Opinión

Cuba, 60 anos de revolución 

O un de Xaneiro de 1959, hai seis décadas, os guerrilleiros da Serra Maestra, como popularmente se lles coñecía, fan a súa entrada en La Habana. Núñez Giménez, cronista de “En marcha con Fidel” relata deste xeito ese intre: “Xunto a Che Guevara, xefe da columna da Cabaña, os nosos ollos están cravados na Avenida do Porto, por onde avanza a Columna Uno José Martí. Á fronte da mesma, sobre un yip, o Comandante en Xefe, Fidel Castro recibe a homenaxe delirante do povo”. Estes feitos acontecen dous anos despois de teren desembarcado o 2 de Decembro de 1956 na Colorada, na provincia de Oriente, 82 guerrilleiros que viaxaban a bordo do Granma. Só doce sobrevirían despois dos primeiros choques co exército de Fulgencio Batista. Este pequeno grupo sería o miolo das forzas armadas revolucionarias e alicerce dun amplo movemento social, que derrotou a un dos réximes de América Latina máis sanguinarios e submisos cos Estados Unidos. 

Estes mozos atrevidos non saíron da nada, non foi unha arroutada, nen o espontaneísmo militarista que algúns pretenderon ver na acción e copiar despois. Eran consecuencia dun contexto de gran represión e un forte movemento de contestación á ditadura. Xa o 26 de Xullo de 1953, Fidel Castro e un grupo de mozos intentaran tomar por asalto o Cuartel da Moncada, en Santiago de Cuba. Foron detidos e procesados. Cando anos despois desembarcan en Oriente estaba preparada simultaneamente unha insurrección nesta cidade, que foi abortada, e morto o seu principal dirixente, Frank Pais (fillo de galegos de Marín). Desde o momento do desembarco, todos os progresistas de América Latina (e de moitas outras partes do mundo) tornaron a súa mirada sobre esa pequena illa chamada Cuba, e os barbudos guerrilleiros foron a representación das mudanzas profundas que as grandes maiorías arelaban e necesitaban. 

Os barbudos guerrilleiros foron a representación das mudanzas profundas que as grandes maiorías arelaban e necesitaban 

 

Estiven en catro oportunidades en Cuba, no ano 1994, en pleno período especial, de grandes dificultades económicas, no ano 1996, de novo en 1999 e a miña última viaxe foi no ano 2005. Aproveitei as miñas viaxes para achegarme á realidade social e política na illa. Polo que vou reproducir brevemente algunhas das consideracións que fixen. 

1994: Como consecuencia da caída da URSS e das democracias populares, Cuba sufriu unha grave crise entre 1991 e 1994: “Durante a miña estadía na illa constatei aspectos que xa supuña. Por exemplo, a parte vella está moi deteriorada, non hai repostos para os coches, os produtos esenciais que debían asegurar as cartillas de racionamento son insuficientes, os "macetas" (maleantes que especulan co dólar e produtos esenciais) pululan polo centro e parte vella da Habana, en algúns lugares a infraestrutura viaria está intransitábel, falta papel e medicinas,... pero, hai que resaltar que os dirixentes e cadros políticos e sindicais viven nas mesmas condicións ca masa obreira e labrega, conviven coas súas dificultades, e acceder por parte dun traballador a un dirixente do Goberno ou dunha organización social é natural e sinxelo, nada comparábel ao que estamos acostumados en Europa. Cuba é todo o contrario a unha sociedade cunha elite política!” (A Nosa Terra nº 622; 19-05-1994).

1996: as moi debatidas correccións decididas pola Asemblea do Poder Popular en 1994 comezaban a dar resultados: “Calquera que estivera en 1994 ou 1993 en Cuba e vaia hoxe pode ver as diferencias con só camiñar pola rúa. Hai máis coches circulando... paladares (restaurantes privados), casas de cambio de moeda, venda de libros usados, non hai cortes prolongados de luz, moitos edificios da parte vella en reparación... En poucas palabras, moito máis movemento e unha mellor situación económica, que se comproba cando en 1994 se conseguía cun dólar 125 pesos e hoxe só 23. Isto non quere dicir que non haxa aínda graves deficiencias e importantes necesidades (...) Cuba, aínda facendo fronte a unha reconversión total da economía, antes vencellada ós países do leste de Europa, e ao bloqueo dos USA, ten unha situación social mellor que calquera país do seu entorno (...) En países tan ricos en recursos como Venezuela, en Caracas un 50% da povoación vive en vilas miserias,... e da situación de Honduras, Guatemala, Haití, Rep. Dominicana...” (Tempo Sindical nº 12, xullo 1996).

