Opinión

Curros Enríquez, para alén do poeta

O 7 de marzo cumpríronse cento quince anos da morte en Cuba, na cidade da Habana, de Manuel Curros Enríquez, unha figura relevante da historia da Galiza de finais do século XIX e principios do XX. Naceu en Celanova o 15 de setembro do ano 1851, seu pai era escribán na vila. O enterro de Curros fíxose na Coruña, con moita polémica por medio. Dinos Celso Emilio Ferreiro no seu libro sobre Curros Enríquez: “A discordia, o signo da discrepancia, que o perseguira toda a vida, presentábase agora na tumba”. No concello de A Coruña xurdiu o debate sobre se o enterro debía ser católico ou laico. Acordouse que o fillo do poeta decidise, foi na súa procura Nan de Allariz, partidario do enterro laico. Abelardo, o fillo, decidiuse polo enterro católico, seica influído por Alfredo Vicenti. “Á velada fúnebre, celebrada no Teatro Principal non asistiu a representación obreira, que desconforme cos actos, convocou un gran mitin de protesta, no que interveu Manuel Casas”. As opinións estaban tan enfrontadas que se temeu unha folga xeral. Ao cortello fúnebre asistiron unhas 40.000 persoas, segundo relatan os xornais da época.

Participou Curros na Revolución de 1868 que derroca a Isabel II, sumándose aos ideais democráticos. Pasou longos períodos en Madrid, onde estudou e traballou como xornalista (La Gaceta de Madrid 1873, El Imparcial 1874, El Porvenir 1883, El País). Emigrou a Cuba 1894 por motivos económicos e políticos. Mais sempre mantivo un forte vencello co que acontecía na Galiza, tomou partido político e bateu contra as clases dominantes. Un destes enfrontamentos foi por mor da súa obra “Aires da miña terra”, publicado no ano 1880, que o bispo de Ourense condenou por conter “proposicións heréticas, blasfemas, escandalosas e algunhas merecentes doutra censura” (Manuel Curros Enríquez súa vida e súa obra, de Luís Carré Alvarellos). Curros será condenado a dous anos e catro meses de prisión, malia a moi boa defensa do avogado Paz Novoa. Non ingresa na cadea porque Serafín Temes deposita unha fianza de 1.500 pesetas.

No plano ideolóxico, ademais do seu anticlericalismo, denunciando a dobre moral que tiña a igrexa e como contribuía a abafar as arelas das clases populares, salienta como defensor da causa republicana, cada vez cun acento máis galeguista, que se reforza coa emigración en Cuba. Esta evolución non é casual nen está afastada do contexto. Lembremos que en 1887 celebrouse en Lugo unha xuntanza na que se elaborou o Proxecto de Constitución para o futuro Estado Galaico, e en 1889 Brañas publica en Barcelona o seu libro “El Regionalismo”, e en 1890 fúndase en Compostela o boletín “Patria Gallega”. Ou sexa, Curros participa deste ideario “regionalista” da época, que é un paso previo ao nacemento en 1916 das Irmandades da Fala, e do Manifesto Nacionalista en 1918, que consolidan os alicerces dos que nacera o Partido Galeguista.

Curros tivo unha especial preocupación polo idioma galego, tanto do seu uso correcto como do seu futuro. Vilanova Rodríguez (no seu libro Vida y obra de Manuel Curros Enríquez) afirma: “Curros sentiu fonda preocupación polo destino histórico do noso idioma... sabia que o povo que deixa morrer a súa lingua non ten xa razón para sobrevivir como ente histórico sobre a terra”.

Manuel Curros Enríquez foi un poeta e xornalista premiado en vida, recoñecido socialmente, que soubo entender e interpretar as inquedanzas populares, foi perseguido polas forzas conservadoras  e  non puido evitar atrancos económicos e problemas familiares que isto lle causou. En Cuba, na que tivo un importante papel na colectividade, dirixiu o periódico “Tierra Gallega” e foi defensor dunha ampla autonomía da illa, o que lle trouxo moitos problemas coas autoridades españolas e unha parte da colectividade galega... Nun contexto no que os campos tinguíanse de sangue dende facía décadas e o povo reclamaba a independencia.

Á miña irmá e máis a min de cativos, na emigración na Arxentina, a nosa nai e noso pai, dos concellos de Allariz e da Bola respectivamente falábanos de Rosalía de Castro, Curros e Lamas Carbajal (do que meu pai tiña un exemplar do “Catecismo do Labrego”). Eran tempos nos que tamén había na aldea mozos/as que coñecían e valoraban as xentes da cultura que defendían a nosa lingua, a Nosa Terra.