Opinión

Corenta anos de autonomía

Aproveitando o corenta aniversario da aprobación do Estatuto de Autonomía, tanto o PP como o PSOE saíron a reivindicar este paso adiante nas reclamacións históricas de Galiza. Unha celebración que se fixo coincidir coa que lembra o papel da xeración Nós na formación da conciencia nacional do povo galego, aspecto este no que estes dous partidos con seguridade sentiranse máis incómodos, a pouco que se entre nos obxectivos polos que loitaban. En relación co Estatuto o PSOE destacou o papel que xogou na súa aprobación, criticando ao nacionalismo rupturista (o mnpg) que chamou á abstención, por considerar insuficiente aquel Estatuto, unha simple descentralización nos aspectos fundamentais. Tanto o PSOE como o PP valoraron positivamente os avances conseguidos polo noso país durante estas catro décadas.

O primeiro que hai que destacar é que o Estatuto de 1981 estaba moi por debaixo do aprobado na 2º República

En relación a estas afirmacións, o primeiro que hai que destacar é que o Estatuto de 1981 estaba moi por debaixo do aprobado na 2º República, e por suposto da proposta que fixeron os municipios galegos en 1932. Ademais, cómpre lembrar que no ano 1873, durante a 1ª República, realizouse unha “asemblea republicano-federal” en Compostela á que asistiron 545 delegados, e na que se asinou un manifesto pedindo a autonomía e un réxime federal. E no ano 1887, en tempos da rexencia de María Cristina, o Partido Federal de Galiza redactou un proxecto de “Constitución pra o Estado Galaico”. Porén, o maior pulo cualitativo dáse coa realización da 1ª Asemblea Nacionalista de Lugo (en 1918), na que se esixe a autonomía integral pra Galiza e unha Federación de Iberia (incluíndo Portugal). Ou sexa, a reivindicación dun Estado Galego, dun réxime confederal ten máis dun século e medio de historia, non é unha arroutada, ou arremedar o que facían outros povos, aínda que houbese coincidencia lóxicas porque todos formamos parte do mesmo mundo. Lembremos que a insurrección de 1846 quería rematar coa colonización de Galiza pola Corte.

O segundo aspecto que se debe salientar é que, sendo verdade que houbo avances nestas catro décadas, por certo en todos os países do mundo, mesmo nos máis periféricos e dependentes, especialmente no ámbito científico técnico, a cuestión que se debe valorar é: a situación da Galiza en comparación coa súa contorna en cada momento histórico. Polo tanto, os datos relevantes son: o crecemento da economía e do emprego, e como resultado a evolución da demografía. E se comparamos a evolución de Galiza, no marco do Estado español, vemos que no ano 1981 noso país representaba o 7,44% dos habitantes e o 5,9% do PIB e no ano 2019 os datos eran respectivamente un 5,6% da povoación e o 5,17% do PIB. Sendo certo que na década dos oitenta unha parte importante dos habitantes do rural vivían do autoconsumo, o que reducía o valor do PIB, e no ano 2019 a economía capitalista abranguía ao conxunto, mesmo así a evolución seguiu sendo negativa tanto no aspecto demográfico como no PIB en relación co EE.

En poucas palabras: os corenta anos de autonomía, malia que foron un avance respecto do estado unitario, non evitaron que se mantivese e mesmo ampliase o papel subalterno na cadea de valor, a perda de povoación, tanto pola emigración e a caída demográfica, como por mor dunha sociedade máis desigual en beneficio das rendas do capital. Ademais, non se pode ignorar que a LOAPA, a entrada do Estado español na UE, restaron competencias ás autonomías ou paralizaron seu desenvolvemento, e ademais incorporáronse novos mecanismos para garantir un control centralizado da economía, como é a Lei de Unidade de Mercado.

Por se non abondase, o proceso de centralización e concentración da economía e do poder  acentuouse coa globalización neoliberal, pola que aposta a UE e todos os estados que a integran. Isto implicou na práctica que noso país perdese variedade produtiva e que a maioría das empresas máis dinámicas pasasen en mans de corporacións foráneas, ou foran substituídas por estas, aumentando así a dependencia, e que os centros de decisión empresarial e aqueles nos que se innova residan fóra da nación galega. Este non é un aspecto secundario, xa que deu pulo a que as nosas universidades formen persoal científico e técnico dirixido á emigración, fortalecendo así a fuga de capitais. Algo que tamén sucede cos investimentos xa que, malia o recuar e a pouca representatividade no conxunto do EE da economía galega, exportamos máis capital do que recibimos. Tamén se ampliou coa globalización a precariedade e desigualdade social, mais este non é o tema central deste artigo, aínda que sexan aspectos consubstanciais co sistema tanto a opresión como a explotación.

Os corenta anos de autonomía, malia que foron un avance respecto do estado unitario, non evitaron que se mantivese e mesmo ampliase o papel subalterno

Como terceiro elemento, resulta contraditorio que dende o PSOE se valore tan positivamente estes corenta anos de autonomía (obviando o retroceso do país) cando despois propón trinta medidas para “actualizar o Estatuto”. Esquece que estas catro décadas son un período de tempo durante o que governou a dereita (UCD-PP), agás dous períodos moi curtos. Unha morea de contradicións, para se poñer a medalla do apoio a un Estatuto que, sendo un avance, non respondía nen aos dereitos de soberanía do povo galego nen ás necesidades económicas e sociais do momento, e tampouco das actuais. Que o PSOE se reclame federalista e galeguista, sen dúbida é positivo, porén despois debese verificar na práctica. Teríanllo que lembrar ao alcalde de Vigo, por poñer só un exemplo. Que pouca memoria histórica e autocrítica.

Todo indica que o movemento nacional popular galego fixo máis que outras forzas porque Galiza tivese un Estatuto, que por coherencia negouse a avalar porque non pasaba dunha descentralización, grazas a manter vivas na sociedade as propostas de autodeterminación e as bases para constituír un estado confederal. Ademais, tal como se recoñecía no Estatuto a Galiza como nacionalidade histórica era interpretábel. E así acontece cando se considera como sinónimo de nación, como sería a resposta lóxica, xa que desde a dereita e o PSOE faise unha lectura restritiva negándolle ao termo actualidade. Daquela a oposición a que figure nos estatutos e ao recoñecemento do estado plurinacional na Constitución. Tampouco se pode ignorar respecto do Estatuto que o mnpg xa tiña unha presenza importante no movemento de base organizado e mobilizado (clase traballadora, mundo agrario, estudantado, cultura...) e sobre todo: tiña a iniciativa en todos eses ámbitos. 

https://obloguedemera.wordpress.com/