Opinión

Crise e reaxuste

O forte aumento do IPC, que supera os dous díxitos e sendo na Galiza máis elevado, malia que a media dos ingresos dos salarios e das pensións é máis baixo, e que, aínda que o negou repetidamente, agora o Governo recoñece que a evolución negativa pode ir a máis, amosa un futuro preocupante e como é lóxico dará pulo ao medre da contestación social. Un anticipo desta evolución foi, por exemplo, o convenio do metal provincial da Coruña, neste caso cun aspecto positivo: rematar cun acordo, cedendo a patronal a unha parte das reivindicacións dos/as traballadores. Sen dúbida é unha boa nova tendo en consideración a postura tan dura que están a manter os/as empresarios, que queren transferir todos os custes da inflación ao consumo e aos salarios. Agora ben, non foi un acordo doado, xa que o convenio levaba tempo conxelado, pola negativa empresarial a negociar, ao exixir como punto de partida un recuar nas condicións laborais.

No cambio de postura da patronal do metal da Coruña incidiron as masivas mobilizacións e varios días de folga practicamente total. Tamén axudou a unidade sindical até o último momento entre a CIG, CCOO e UGT (e por suposto que a CIG tivese un 42% da representación e tomase a iniciativa). Agora ben, aínda que esta é a dinámica desexábel e necesaria non sempre será así, como o reflectiu por exemplo o acordo no convenio da hostalería provincial da Coruña, que foi rexeitado pola central nacionalista, ao consideralo insuficiente: “maior carga de traballo e unha vida un 8% máis cara, que na momento da sinatura do convenio chegará a un acumulado superior ao 10% (xullo de 2022), e sen percibir atrasos por todos os anos anteriores (...) Non se contempla unha cláusula de revisión anual ligada ao IPC real, senón que as compensacións atrásanse ao final da vixencia do convenio e ademais impónselle un tope”. 

O que suceda na negociación colectiva é moi importante para artellar unha resposta xeral, do conxunto da clase traballadoa, máxime cando comeza en Madrid unha nova escenificación dun pacto social, neste caso para conter os salarios, poñendo como escusa a competitividade, frear o medre do IPC e do desemprego. Chama a atención que a primeira reunión fose presidida pola ministra de Economía e que a non estivese a de Traballo, seica por razóns de axenda e unha xuntanza no exterior (os próximos día saberemos cal é o fondo, a estratexia. Compartida ou non).

A cuestión de fondo é que dende o Pacto da Moncloa até hoxe todos os “acordos sociais” entre patronal-sindicatos-governo fixeron pagar esencialmente á clase traballadora o axuste (malia que as rendas do capital superan a dos salarios no PIB). Un escenario que non se pode volver a repetir!!! Uns datos: no ano 2021 as empresas que forman parte do IBEX35 obtiveron uns beneficios récord de 57.797 millóns de euros, fronte a unhas perdas de 8.088 millóns en 2020. Evidentemente que a situación de todas as empresas non sempre é tan boa. Porén non se pode obviar os cuantiosos créditos ICO e as axudas directas. E, como contrapartida a maior recadación por IVE e os ingresos derivados do traballo, que atinxen no esencial á clase traballadora e persoas con baixos ingresos. Neste caso, o reaxuste tamén pode afectar a un sector moi numeroso dos/as autónomos e pequenos empresarios/as; hai un proceso de concentración e centralización evidente.

Ulo a xustiza social?... xa que a reforma fiscal que afectaría as rendas máis altas e grandes empresas queda para o vindeiro ano (promesas que pode levar o vento)... Mentres a UE está cada vez máis inqueda pedindo reducir o déficit no gasto público (afectando salarios dos/as funcionarios? Prestacións e servizos básicos?... seguramente. Así o din os antecedentes). Aínda que Bruxelas fai unha excepción cando se trata de defensa, coa escusa da guerra da Ucraína. Sempre a dobre vara de medir, o discurso progre no social e logo a práctica conservadora servindo aos intereses das clases altas e os poderes fácticos. A disputa ideolóxica e a mobilización dan resultados, vexase a folga do metal na Coruña, ou que o maior aumento medio dos salarios nos últimos cinco anos fora na Galiza cun 4,4% mentres que a media estatal foi regresiva -0,2% (segundo un estudo de Adecco). Algunha relación haberá coa mobilización e iniciativa da CIG, aínda que os medios sistémicos o agochen?