Opinión

Os custes da dependencia

Perante máis dunha década Núñez Feijóo (o PP) saíu ben parado diante da opinión pública do debate respecto da situación socio-económica da nación galega. Axudoulle moito contar co apoio da gran patronal e a maioría dos medios, mais tamén a falta de propostas alternativas que diferenciasen ao principal partido da oposición ate as últimas eleccións autonómicas, o PSdG. É de esperar, tendo en consideración a súa historia e proposta política que o relevo do BNG, como principal forza da oposición, axite o debate no Parlamento galego, e moi especialmente na sociedade, en relación con aquelas cuestións de fondo que frean o desenvolvemento económico e social, como a dependencia.

Unha lousa que se reflicte na perda constante de peso demográfico dentro do Estado español (EE). O 1 de xaneiro de 2021 a povoación galega representaba só o 5,68% da existente no EE. No ano 1900 chegaba ao 11,13%, no ano 1940, ao 10,14%, e no ano 1980 era do 7,45%. A etapa franquista empurrou á emigración a centos de milleiros de persoas, e o carácter subalterno no proceso de industrialización da década dos sesenta, así como na integración na UE, baleiraron de xente as zonas rurais, que vivían dunha economía de subsistencia, sen que os núcleos urbanos do país foran quen de recoller este excedente de povoación agraria. Esta tendencia regresiva mantívose perante a etapa de Núñez Feijóo, despois dun avance parcial perante o bipartito 2005-2009 do PSOE-BNG. As razóns para esta evolución demográfica regresiva son a caída da natalidade (precariedade, baixos salarios, desemprego) e a emigración, que se compensa en parte coa inmigración de man de obra do exterior, forzada a aceptar normalmente baixos salarios e non poucas veces xornadas extenuantes.

Outro aspecto que ilustra as razóns que desalentan a natalidade e dan folgos á emigración, debese a  que boa parte do excedente empresarial investise no exterior, polo que o saldo positivo na balanza do comercio exterior é unha ilusión, xa que non favorece a creación de emprego na nación galega (ten moito que ver con este resultado que as empresas estratéxicas están en mans de capital foráneo e teñen súas sedes fóra de Galiza, en gran medida en Madrid). Os datos relativos ao investimento “exterior” sen considerar o EE (respecto deste a tendencia é semellante) no período de 1985 a 1997 o noso país recibiu un investimento do 0,5% do PIB galego, mentres que en Madrid ascendía ao 6,97%, en Cataluña ao 4%, Navarra ao 3,66%. Segundo os datos de 2018, que son ilustrativos desta etapa, exportamos capital por 982 millóns de euros e recibimos 65,5 millóns. Daquela ten súa lóxica que non aumente a creación de emprego, os salarios, a natalidade e a povoación.

A cuestión de fondo está no papel que xoga nosa nación na cadea de valor, o carácter subalterno da economía galega, por mor do proceso colonial, e isto marca unha diferenza con respecto da dependencia de Cataluña e Euskadi do Estado español, que non se debe esquecer no aspecto reivindicativo e da construción do relato. As comparacións que fai a dereita na Galiza en relación coa situación económica e social nesas nacionalidades son para rir, xa que a diferenza a o seu favor no económico é importante. Non é casual a maior renda por persoa, na media nas pensións, na atracción de capital exterior... (neste diferente papel no económico xogan factores históricos, mesmo ser fronteirizos a unha potencia como Francia, porén tamén que governe o soberanismo).

Non todo é regresión na Galiza, se fose así non existiriamos como país, e todo sería pobreza. Daquela que o transcendente cando se analiza a situación, fíxanse obxectivos e métodos de traballo, é definir con exactitude cal é o aspecto principal e a intensidade das contradicións. E a tendencia  está moi clara cando se analiza a evolución demográfica e o balance dos investimentos, mais idéntica evolución atoparemos na distribución da renda, o papel no ámbito cultural e lingüístico, na lectura que se fai da nosa historia, e outros moitos aspectos da realidade social e política.

https://obloguedemera.wordpress.com/