Opinión

O coronavirus amosa un capitalismo esgotado

Malia a hexemonía das forzas imperialistas que empurran pola globalización neoliberal, tal como se reflicte no retroceso evidente do movemento obreiro e do dereito á soberanía das nacións, todo amosa que o sistema está esgotado. E así non só porque o crecemento do PIB é cada menor e máis localizado, tanto a nivel territorial como sectorial, senón porque este avance faise a costa da degradación da natureza e dunha maior explotación laboral, mesmo nos países máis “avanzados”. A loita desapiadada polos mercados entre potencias e o gran capital sanciona, bloquea, intervén militarmente e mesmo estraga países enteiros, utilizando como subterfuxio a democracia. A regras de xogo aceptadas despois da Segunda Guerra Mundial a esta altura perderon todo valor, xa que son cuestionadas pola principal potencia mundial, os Estados Unidos, que as considera un atranco para manter seus privilexios económicos e estratéxicos no mundo.

O capitalismo non deixa de sumar contradicións, das que o conflito entre grandes potencias é hoxe  a máis perigosa

O capitalismo non deixa de sumar contradicións, das que o conflito entre grandes potencias é hoxe  a máis perigosa. É deste xeito xa que se pode cuestionar o futuro da humanidade (guerra nuclear), e ademais a confrontación económica, nun mundo tan globalizado, xa está a afectar a unha parte moi importante da economía mundial. Mais, coa caída da URSS, do chamado socialismo real, semella que non existe alternativa a este modelo agresivo e depredador. Daquela que amplos sectores da sociedade afectados negativamente manteñan unha actitude pasiva, non ven perspectivas de futuro, contemplan sobre todo as solucións individuais. Evidentemente esta actitude tamén atinxe ás organizacións sociais e políticas, daquela que unha gran parte da esquerda fique orfa de proxecto estratéxico, e polo tanto de alternativas intermedias e de folla de ruta para o cambio.

Agora ben, mesmo con estas eivas, nesta conxuntura están sucedendo acontecementos de moita transcendencia que cuestionan a globalización neoliberal e que implican saltos cualitativos. Acontecementos que permiten albiscar novos escenarios, nos que se poderían abrir camiño a revalorización da soberanía popular, da xustiza social e solidariedade, dos que a construción do socialismo sería o alicerce esencial. Refírome a feitos moi evidentes, que están creando na sociedade conciencia de que o modelo está esgotado e hipoteca seu futuro, como reflicte acotío a desfeita ecolóxica, as migracións masivas, a rápida propagación das enfermidades contaxiosas. Aspectos que afectan a todos, para alén da súa situación social e do país no que se resida.

Non se trata só da intervención militar, da opresión nacional e da explotación laboral, senón de que mañá o mundo será menos habitábel que hoxe, 

Non se trata só da intervención militar, da opresión nacional e da explotación laboral, senón de que mañá o mundo será menos habitábel que hoxe, e todo isto nun marco de crecente violencia e inxustiza. Daquela que as respostas sociais se alarguen cada vez a máis países, se manteñan no tempo e teñan un carácter masivo (Haití, Colombia, Líbano, Francia...) e mesmo combativo, por exemplo en Chile. Tamén é parte desta tendencia o medre das diverxencias sobre o camiño a seguir entre as clases dominantes, tanto entre países (o Brexit) como dentro dos propios estados, como amosa a forte diverxencia entre os republicanos e demócratas nos Estados Unidos, como representación dos distintos intereses e das medios a utilizar polos sectores do capital.

Todo indica que o capitalismo está esgotado (o coronavirus é un reflexo máis, tamén no simbólico). Ábrese polo tanto unha oportunidade histórica, xa que os novos tempos serán de moita receptividade especialmente nas clases populares, para poder divulgar e debater alternativas superadoras do actual modelo. É verdade que tamén o farán as clases dominantes, e que teñen ao seu servizo moitos medios de comunicación de masas, e unha situación hexemónica. Porén son parte esencial deste sistema senil, inxusto, que carece de futuro, e arrastran a culpabilidade do fracaso, da desfeita; só a mentira e a utilización da forza pode manter seu dominio. Galiza, o povo galego, non debería quedar á marxe deste debate, máxime cando tanto a xustiza social como a construción dunha economía sustentábel e autocentrada son parte do discurso histórico do nacionalismo... En resume: Soberanía nacional democrática e popular para todos os povos!

https://obloguedemera.wordpress.com/