Opinión

O covid: unha gripe máis?

Se temos en consideración o quen din os científicos a variante ómicron é moito máis contaxiosa que outras anteriores, porén menos letal, se fose así seica sería o paso previo a que as persoas convivan co covid como se fose unha gripe común. Tendo en consideración o comportamento doutros virus este pode ser un escenario posíbel, polo que ten certa lóxica que os governos se preparen para poñer os medios para convivir co covid-19. Mais, como a historia non está escrita, non se poden ignorar outros escenarios, xa que poden xurdir no futuro inmediato novas variantes máis contaxiosas ou un novo virus, polo que crear expectativas nas que se dea por superada a pandemia non axuda para terminar con ela. Por exemplo, para poñer en práctica medidas que restrinxan a mobilidade, que manteñan as distancias, que impliquen normas de protección nos comportamentos sociais e na actividade económica mentres dure a pandemia, que reforcen o sistema sanitario, especialmente primaria, etc...

Ademais, sendo certo que a variante ómicron é menos agresiva, a rapidez coa que se estende, pode agravar a saúde de moitas persoas afectadas por outras enfermidades, co que isto implica de letalidade. Tampouco se pode ignorar que perante un determinado período de tempo pode atinxir e abranguer a unha parte importante da actividade laboral, afectando dende a prestación sanitaria, a produción e comercialización de bens servizos esenciais. Cal será no momento punta o número de baixas laborais e en que sectores? esta pregunta que deberíase contestar contando cun plan preventivo para o peor dos escenarios. Entendendo que manter a actividade produtiva é esencial, mais nunca a costa de espallar os contaxios e sacrificar á povoación máis vulnerábel. A saúde da xente é o primeiro.

Polo tanto, desexando que a pandemia sexa superada o máis pronto posíbel, polo ben de todos e todas, coido que cómpre por parte dos governos actitudes máis reflexivas, sen por iso deixar de ser optimistas, tanto pola confianza no proceder da sociedade como polos avances científicos. Agora ben, do acontecido tamén haberá que se facer preguntas e tirar conclusións que nos sirvan para o futuro. Por exemplo: cales son os factores estruturais que alentan estas pandemias? En concreto: a ruptura no equilibrio entre o ser humano e os ecosistemas, e o que isto implica en relación cos comportamentos sociais, e estes cun sistema económico insostíbel. Non se pode obviar a esta altura a desfeita da natureza, a escaseza de recursos esenciais, os desequilibrios demográficos e a mobilidade extrema.

Tampouco se pode ignorar o medre da desigualdade e da precariedade, a confrontación entre potencias, a violencia, a corrupción, e a mercantilización de todo. E, malia que nos discursos todos os estados e partidos seica queren levar adiante medidas que superen cada unha destas eivas e atrancos, despois na práctica todo segue igual, xa que as potencias hexemónicas impoñen a lei do máis forte para seguir centralizando e concentrando poder e riqueza. Xa que o capitalismo é consubstancial coa máis cega das cobizas, das soberbias, coa explotación dos seres humanos e opresión das nacións máis débiles, mentres utiliza perversamente a escusa dunha teatralización da democracia, dos dereitos individuais e colectivos.

Esta tendencia dominante no mundo, mesmo reforzouse coa pandemia, malia que a eliminación só é posíbel coa inmunidade planetaria, e polo tanto a solidariedade. Agora ben, así como se fortaleceron as tendencias regresivas, no económico e no político, e como se utiliza o Estado capitalista para reflotar e fortalecer as corporacións, usándose a traxedia como unha escusa máis, non para mellorar, senón para volver ao pasado, como se isto fose posíbel, tamén ficaron patentes as mostras de solidariedade na base da sociedade. Do que temos exemplos concretos e recentes, como o papel esencial e democratizador do sistema público na sanidade, nos servizos e prestacións básicos, mesmo para salvar actividades económicas e emprego. Son as dúas caras da moeda da pandemia, antagónicas, que se expresan en todos os ámbitos, tamén no social, territorial, xénero, lingua,...

En resumo, o covid pode rematar sendo unha gripe máis, porén para o futuro é esencial evitar ou cando menos construír muros eficaces fronte a novas pandemias. Tamén é fundamental quen gaña a batalla do relato sobre quen e con que medios se derrotou ao covid-19. Ou sexa, sobre o papel do privado e do público fronte á pandemia e á crise. Cómpre gravar na conciencia colectiva o carácter estratéxico e como garantía de futuro para humanidade do sector público na sanidade, nas prestacións básicas, no ensino, na enerxía, nas farmacéuticas, no transporte de viaxeiros, na banca... e en todo o relativo a soberanía, á democracia, ao clima, á igualdade, a frear a violencia...

https://obloguedemera.wordpress.com/