Opinión

Da entrevista a Carmen Santos ao Chamamento de Vidán

Hai uns días, ollaba en V televisión unha entrevista á secretaria xeral de Podemos na Galiza, Carmen Santos, que coido foi do máximo interese, tanto polo que dixo como polo que obviou con respostas xenéricas ou baleiras de contido. O protagonismo estivo centrado na entrevistada e na moderadora Fernanda Tabarés, que fixo preguntas de interese e incisivas. O resto dos participantes non chegaron ao aprobado. O representante do PP era ofensivo, mesmo empregaba un ton insultante, pensando que o ataque, o arroupe das clases dominantes, xustifica a falta de argumentos. O do PSOE levaba o discurso aprendido, mais carecía de calquera proposta alternativa. E Rubén Pérez, de EU, un partido coligado con Podemos, mantívose na reserva, deixando que Carmen Santos se desangrase. Esta deu motivos abondo como para deixala que sufrise as contradicións do seu discurso.

A unha pregunta de Tabarés, sobre se o seu partido ía reivindicar maiores competencias para Galiza, Santos foi contundente: “en principio chéganos coas que hai... xa se nos recoñece como unha nacionalidade histórica”. De pouco valeu a insistencia da presentadora, mesmo lembrando a coaligazón con forzas nacionalistas. Carmen Santos deixou claro que para Podemos, o nacional era hoxe un tema secundario na Galiza, e que o importante para a xente eran os aspectos sociais e económicos. Malia primar o social, non concretou cales eran as alternativas que propuña neste ámbito. Foi unha postura declarativa, dirixida a aqueles que son simpatizantes incondicionais, e que amosou que rexeita a interdependencia que existe nos países dependentes entre a xustiza social e os aspectos democráticos e a soberanía, como é evidente na Galiza.

Carmen Santos deixou claro que para Podemos, o nacional era hoxe un tema secundario na Galiza, e que o importante para a xente eran os aspectos sociais e económico

Sei que existen en Podemos voces críticas coa súa secretaria xeral, e polo tanto coas súas declaracións. Mais todo indica que non están centradas nas diverxencias de proxecto, e en ningún caso na problemática nacional. Son só de protagonismo e, como máximo, de folla de ruta. Tampouco Rubén Pérez fixo ningunha matización sobre o tema. Amosou que para el, a capacidade de decidir e o estado plurinacional son un recoñecemento formal, na máis tradicional liña do PCE, reflectindo até que punto o dereito de autodeterminación son concesións feitas coa boca pequena, declarativas. Ou sexa, que aqueles aspectos que Anova e outras e forzas nacionalistas ligadas coas mareas, coidan como esenciais, non terían para o partido hexemónico ningunha translación práctica no modelo de Estado, nas competencias exclusivas das nacionalidades e no aspecto visual e referencial da actividade política do Goberno central. Non é só unha hipótese, xa que o acontecido co grupo parlamentar galego xa forma parte da praxe; é unha referencia empírica.

Polo tanto, os debates de protagonismo entre Anova, EU e Podemos, para alén das cuestións de poder internas, teñen ademais un transfundo político, especialmente na cuestión nacional galega. Non semella que a ditadura do euro, a pertenza á OTAN e á Unión Europea, malia a súa importancia para poder construír un modelo socio-económico alternativo, mesmo para garantir unha soberanía real, sexan aspectos de diverxencia, que vaian ter presenza nas prioridades e nas posturas institucionais. Son cuestións que se deixan para os actos e mobilizacións puntuais de cada forza cos simpatizantes e organizacións específicas, nunha conxuntura onde a protesta na rúa está abafada polo institucional e o mediático. Mais en todo caso, a postura de Anova no nacional é cada vez máis débil, como se amosa na incidencia no discurso das mareas, e en Podemos no Congreso. 