En 1996 as moi debatidas correccións decididas pola Asemblea do Poder Popular en 1994 comezaban a dar resultados

 

1999: “Julio González Pages, do Movemento Cubano pola Paz e a Soberanía dos Povos, preséntame ao presidente da Federación de Estudantes Universitarios da Facultade de Filosofía e Historia. Faino mentres me mostra a Universidade, falamos dos estudos, e dos grandes cambios que se produciron nos últimos anos. Dime, que malia que a súa carreira, filosofía, chámase igual (Filosofía Marxista Leninista) o plan de ensino é totalmente novo. Xa non seguen só os manuais soviéticos, que se cinguían en exclusiva o estudo do marxismo e do leninismo, senón que tamén  analizan outras tendencias filosóficas e, moi especialmente o pensamento filosófico cubano, o que lle adican os últimos anos de carreira. Agora estudan todas as correntes do pensamento filosófico, e, dentro das socialistas, aquelas que se poden considerar desviacións do mesmo” (A Nosa Terra nº 883; 20-05-1999)

2005: “Na última década mudou a economía de Cuba, xa que no ano 2004 os servizos representaron case que un 60% do PIB, salientando como actividade dinamizadora o turismo. Sen dúbida o gran atractivo é o clima, as praias, a practicamente nula violencia, o carácter aberto e o nivel cultural dos cubanos e cubanas. Dicíame Darío Machado, profesor da Universidade de Ciencias Informáticas de Cuba e do Instituto Internacional de Periodismo José Martí, que a economía tíñase recuperado moito, aínda que cando se pasa por un pantano (como foi a difícil situación dos anos 90, o chamado período especial) por máis que se triunfe sempre quedan feridas. Destaca a importancia da produción de níquel, biotecnoloxía, remedios, a enxeñería xenética, a pesca, etc. Que este pequeno país saliente en investigación e tecnoloxía avanzada amosa un sistema educativo moi cualificado” (9-12-2005; páxina web da CIG). Esta foi a miña última viaxe á illa, para asistir ao congreso da Federación Sindical Mundial.

No ano 2014 escribía que son moitos os atrancos aos que está sometida Cuba, especialmente o bloqueo dos Estados Unidos. E valoraba as últimas reformas realizadas polo Governo: “No ano 1994 presenciei o que sería a miña primeira experiencia dun debate da Asemblea Nacional do Poder Popular (...). Os deputados analizaron os problemas de Cuba con claridade. Problemas que coidaban eran no fundamental produto do bloqueo e a caída do socialismo no Leste de Europa, mais tamén de erros na concepción do socialismo, concretamente a causa do paternalismo practicado desde o Estado, o que facía dicir a Fidel "que moitos cubanos comportábanse agora como fillos pródigos” (...). O centro do debate foi a especulación e o exceso de liquidez. A primeira, provocada pola escaseza de alimentos e produtos esenciais. A segunda, porque se mantiveron os salarios no seu valor anterior, malia o descenso de produción, tamén pola entrada no mercado interior dun dólar sobrevalorado”. Desde este debate, pasaron case dúas décadas e algúns problemas seguen a atrancar o desenvolvemento da actividade económica e a deformar a situación social, como a circulación de máis dunha moeda, e as deficiencias en certos sectores da produción. Algunhas medidas que xurdiron na discusión como necesarias para recuperación e non foron aceptadas pola maioría da Asemblea en 1994, como o traballo por conta propia e o cooperativismo en determinadas actividades, agora están nun proceso de experimentación (alí onde o proceso produtivo esta moi individualizado)” (La Región; 7-01-2014).

