Opinión

Que debe abranguer como mínimo o sector público

Tendo en conta que a pandemia puxo en primeiro plano o papel do sector público como básico para defender a saúde, porén tamén para recuperar a economía, resulta difícil de entender que a esquerda non aproveitase máis estes argumentos, construídos sobre unha realidade que aprecia toda a sociedade, para fortalecer un proxecto solidario e de xustiza social. É verdade que se recoñece o valor da sanidade pública na loita contra a pandemia, e que se pide que se lle dote dos medios e persoal necesarios, xa que se lle restaran moitos recursos durante a anterior crise. Unha esixencia que a dereita aceptou coa boca pequena mentres na práctica puxo todo tipo de atrancos para levalo adiante, se cadra porque esperaban que pasase o tempo e poder recuperar a iniciativa privatizadora.

En calquera caso, nesta terceira onda da pandemia, cun sistema sanitario público sometido a máis presións que nunca na primeira liña de combate ao covid-19, tanto hospitalario como de atención primaria, ao que se suma o subministro da vacina, constatase a falta de medios e persoal. O que obriga a prestar menos atención directa a outras doenzas, co que iso implica despois dun ano de limitacións neste aspecto. Unha situación que beneficia á sanidade privada, que se presenta como alternativa para aqueles que teñen máis recursos económicos. Polo, adquire unha grande relevancia clarificar a importancia social do sector público e que actividades deberían ficar fóra da economía privada, ou sexa, do obxectivo do lucro.

Adquire unha grande relevancia clarificar a importancia social do sector público e que actividades deberían ficar fóra da economía privada

O propio podemos dicir dun tema tan transcendental neste intre como é o das vacinas (e os remedios en xeral). Non se pode negar o esforzo en investigación que fixeron moitos laboratorios en todo o mundo (que por certo recibiron importantes achegas públicas), porén tampouco se pode obviar que as farmacéuticas privadas poñen nun lugar central a obtención de lucros. E isto está condicionando a distribución, mesmo en relación con potencias como a Unión Europea, mentres que Estados Unidos e Israel parecen non ter este problema, por exemplo con Pfizer. Dise que esta eiva vaise solucionar nos vindeiros meses coa chegada de máis doses doutros laboratorios, como Moderna, Janssen, ou Astra Zeneca. Se non fose así ao ritmo actual demoraríase varios anos en vacinar o 70% da povoación galega e española. Agora ben, sendo estes produtos esenciais para a vida humana: por que non existen empresas públicas neste ámbito que permitan garantir tanto as doses necesarias como uns prezos á marxe de calquera finalidade lucrativa? Un país como Rusia, que tanto se critica, ten laboratorios públicos como o que creou a sputnikV, e tamén Cuba, por poñer dous exemplos.

Sen dúbida o espazo que debe ocupar o público, o privado ou o cooperativismo, nesta etapa é un tema de debate que debe ser esencial, e no que o nacionalismo galego democrático e popular (ou sexa a esquerda na nación galega) debería dar constantemente na sociedade, máxime perante esta pandemia na que se constata a necesidade e a eficacia do sector público. E non falo só da sanidade, o ensino ou empresas que se pretenda pechar e que haxa que salvalas dado a súa importancia na actividade produtiva e no emprego, como a fábrica de aluminio en Alcoa. Refírome en concreto a sectores que son monopólicos e vitais para as empresas e as familias, controlados polo gran capital, como son a enerxía, auga, telecomunicacións, banca, e as propias farmacéuticas, etc.

O espazo que debe ocupar o público, o privado ou o cooperativismo, nesta etapa é un tema de debate que debe ser esencial

Pode que non sexa o momento para levar adiante todas estas nacionalizacións, porén o que resulta evidente é que se trata do intre máis acaido para dar o debate sobre o tema, ao estar agudizadas as contradicións pola crise no sistema e ficar en evidencia a desigualdade de trato. Trátase polo tanto de gañar a loita das ideas que é fundamental para a formación da conciencia colectiva, tamén respecto dunha cuestión tan esencial respecto do sistema económico e social como é o papel do público e do privado, máxime sabendo que os cambios son un proceso, e que dependen de quen, como, cando e canto empurra para facelos realidade.

 https://obloguedemera.wordpress.com/