Opinión

Darlle protagonismo ao povo

A ocupación por varios miles de manifestantes, seica uns catro mil, dos edificios de Brasilia que son sede dos poderes institucionais (Executivo, Parlamento e Poder Xudicial) para alén de que ao final fose controlado e se tomen cos responsábeis e participantes as accións penais que correspondan, deixan en evidencia o avance da extrema dereita, como consecuencia da evolución do sistema, e da debilidade da esquerda. Os pactos realizados por Lula, mesmo co centro dereita, para impedir o triunfo de Bolsonaro, aínda que fose unha necesidade consolidan na práctica unha tendencia preocupante; máxime cando a estrema dereita, ademais de peso electoral, reflicte cada día máis capacidade mobilizadora e atrevemento. Son aspectos que non se poden obviar ou minimizar.

Ademais, esta evolución dáse en moitos máis países do mundo, non é unha cuestión exclusiva do Brasil ou da América Latina. Será porque a esquerda “progresista” en moitos países caeu no lameiro de ofrecer unha reforma dentro do capitalismo cando este está na súa etapa senil? Todo indica que, para alén do menor ou maior apoio co que conta, a extrema dereita vese en moitos países polas clases dominantes como o único xeito de frear unha posíbel revolta popular por mor de políticas que manteñen e mesmo amplían o proceso de centralización e concentración da riqueza e do poder, ou sexa, que dan folgos á desigualdade e á pobreza.

Esta evolución regresiva dáse tamén con moitos dos considerados governos progresistas, as eivas que utilizan como escusa son: non dispoñer de maioría parlamentar, a presión da patronal e de poderes facticos, como o xudicial, das forzas de seguridade e medios de comunicación sistémicos. E mesmo se chega a acusar á clase traballadora de votar equivocadamente e de refuxiarse na abstención. Non será que unha parte importante da esquerda colleu como suxeito central dende hai tempo, non á clase traballadora, senón á chamada clase media e sectores marxinados relativizando na práctica a loita de clases e súa vinculación coa soberanía nacional, diante doutras problemáticas?...

Os sucesos do Brasil, así como os de Bolivia, Perú e Arxentina, por nomear só os casos máis coñecidos, reafirman a concepción histórica da esquerda marxista de que: gañar os procesos electorais, ter maioría nas institucións, non implica contar co poder necesario para mudar as tendencias dominantes e realizar políticas favorábeis ás maiorías, de xustiza social e liberación nacional. E este atranco resulta máis difícil de superar cando non se conta cunha organización forte (partidos, fronte política, movementos sociais) cunha militancia moi estruturada e activa, acostumada a se mobilizar así como a disputar o protagonismo a todos os niveis (rúa, relato e debate, iniciativa...), para resistir en calquera situación a ofensiva do capital.

A iniciativa, unha folla de ruta e política de alianzas axeitada á correlación de forzas e estado de animo da sociedade, e propostas a corto, medio e longo prazo, que superen o carácter local e inmediatista, son fundamentais para contar cunha militancia e base social que constrúa proxecto político na acción cotiá e confronte modelo coas forzas do sistema. Só asi, nestes sistemas falsamente democráticos pódese gañar a complicidade da maioría social e forzar as transformacións progresistas e mesmo avanzar con algunhas medidas rupturistas, e sobre todo non dar pasos atrás. Conquistar avances socializadores e de soberanía, cando son produto da participación e con protagonismo popular, mesmo que teñan un carácter simbólico, son esenciais porque serven de referencia neste contexto histórico, xa que constrúen no subconsciente colectivo que ademais de necesarios son posíbeis os cambios estratéxicos, que se pode mudar a correlación de forzas.

E estes retos constantes e rectificacións, para cada conxuntura e lugar, do suxeito transformador (político, social, cultural...), na loita contra a explotación e opresión, pola paz, o respecto á diversidade, a igualdade e solidariedade, pola defensa dos ecosistemas, son parte esencial da construción do cambio tanto no Brasil como na Galiza. Eran tan validos na década dos sesenta e setenta do século pasado, durante os procesos de liberación nacional e un movemento obreiro con moito protagonismo, cando as bandeiras da soberanía e o socialismo estaban en auxe, como hoxe cunha situación tan complexa, e con escenarios tan conxunturais. Mais hai evidencias claras de que a globalización neoliberal, a confrontación entre potencias, a desigualdade e a desfeita ecolóxica están no límite.

Para reverter a situación cómpre ser máis efectivos no traballo de masas, ademais de ter as propostas, unha folla de ruta, e unha política de alianzas correctas. Ou sexa, hai que contar con forzas organizadas que sexan un exemplo, pola súa práctica, pola súa iniciativa, porque dan valor á participación e á opinión da militancia e do povo. Neste aspecto hai moito feito en positivo, mais tamén eivas, e actitudes rutineiras,... eivas que alimenta o sistema e a comodidade, e que houbo que combater tamén noutras etapas históricas, mesmo tendo en cada unha distintas formas. 

Ademais, as propostas centrais deben ligar, como mínimo, as preocupacións máis importantes e expectativas máximas das clases populares (tanto as que consideran realizábeis dentro do sistema, como esencialmente aquelas que só se conquisten confrontando co capitalismo e o centralismo). Por exemplo, nesta etapa. A quen lle parecería mal é algo irrealizábel: nacionalizar a banca, empresas da enerxía, farmacéuticas, que son esenciais para garantir a vida cotiá das persoas, ou un estado confederal, etc?.

Mais, son propostas que van contra o sistema, e teñen o rexeitamento daquelas persoas que defenden conscientemente o capitalismo explotador e o centralismo opresor. Valoremos as contradicións para cada etapa, cal é o obxectivo de cada unha delas, e como os éxitos electorais das forzas que propoñen a ruptura están intimamente ligados á loita popular, que sempre vai empurrar para conquistalos se é quen os protagoniza (o que implica que o partido, a fronte, e as organizacións de masas, deben ter un papel estrutural e destacado, sen substituír o protagonismo do povo. Esta é unha das chaves, nesta etapa, non ben resolta nas forzas de esquerda en moitos países)

Nota: sobre a importancia do protagonismo das clases populares na construción do cambio son de interese as análises que realiza Isabel Rauber. Arxentina, doctora en filosofía e investigadora social dos movementos latinoamericanos. Publicou numerosos libros e documentos; moitos son de libre aceso na rede. Estivo varias veces na Galiza, convidada pola Fundación Moncho Reboiras.

Comentarios