A postura de Anova no nacional é cada vez máis débil, como se amosa na incidencia no discurso das mareas, e en Podemos no Congreso

Neste contexto, con estas eivas e contradicións nas mareas, e en plena reconversión da mensaxe de Podemos, despois do fracaso da “toma do ceo por asalto”, hai que valorar a presentación pública do Chamamento de Vidán por parte de Xavier Vence. Unha alternativa arroupada por dúas deputadas do BNG (Carme Adán e Tereixa Paz), unha ex-parlamentar no Congreso español (Olaia Fernández Davila), e a que debería ser eurodeputada en Bruxelas (Ana Miranda), así como por militantes da fronte ou nacionalistas non organizados. O primeiro que chama a atención é que este manifesto repita as teses que foron derrotadas pola militancia na última Asemblea Nacional, sen aportar novos argumentos, xa que tan pobres son os 70.000 votos do 20-D, como os 45.000 do 26-X, especialmente se temos en consideración que aqueles resultados condicionaron totalmente estes últimos, nun contexto tan polarizado, que mesmo afectou ao nacionalismo en Euskadi e Catalunya. 

O segundo aspecto que non se pode obviar, é que estes importantes dirixentes do BNG durante tanto tempo teñen a súa dose de responsabilidade sobre a regresión institucional, que por certo foi menos significativa no ámbito municipal, xusto alí onde eles tiñan menos incidencia nas decisións e no discurso. Non quero dicir que tivesen toda a responsabilidade, mais algunha terían, non? Que agora se presenten como referentes da liña correcta, salvadora, diante do retroceso, seica do “fin de ciclo”, facendo análises apocalípticas (será por que eles se van?),... ademais de pretender deixar detrás terra queimada, amosa unha total falta de autocrítica. Vence escenificou durante os anos da súa xestión unha e outra vez un BNG incapaz de sobrevivir sen o retorno de Beiras. É unha actitude que non axuda precisamente a recuperar un proxecto.

A terceira cuestión a valorar é que, casualmente, Xosé Manuel Beiras saíu á palestra para ofrecer a inmediata integración nas mareas tanto do Foro Galego como do Chamamento de Vidán. Casualidade? Coido que non. Todo fai pensar que os contactos veñen de vello, e que unha vez perdida a batalla interna no BNG estase a escenificar o cambio de barco. Algo que forma parte da disputa política, da pluralidade social e política do momento, da liberdade de elección. Mais calquera ruptura ten obrigas de sinceridade no comportamento, antes, agora e despois. Non vale todo. Máxime cando se di que: “sen embargo, esa alianza construída para defender os intereses de Galiza, especialmente no Parlamento Español, amosa unha incapacidade crecente para cumprir ese obxectivo derivando nunha debilidade, cada vez máis evidente, do seu polo nacionalista. As contradicións, propias de calquera alianza electoral, e a menor visualización da compoñente galeguista están, ao noso xuízo, na causa máis probábel do devalo acusado por esta nova alternativa nas últimas eleccións xerais”. 

Xosé Manuel Beiras saíu á palestra para ofrecer a inmediata integración nas mareas tanto do Foro Galego como do Chamamento de Vidán. Casualidade? Coido que non

Sendo discutíbel que o aspecto nacional tivese un carácter central nas mareas, recoñécese no manifesto que estas son cada vez máis dependentes de Podemos e que foron perdendo o pouco verniz nacionalista que tiñan, e que iso causou o seu retroceso electoral na Galiza (o do grupo parlamentar ignórase no texto). Aceptándose esa tendencia, como se pode pensar que esa correlación de forzas e o carácter do proxecto pódese mudar pola incorporación (entrismo) dun grupo de ex-militantes do BNG, por máis numerosos que sexan, nunha conxuntura onde o mediático fortalece o centralismo, para alén da utilización exclusivamente discursiva da plurinacionalidade e do dereito a decidir? Sería ignorar que Podemos é un proxecto que combina a loita das ideas, mediante un grupo moi reducido e preparado de cadros, moi centralizado e unificado na mensaxe, que contan co arroupe de certos medios con moito peso. Polo que o número e a inserción social dos/as militantes sempre terá menos incidencia que ese núcleo central. Ademais, dende o Chamamento de Vidán óbviase a viraxe política de Podemos cando reivindica a Zapatero e quere formar parte da socialdemocracia europea (Hollande, Tsipras, etc), a aceptación da monarquía, a reunión protocolaria na base militar de Torrejón con Obama que viña dunha xuntanza da OTAN, etc. E tampouco se pode ignorar a postura de Carmen Santos que reflicte eiquí, no país, a pouca sensibilidade que ten Podemos en relación á cuestión nacional galega.

