xoves 09.04.2020

Covid-19, pensando no día despois

O FMI vai investir 1 billón de euros para superar os efectos do coronavirus Covid-19, e o Banco Central Europeo aumentou a 750 mil millóns de euros os cativos 120 mil millóns iniciais, anunciados por Christine Lagarde a pasada semana. Tendo en consideración a evolución da epidemia e seus efectos sobre a economía da Unión Europea, non sería estraño que en pouco tempo tivese que aumentar a contía, mesmo que existan estados e dirixentes que aposten en calquera contexto por políticas de contención do gasto público, por medidas de permanente axuste. Moitos economistas destacan que por esta vía demorouse unha década superar a crise iniciada en 2008.

En principio é positivo que estas institucións poñan a disposición dos países afectados pola pandemia importantes recursos,

En principio é positivo que estas institucións poñan a disposición dos países afectados pola pandemia importantes recursos,... esperemos que o criterio para outorgalos non estea condicionado por motivos político-ideolóxicos que primen sobre as consideracións sanitarias. Polo momento, o FMI acaba de rexeitar unha solicitude por parte de Venezuela dun crédito de 5 mil millóns de dólares adicado a combater o coronavirus “porque non existe claridade respecto do recoñecemento internacional do Governo”. Actitude ben distinta, por exemplo, da que ten China enviando a Italia e España mascarillas e kits de probas. Ou a de Cuba, que deixou desembarcar aos pasaxeiros/as dun cruceiro británico, que levaba 10 días dando voltas polo mar Caribe con 5 contaxiados a bordo, porque ningún país da rexión lle daba permiso utilizar un porto para que estas persoas fosen evacuadas a Gran Bretaña.

Os recursos para superar a crise do 2008 saíron fundamentalmente da clase traballadora, da reducir servizos e prestacións públicas

Volvendo ao tema deste artigo, sen dúbida era unha medida necesaria que o Governo central adicase 200 mil millóns de euros a combater o virus, manter e recuperar a actividade económica, evitando a perda de emprego, e aumentando os recursos para atender aos sectores máis desprotexidos. Na filosofía todo correcto. Ademais, non semella casual que esta fornecemento de recursos e avales  coincida no tempo con medidas semellantes en Italia e Francia (houbo un acordo previo?). En calquera caso a intervención de Pedro Sánchez e o decreto non deixan totalmente claro de onde sairán os recursos económicos. Este non é un tema secundario, porque os recursos para superar a crise do 2008 saíron fundamentalmente da clase traballadora, da reducir servizos e prestacións públicas (en concreto a privatización dunha parte da xestión e a redución de recursos sanitarios, que agora se notan diante desta pandemia).

Sabemos que o Governo central vai adicar 17 mil millóns a medidas sociais e que pon a disposición das empresas outros 100 mil millóns en avales. Non son cantidades equiparábeis, aínda que un aval non se ten porque facer efectivo, a menos que as empresas non paguen os créditos ou parte del. En todo caso a experiencia cos bancos na crise do 2008 é amarga, xa que boa parte das débedas deberon ser asumidas polo erario público, unha presión fiscal que se cebou nas clases populares. Tampouco se pode obviar que se adían pagos de impostos e da seguridade social das empresas, mesmo nalgúns casos non se cotizará durante a emerxencia sanitaria. Seica estes custes iran a cargo do sistema da Seguridade Social, que lembremos paga as pensións e ten un importante déficit entre ingresos e gastos, entre outras cousas como consecuencia da rebaixa dos salarios polo axuste social que implicou a crise do 2008. Deberíase aclarar que estes recursos procederan dunha transferencia dos orzamentos do Estado, e que fose este o que recibise un crédito do Banco Central Europeo.

Centrais como a CIG denuncian as eivas deste decreto respecto da protección das condicións laborais e dos salarios, e que non garante a plena seguridade sanitaria nas empresas nas que se mantén a actividade produtiva. O seu secretario xeral, Paulo Carril, entre outras consideracións pon o acento en que: “a modalidade de ERTEs non preserva os ingresos dos traballadores/as, porque non garante a integridade dos salarios que terían que percibir os traballadores/as, nin actualmente, nin nos próximos meses, porque isto vai repercutir na xeración de pagas extra e de vacacións”. Sen dúbida neste intre hai que deixar nun segundo plano as diverxencias de modelo, porén non se poden pechar os ollos diante de retrocesos, erros, ou eivas, que maña se darán como consolidadas.

 Salientar que o Covid-19 deixará unha profunda pegada na sociedade, e polo tanto pode servir para elevar o nivel de conciencia política 

Por último salientar que o Covid-19 deixará unha profunda pegada na sociedade, e polo tanto pode servir para elevar o nivel de conciencia política e para crear un estado de animo favorábel a grandes transformacións, se os partidos, organizacións sociais e sindicatos, que propoñen un mundo con xustiza social, igualdade e soberanía nacional e popular saen fortalecidos. O coronavirus, como as desfeitas ecolóxicas cada vez máis comúns, son produto dun modelo económico e social, o capitalismo, que se basea na explotación e opresión, na depredación a todos os niveis. As urbes xigantescas, os movementos de persoas e mercadorías como modelo a seguir, a destrución da natureza, das culturas e linguas, a precarización do traballo como futuro, e a prisión das maiorías de vivir hipotecadas, son a gasolina que alenta as revoltas sociais en moitas partes do mundo. Podiamos engadir moitas máis razóns, como as sancións, intervencións e guerras interminábeis, as migracións masivas forzadas, a especulación financeira, etc.

O coronavirus, para alén do aspecto sanitario, tamén é expresión dun sistema senil. Este é o debate que debemos alentar con sutileza na sociedade, propoñendo un modelo alternativo de relacións humanas, de respecto polas persoas e as nacionalidades, de economía sustentábel, autocentrada, solidaria. Cómpre hoxe máis que nunca axer no día a día pensando a vinte anos con propostas para o momento, a medio e longo prazo

.https://obloguedemera.wordpress.com/

Covid-19, pensando no día despois