Opinión

Debater as diverxencias para avanzar

Son dos que penso que hai nacionalistas tanto no BNG, organización na que milito dende a súa fundación, como en Anova, Cerna, FOGA e noutras forzas que se reclaman como tales. Mesmo hai  persoas que o son na práctica cotiá e non militan en ningunha organización política, mais participan das mobilizacións, e cando votan dánlle valor a esta cuestión (aínda que non sempre sexa a súa prioridade). Coñezo nacionalistas integrados en forzas que xurdiron de escisións do BNG, cos que podo estar en desacordo sobre a estratexia, mais téñolles respecto, valoro os seus anos de entrega e traballo a prol da soberanía nacional e a xustiza social. Para min este aspecto non está a debate. 

Ninguén está en condicións de outorgar diplomas de nacionalismo. E mesmo se algunha forza tivese a esta altura méritos históricos para facelo, non debería reivindicalo. Sería un erro. Non axuda a gañar complicidades. E ademais, o tempo dirá quen serviu máis e mellor a causa nacional e popular. Asemade, e non é un tema secundario, moitas destas persoas militan activamente en organizacións nacionalistas do ámbito sindical, social, ecolóxico, da cultura, etc. Pódese, e débese, converxer con estas forzas na mobilización e en todos aqueles aspectos que sexa posíbel, ou para garantir governos progresistas no social e no nacional.

Ninguén está en condicións de outorgar diplomas de nacionalismo

Hai que combater as actitudes mesiánicas, que mesmo poden rematar considerando o povo como o colaborador de séculos de colonización. Mentres eles, “os escollidos/as”, estarían á marxe da incidencia alienante das ideas dominantes (na economía, cultura, lingua, etc), posuídos polo espírito santo. Ideas dominantes que, non o esquezamos, son as das clases hexemónicas (como analizou Gramsci), aquí e en todo o mundo, en todas as épocas históricas. Daquela que estean presentes na oficina e na fábrica, nos sindicatos, nos partidos,... en todos os lugares, en maior ou menos medida, mentres non se mude a correlación de forzas, non se derrote á gran burguesía, non se teña hexemonía nos grandes medios, na cultura de masas, na rúa, nas institucións. E mesmo así, levará anos erradicalas. Hoxe o progre, o moderno, é a globalización (Unión Europea, tratados de libre comercio, Erasmus, etc.). A defensa do nacional asimílase co illamento, en medio mundo mesmo coa estrema dereita. Procuremos complicidades, cheguemos coa nosa interpretación. Do que se trata é de argumentar, de convencer. A cuestión non é ser duros ou brandos, senón ser coherentes no político e abertos na práctica social. De ver o táctico como parte do proxecto estratéxico, de distinguir entre as contradicións principais e secundarias, segundo a etapa e o momento.

Polo tanto, neste contexto tan adverso, para evitar manipulacións e superar os preconceptos instalados, é esencial ligar sempre a mensaxe sobre a cuestión nacional con aspectos centrais como o traballo e pensións dignas, coa xustiza social, coa defensa da cultura e lingua, coa democracia (ademais, isto forma parte da práctica histórica do BNG). Porque é didáctico, xa que liga o concreto co estratéxico. Outro tanto acontece cando debatemos sobre a superación do capitalismo, sobre o imperialismo, sobre construír o socialismo. Non se trata de facelo por táctica, senón porque é xusto, porque é necesario, porque é urxente, e porque ten unha relación directa coa vida cotiá. No ano 1981, as rendas do traballo representaban na Galiza o 62,11% do PIB. No ano 2014, baixaran ao 45,14%, malia o aumento do número de asalariados/as. Daquela que non haxa razón algunha para abandonar consignas como “Galiza Ceibe, Poder Popular”, ou a cualificación de “nacionalismo popular” que amosaron durante décadas a súa eficacia para conectar coas clases subalternas. É así, porque son palabras que distinguen, que clarifican, especialmente neste escenario negativo, comparado coas décadas posteriores á Segunda Guerra Mundial en pleno ascenso do socialismo e dos procesos emancipadores dos povos. 

Para evitar manipulacións e superar os preconceptos instalados, é esencial ligar sempre a mensaxe sobre a cuestión nacional con aspectos centrais como o traballo e pensións dignas, coa xustiza social

Tampouco se pode ignorar que o BNG disputa moito voto coas Mareas, e que isto é numericamente considerábel no caso da fronte. Unha disputa que ten como eixo cal é o proxecto máis efectivo para mellorar a situación laboral e social. As Mareas relegaron o nacional a un segundo plano, como reflicten na súa práctica e a súa mensaxe (diga o que diga Beiras). O BNG non debía obviar polo tanto a discusión sobre o modelo de sociedade, pensando que ten un celeiro garantido no sindicalismo nacionalista. Trátase de que os milleiros de persoas que buscan un novo modelo que lles asegure unha vida digna, vexan, tanto na práctica histórica como nas propostas e na mensaxe da campaña, que o BNG é a súa alternativa, mesmo non sendo nacionalistas. Téñase en conta que a mobilización está moi devecida, polo que é fundamental para fortalecela e agudizar as contradicións sociais e nacionais, impulsar a complicidade cos sectores que tradicionalmente están na vangarda. 