Dende o Chamamento de Vidán óbviase a viraxe política de Podemos cando reivindica a Zapatero e quere formar parte da socialdemocracia europea

Todo fai pensar que en moitos dos afastamentos de afiliación ao BNG, especialmente de cargos e dirixentes destacados, pesan máis os cálculos electorais que a procura dun instrumento máis acaído para avanzar na xustiza social, a democracia e os dereitos nacionais. Concretamente, no Chamamento de Vidán ren se di dos obxectivos e da folla de ruta (para alén de se sumar á  unha oposición institucional que se dá como gañadora). Non se di ren do que implica este paso para a formación da conciencia do povo, e a respecto do fortalecemento da organización para a mobilización popular pola liberación nacional e social. Tampouco se explica como as mareas poderían transformar a realidade e contribuír ao avance do nacionalismo popular. 

Neste Chamamento, e noutras opcións semellantes, non se ofrecen alternativas para superar un camiño, como o das mareas, que nesta altura se evidencia capado na mensaxe e nos obxectivos soberanistas, para alén das disputas internas que saen á luz. Esta situación obxectiva non é so un problema numérico. Por outra banda, todo fai pensar que estes abandonos, ademais de debilitar unha opción claramente nacionalista e de esquerda, non van axudar á derrota dos conservadores. E no caso de conseguilo (en alianza co PSOE), o entrismo non semella máis eficaz que un proxecto claramente definido. Non se pode ignorar que a principal forza da coligazón pretende reproducir o primeiro “felipismo”. Dada a deriva actual de Podemos, o único que está claro é que non deixa de virar cara un proxecto que non cuestiona o sistema. E todo o mundo sabe como evoluíu aquela experiencia, que tanto ilusionou a sectores do PSG e do PCG, que daquela se incorporaron ao PSOE. Polo tanto, as diferenzas insalvábeis co Bloque dalgúns sectores do nacionalismo non se deberán a que apostan por un proxecto superador. Se cadra, nalgúns casos sexa unha saída persoal escenificada colectivamente, para evitar as dificultades e sacrificios de ter que remar contracorrente nun contexto cunha gran hexemonía das clases dominantes. Noutros, que a pertenza ao BNG non se debía á coincidencia coa súa liña estratéxica, senón que se aproveitou que era a organización política máis forte do nacionalismo e da esquerda, dado que o PSOE estaba entregado ás teses capitalistas.

O BNG, como forza de liberación nacional, aínda que sufra mudanzas, non morrerá como proxecto, como pretende o Manifesto de Vidán e artigos como os de Suso Veiga, mentres se manteñan  contradicións tan fortes no eido social e nacional na Galiza. Máxime cando día a día se agudiza a desigualdade e se atacan aspectos esenciais da identidade nacional. Agora ben, para que o nacionalismo teña relevancia, sexa hexemónico, debe tomar a iniciativa, e para iso cómpre terminar coas diverxencias internas destrutivas. Mais alentando a análise e o debate, a autocrítica para corrixir. É esencial formar, politizar, e construír unha organización democrática e forte. Tamén é básico para acadar a hexemonía recuperar a centralidade da mobilización, que se forme a militancia, organizar. Repetirei isto mil veces!  Así como ter clarificada e socializada a política de alianzas e a folla de ruta, as etapas e obxectivos para cada unha delas, unha mensaxe única, e dar valor central aos argumentos evitando reducir todo á consigna. 

Para que o nacionalismo teña relevancia, sexa hexemónico, debe tomar a iniciativa, e para iso cómpre terminar coas diverxencias internas destrutivas

Os que non teñen futuro político como proxecto nacionalista, por máis que o teñan individualmente, son aqueles que todo o fían ao tacticismo, ao oportunismo, e se deixan levar pola corrente. A esta altura o único argumento contrastábel para que un/unha nacionalista se una ás mareas é o dos votos, non o do avance da conciencia, nen a conquista de obxectivos sociais e nacionais, o aumento da organización e mobilización popular. Só os votos! Este é o aspecto máis conxuntural da loita política, cando se trata dun partido que confronta co sistema. O BNG, mesmo coas súas eivas, e aínda que debería radicalizar máis a súa proposta no social e laboral e asumir un maior protagonismo na mobilización, está á esquerda das mareas. Nestes aspectos e no nacional o BNG ten unha coherencia da que estas carecen. E isto ten un valor estratéxico, porque o suxeito é esencial no proxecto político

http://manuelmera.blogaliza.org/