigo especialmente, ten transcendencia, xa que fortalece o nacionalismo anticolonial e rupturista. Ante todo porque, para alén da integración no BNG de persoas a titulo individual, seica 320 dende a última asemblea, esta é a primeira incorporación dun colectivo, dende a ruptura de Amio. Representa polo tanto un cambio de tendencia, que se suma aos bos resultados das eleccións galegas, se temos en consideración as malas expectativas das enquisas naquel intre.

Non se trata dunha unión oportunista ou feita sen meditar, xa que a FOGA participou do proceso Nós, e posteriormente formou parte da candidatura do BNG nas eleccións galegas. Sen dúbida algunha, axudou neste proceso a existencia dun traballo sindical en común na CIG, desde o respecto polas militancias partidarias e cunhas estruturas de decisión plurais e con competencias específicas. Asemade, o tempo foi clarificando as limitacións, erros e ambivalencias doutros proxectos onde participa o nacionalismo. Tal foi o caso de AGE e hoxe en día En Marea. Tamén tivo a súa relevancia que o BNG mantivese na última Asemblea a súa decisión firme de que Galiza conte con forzas propias, non dependentes do exterior en ningún aspecto. A autoorganización (a soberanía) e servir as clases populares son principios fundamentais da fronte.

As portas do BNG sempre deben estar abertas á incorporación de colectivos cos que haxa coincidencias estratéxicas e coincidencia na práctica cotiá

Coido que foi unha decisión acertada, e que as portas do BNG sempre deben estar abertas á incorporación de colectivos cos que haxa coincidencias estratéxicas e coincidencia na práctica cotiá. Debe ser así mesmo con aqueles que hoxe fan pactos electorais con forzas de disciplina estatal que os desviaron da liña estratéxica da liberación nacional e social, cando rectifiquen. Non se trata de facer política recreando o pasado, aínda que cómpre aprender del e tirar conclusións colectivas, senón de apostar polo futuro e tomar a iniciativa. O que une son os obxectivos, a folla de ruta, a mensaxe e mobilizacións en común. Só así se sumaran complicidades das clases populares.

Agora ben, ademais de atraer colectivos organizados, algo que sen dúbida ten transcendencia e repercusión mediática polo seu simbolismo, o realmente importante é gañar prestixio social, na mobilización, na acción institucional. E para iso é fundamental recoller todas as inquedanzas populares, mais comprender tamén cal é súa prioridade e relevancia na sociedade, e axer en consecuencia. Só deste xeito o nacionalismo rupturista poderá incorporar a centos, miles, de novos activistas.

E neste último aspecto, o reto segue a ser gañar para a militancia política eses miles de delegados e delegadas e activistas da clase traballadora, que se xogan o posto cada día na defensa dos intereses dos de abaixo, do povo. Persoas que ademais, en moitos casos, realizan actividades en asociacións de veciños/as, grupos culturais, e colectivos do máis diverso. Asemade, cómpre sumar outros segmentos sociais, encetando polo estudantil e o dos/das autónomos ligados á actividade manual. Porén hai que definir con claridade que é o central, e os que son ou foron asalariados/as forman unha inmensa maioría das clases populares. Non todo ten o mesmo valor, aínda que todo sexa importante.

http://manuelmera.blogaliza.org/