Opinión

Un debate fundamental

A pandemia do covid-19 deixou en evidencia a fraxilidade da humanidade, por mor da ruptura do equilibrio coa natureza. É así, porque capitalismo está na súa etapa senil, xa que o sistema  sustentase nun medre sen límite da produción, na extrema mobilidade, no amoreamento urbano, na deslocalización, nas migracións masivas,... no medre da concentración e centralización da riqueza e do poder. Son dinámicas que cuestionan no futuro a expansión económica e demográfica. Un modelo na súa etapa senil, tanto polo esgotamento de recursos, como pola densidade demográfica,  pola deforestación e cambio climático, pola desigualdade. Polo que, só se pode manter mediante a confrontación externa e a represión interna, para gañar mercados e aumentar a taxa de lucro. 

Este medre tan intenso das contradicións non é novo, deuse no seu día coa introdución do vapor, logo coa chegada da enerxía eléctrica á industria e ao transporte, deseguido coas cadeas de produción, e hoxe coa robotización. A primeira resposta fronte á caída dos salarios e o medre do desemprego por parte da clase traballadora foi a destrución da maquinaria, e por parte da patronal co aumento das medidas represivas por governos submisos ao capital. E, sobre todo, mediante o alargamento no proceso produtivo, da cadea de valor ás colonias e países dependentes permitiu converter a opresión en sobre explotación da man de obra, xa que xogarían un papel subalterno.

O alargamento no proceso produtivo, da cadea de valor ás colonias e países dependentes permitiu converter a opresión en sobre explotación da man de obra

Este último aspecto adquiriu unha enorme importancia nas tres últimas décadas, coa caída da URSS e a desaparición do bloque socialista, e coa globalización neoliberal. Mesmo que non é novo, o proceso de internacionalización da economía e das finanzas, e da comunicación, adquiriu tal relevancia en todos os países, que deu un gran pulo á concentración e centralización do capital. Ademais, este utiliza todo tipo de actividades especulativas (e mesmo delitivas) para reducir o valor do ingreso declarado, e da contribución fiscal, e para rebaixar os custes salariais.

A globalización, sacralizada polos poderes e medios sistémicos, axudou en boa medida, por mor da deslocalización, o investimento exterior do excedente e as inmigracións masivas, a desmantelar sectores industriais que historicamente tiñan unha forza laboral organizada. A este proceso uniuse a expansión dos servizos e a introdución das novas tecnoloxías (temporalidade, tempo parcial, falsos autónomos/as, uberización, etc.). Esta evolución foi favorecida polos governos na maior parte do mundo, co argumento da competencia empresarial, mediante a flexibilidade laboral e medidas que limitan a protesta da clase traballadora (Lei Mordaza, etc).

A debilidade da resposta sindical a estas medidas regresivas económicas, sociais e de liberdades democráticas, foi evidente en moitas partes do mundo. Notouse o triunfo do capitalismo fronte ao “socialismo”. E o capitalismo con face humana, como se presentou a socialdemocracia nórdica, era pura propaganda, xa que acadou avances circunstanciais por estar na primeira liña da loita entre bloques, abonda con ver súa evolución. Esta evolución regresiva nas condicións laborais non está exenta de conflitividade e resposta política, lembremos a forte oposición á globalización hai dúas décadas. Ou na Galiza as catro folgas xerais que se fixeron entre 2010 e 2012, e a morea de accións reivindicativas que se dan acotío. Un dato, no ano 2019 houbo 3.398 manifestacións no noso país delas 1.600 foron por motivos laborais. Porén a conflitividade de clase pasou a nivel mundial a un segundo plano, especialmente nos medios de comunicación, e polo tanto no debate prioritario no ámbito institucional. Esta batalla gañouna polo momento o capital. Mais non é definitivo. Este é o mundo que quere recuperar a UE, e que nos ofrece o Governo co seu plan de recuperación.

A debilidade da resposta sindical a estas medidas regresivas económicas, sociais e de liberdades democráticas, foi evidente en moitas partes do mundo

A alternativa a está vía esgotada está en construír un sistema económico e social autocentrado e sustentábel, con prioridade do sector público, no cal o control dos mercados globais e os intereses corporativos pasarían a un segundo plano, e terían un carácter complementario. Co que isto implica de reducir a confrontación e o papel das grandes potencias, e polo tanto de avance nun mundo multilateral. A desfeita ecolóxica, a pandemia, o militarismo e as sancións, o medre da precariedade e desigualdade e a pobreza, evidencian os límites da globalización neoliberal. E isto favorece construír unha alternativa a prol da descentralización, e que debilita a concentración, e polo tanto fortalece a soberanía das nacións e o papel das clases populares, e especialmente da clase traballadora. Abrir este debate na sociedade é fundamental, fortalecer a mobilización política e social en temas estratéxicos unha necesidade.

https://obloguedemera.wordpress.com/