Opinión

O que dan de si as alianzas oportunistas e contra natura

A saída de Siria das forzas militares de Estados Unidos anunciada por Trump, co argumento de que o ISIS foi totalmente derrotado, semella máis unha escusa que o motivo real, xa que o Estado Islámico aínda controla áreas do Eufrates no límite con Iraq. Esta decisión sen dúbida está ligada a ameaza de Erdogan de que o exército turco ía atacar ás tropas curdas que controlan unha boa parte da fronteira entre ambos países, por consideralas un perigo. A incursión nesta parte do territorio sirio levaría a un enfrontamento directo cos 2.000 soldados norteamericanos na zona, e a un conflito dentro da OTAN que afectaría a súa presenza no Próximo Oriente. A postura de Turquía respecto deste tema non é nova, mais todo indica que foi acelerada polo anuncio de que Washington ía formar un exército regular de 30.000 persoas coas milicias do SDF (Forzas Democráticas Sirias) que están constituídas maioritariamente curdos, e controladas por partidos ligados ao PKK.

Todo amosa que Estados Unidos abre a porta a unha intervención turca da zona, porén non se pode obviar que a retirada efectiva das tropas seica duraría entre 30 e 100 días, tempo abondo como para que o branco se converta en negro, nun contexto tan complexo e dinámico. Ademais tampouco está claro se a retirada das tropas estadounidenses será secundada polas que teñen Francia e Reino Unido na zona, e se esta decisión se estende ás forzas de ocupación que Washington mantén á área de At-Tanf no límite con Xordania. E se Turquía ten realmente como finalidade afastar o presunto perigo que representas forzas do PYD-YPF, e permite que o exército sirio recobre estes territorios ou en realidade pretende ocupar esta franxa coa escusa da súa seguridade.

Todo amosa que Estados Unidos abre a porta a unha intervención turca da zona

 

O desenvolvemento dos feitos irá clarificando cales son os acordos aos que chegou Ancara con Washington, sen esquecer que para o imperialismo norteamericano é esencial dar unha lección exemplar en Siria a quen non está “do lado correcto”, ou sexa, non ten unha relación subalterna. Non son as eivas sociais e democráticas as que condicionan a política de Estados Unidos, a Unión Europea e outras potencias, cos países carentes de capacidade de disuasión. Abonda ver como apoian réximes tan autoritarios como o saudita e ás monarquías do Golfo. Asemade, a esta altura sábese que Turquía vai mercar mísiles Patriot norteamericanos por valor de 3.500 millóns de dólares. Manterase o acordo polos mísiles rusos S-400 con Turquía, que tanta contestación tivo por parte de Washington? Asemade hai analistas que coidan que o exército turco só vai ocupar unha franxa de 15-40 quilómetros na fronteira, e que dalgún xeito a zona petrolífera siria seguirá baixo o control norteamericano.

Non se coñece até onde chegan os compromisos de Erdogan cos Estados Unidos e aliados, e como van a condicionar os acordos que tiña con Rusia e Iran respecto de desactivar a oposición armada en Siria e garantir a unidade territorial. O que resulta evidente é que os grandes sacrificados por este pacto entre Estados Unidos e Turquía son os curdos, que fixeron un acordo contra natura con Washington. Hoxe dependen dos recursos que estes lles subministran, e entregáronlle a maior zona petrolífera de Siria ás potencias occidentais, que exportan o petróleo a través de Turquía. Agora ficaran abandonados por estes aliados circunstanciais, a axuda rusa e siria está ateigada de atrancos e riscos, e non se pode esperar que os curdos iraquís de Barzani acudan no seu auxilio, polo que as expectativas, como en Afrin, apuntan a unha liquidación do proxecto curdo federal e progresista.

Non se coñece até onde chegan os compromisos de Erdogan cos Estados Unidos e aliados

 

De rematar mal esta experiencia, e todo apunta a que será deste xeito, deixa un dura lección ao movemento curdo, a prol da liberación nacional e social, sobre o errado da valoración que fixo encol da correlación de forzas, así como da folla de ruta escollida. En realidade a esta altura non perdelo todo depende da capacidade do PYD-YPF para conseguir un acordo co Governo sirio. E que polo tanto o exército deste país ocupe as zonas que abandonen as tropas norteamericanas, e que se reconstrúa a relación co movemento palestino, hezbolá, e outras forzas da rexión. Será posíbel?