Son moitos os atrancos aos que está sometida Cuba, especialmente o bloqueo dos Estados Unidos

 

Neste intre súmanse, aos atrancos e eivas comentados, un avance das forzas reaccionarias na América Latina, e unha situación de estrema debilidade daqueles países que mantiñan unha relación normalizada con Cuba. Tampouco se pode ignorar a confrontación entre as grandes potencias, que afecta tamén os países dependentes ou que practican políticas soberanas, como é o caso de Cuba, Venezuela, Bolivia, Iran, Siria, etc. Os Estados Unidos e a Unión Europea (como aliado subalterno) queren manter a súa hexemonía económica e militar, opoñéndose a recoñecer un modelo baseado na aceptación da lexislación internacional e da existencia dun mundo multipolar (incursións militares, sancións, guerra informativa). 

Nunha conxuntura tan difícil o Governo cubano debe ofrecer expectativas de mellora na calidade de vida, e manter os alicerces do socialismo como proxecto estratéxico. Neste contexto hai que entender o debate da nova Constitución, e as reformas que se propoñen. Que todas elas sexan acertadas é unha cuestión que só a práctica pode clarificar. O esencial é que se manteñan os servizos públicos universais esenciais, como sanidade, ensino e pensións, a garantía do reparto do traballo, e sobre todo o carácter público dos sectores estratéxicos, como a banca, enerxía, transporte, etc. 

Por outra banda, pedirlle a Cuba o que non se consegue noutros países e non logran outros partidos,  especialmente por parte daqueles que fixeron deixazón dos obxectivos do socialismo, semella bastante cínico. Tendo en consideración ademais as limitadas potencialidades económicas e demográficas da illa. A esta altura non resulta doado darlles leccións ao povo deste pequeno país e a Partido Comunista Cubano. Aínda así sería moi positivo que mantivese no esencial o sector público, e que garanta o reparto do traballo e o soporte económico das persoas que por razón de idade ou outra limitación están fóra do ámbito laboral. E ademais, e isto non é unha cuestión menor, esta xustiza social debe estar unida a unhas condicións de vida dignas e en constante progreso. Este último aspecto é o que está máis unha vez a debate en Cuba. Que atopen o camiño axeitado, neste contexto, será un avance e un exemplo para a clase traballadora e outras camadas populares no resto do mundo, e para os povos que queren manter a súa soberanía ou están a loitar pola súa liberación.

O Governo cubano debe ofrecer expectativas de mellora na calidade de vida, e manter os alicerces do socialismo como proxecto estratéxico

 

Darío Machado considera que a nova Constitución recolle os obxectivos estratéxicos e o marco apropiado para desenvolver a economía e os servizos: “Construír unha sociedade de orientación socialista significa manter baixo control os principais resortes do rexurdimento do poder do capitalismo: a propiedade privada e as ganancias. Para iso estarán as leis, a política fiscal, os instrumentos a disposición do Estado. É deber do Estado propiciar o desenvolvemento harmónico da nosa economía mixta recoñecendo a diversidade de formas de propiedade e de organización do traballo de modo que haxa o necesario estímulo á eficiencia produtiva, ao aforro e ao investimento, porén na relación contraditoria capital-traballo o Estado socialista soportado polo pobo traballador, ten o deber de estar sempre a prol do traballo”.

Darío Machado considera que a nova Constitución recolle os obxectivos estratéxicos e o marco apropiado para desenvolver a economía e os servizos

 

Por último, como un aspecto máis que pon en valor a Revolución Cubana está todo o relativo ao labor exemplar realizado respecto da solidariedade internacional, malia todas as súas limitacións demográficas, económicas e ao bloqueo dos Estados Unidos. “E neste aspecto, moitas veces, cando se analiza a contribución de Cuba con Angola e Etiopía, a importancia da achega militar opaca a solidariedade no campo civil, especialmente no eido da saúde e do ensino. Os dados que se barallan nos estudos sobre o persoal cubano que desenvolveron tarefas civís en Angola nese período varían moito; van dos 50 mil até os 100 mil. En calquera caso é unha cifra moi grande. Este persoal foi vital nun intre no que sectores enteiros dos servizos e da economía ficaron paralizados pola precipitada marcha dos colonos” (artigo en Sermos Galiza). Esta colaboración exterior mantense na actualidade, tal como se reflicte en países como Brasil, Venezuela e Haití, por poñer algúns casos. E isto cómpre engadir as ducias de milleiros de mozos e mozas formados na illa procedentes de países do chamado “terceiro mundo”. 

https://obloguedemera.wordpress.com/