Para avanzar na liberación nacional e social é esencial ter unha folla de ruta correcta. Mais tamén cuestionar os camiños trabucados. Por exemplo, a alianza das Mareas con Podemos e EU, é o que iso implica (especialmente despois de que Podemos copase a lista das Mareas). Tampouco é secundario analizar as ideas que se divulgan, ou se a práctica que se realiza está subordinada ao marco estatal (máxime cando se di defender o dereito a decidir). Por exemplo, cando non se cuestiona nen sequera verbalmente que unha deputada de Ciudadanos, agresiva coa nosa cultura e lingua, presida a Comisión de Cultura do Parlamento cos votos de Podemos (tal como denunciaba Sermos Galiza, case en exclusiva). A escusa de que se trata dun acordo global que vincula todas as áreas e garante o pluralismo nas comisións, pode valer como argumento para os partidos tradicionais; porén, non é coherente para quen se reivindica rupturista coa vella política e coñece de primeira man a súa práctica. Ou é que hoxe son válidos os cambios de “cromos” que antes non eran, porque agora afectan o poder de Podemos e confluencias nas institucións? 

Non é secundario que Luís Villares (o seu “delfin”, segundo Beiras) acepte o marco constitucional e autonómico actual

Non é secundario que Luís Villares (o seu “delfin”, segundo Beiras) acepte o marco constitucional e autonómico actual. Será porque Carmen Santos, de Podemos considera que reclamar capacidade de decidir (a soberanía) non é prioritario neste intre? Tampouco é secundario que, como nos partidos de ámbito estatal, veñan Pablo Iglesias e outros dirixentes de Podemos a marcar liña. Acaso isto non alenta a dependencia do povo galego? Cal é a diferenza co PP, Ciudadanos e PSOE neste aspecto? Acaso algún destes lideres está disposto a denunciar a centralización do poder e da riqueza que con este modelo económico-social-administrativo se produce a favor de Madrid? Un dado, no ano 1975 a economía galega era o 5,61% do PIB no Estado español, no 2015 baixou ao 5,15%. Recuamos malia que durante 40 anos, a ditadura marxinou o noso país, e malia termos grandes potencialidades en enerxía, gandería, pesca, bosques. Neste mesmo período, Madrid carente destes recursos, porén con poder político, pasou do 15,79% do PIB do Estado ao 18,78%. E a tendencia fortaleceuse coa crise. En realidade, esta é un duro axuste a favor das clases dominantes e os territorios máis fortes. Por estes temas comeza a solidariedade internacionalista. Son aspectos que de pouco serve debatelos co PP, co PSOE, e con Ciudadanos, a fenda é moi grande. Porén ten utilidade facelo con aqueles/as nacionalistas que escolleron un camiño errado, e dalos a coñecer a todo o povo, sexa cal for o partido que voten. Son, evidentemente, contradicións no seo do povo (como diría Mao).

Os avances institucionais moi rápidos (onde agora os partidos son “marcas”, como nos deterxentes) nunca favorecen un medre da mobilización e da organización 

Estes temas son centrais, porque amosan a capacidade real de decidir do povo, conforman a conciencia, definen a folla de ruta, e dan pulo a un determinado estado de ánimo e uns métodos de traballo. Neste aspecto, non se deben facer concesións. É onde hai que utilizar toda a artillería argumental. Son cuestións fundamentais, que implican crear ou non ideas correctas para avanzar na liberación nacional e social. E para facer este camiño, normalmente os avances institucionais moi rápidos (onde agora os partidos son “marcas”, como nos deterxentes) nunca favorecen un medre da mobilización e da organización (historicamente é ao envés). Nos vindeiros meses veremos como as Mareas se recompoñen, se o PP obtén maioría. Esta forza non se pode perpetuar no camiño do medio, se colle pulo a mobilización social, porque a agudización das contradicións esixe respostas e compromisos claros. Sería positivo que triunfase nas Mareas unha estratexia de soberanía; non como agora exclusivamente nas formas (que tamén), dado que Podemos copou as candidaturas, senón nos contidos. En calquera caso, dun xeito ou doutro, neste complexo contexto o nacionalismo galego (antisistémico, de esquerda, popular, anticolonial...) non rematou a súa recomposición. E neste proceso, directa ou indirectamente, o BNG terá un papel, sexa cal for o seu resultado nestas eleccións. Agora ben, unha recuperación da fronte nas votacións ao Parlamento Galego, respecto das eleccións xerais, tamén fortalecería unha estratexia propia, de nación, ligada aos intereses das clases populares. E sobre todo, á clase traballadora, que representa a maioría social.  

http://manuelmera.blogaliza.org/