venres 10.07.2020

A conxuntura política entra nunha nova fase

De vagar, vaise amosando un cambio na situación política, especialmente nunha recuperación da mobilización social

De vagar, vaise amosando un cambio na situación política, especialmente nunha recuperación da mobilización social, que as eleccións catalás poden acelerar segundo sexan os resultados, ao obrigar as forzas españolistas a ceder no social. Alenta esta mudanza a correlación de forzas saída das eleccións municipais e autonómicas, que os novos partidos emerxentes van perdendo folgos unha vez que se amosan os límites da vía electoral, e a expectativa de que o PP perda as eleccións xerais. Analicemos polo miúdo todos estes aspectos.

Que hai condicións para a recuperación da mobilización é moi evidente na Galiza, tal como reflectiu en Vigo a inmensa manifestación esixindo unha sanidade pública e eficiente. E moi especialmente na contundencia, masividade e persistencia, da tratorada en defensa do sector leiteiro galego. Polo tanto, existen todas as condicións para que retorne con forza a protesta á rúa, mais isto só será posíbel se a clase obreira deixa a actitude defensiva e toma a iniciativa. Cómpre que se pase do conflito de empresa, illado e circunstancial, á loita reivindicativa de clase, que se manteña no tempo e teña obxectivos estratéxicos. Por exemplo, unindo a reivindicación dun traballo digno e dereitos laborais, cunha fiscalidade progresiva, servizos axeitados, democracia popular e soberanía para Galiza. É fundamental que exista unha folla de ruta que permita socializar os obxectivos, convertelos en parte do imaxinario do povo. Asemade, ten importancia que o estudantado se una á mobilización coas súas reivindicacións, porque é garante de continuidade na loita por un mundo mellor. Neste aspecto é positivo o proceso de unidade das tres organizacións estudantís nacionalistas.

"Existen todas as condicións para que retorne con forza a protesta á rúa, mais isto só será posíbel se a clase obreira deixa a actitude defensiva e toma a iniciativa"

Sen dúbida, que se sumaran ao “cambio” moitos concellos galegos axuda para a recuperación da protesta popular, máxime cando se trata de cidades e vilas importantes. Agora non lle é tan doado desmontar a mobilización ás clases dominantes, aínda que conte co control do aparello represivo e mediático. Nomeadamente, o avance das forzas nacionalistas e/ou de esquerda (como consecuencia da suma do BNG, as Mareas, e outras forzas progresistas), así como a necesidade do PSOE de gañar electorado, axudaron no éxito da manifestación a prol da sanidade pública en Vigo e nas tratoradas en defensa do agro. Neste contexto, ao PP non lle convén utilizar os métodos represivos, como noutras oportunidades. Mais, con seguridade, volverá facelo unha vez pasadas as eleccións xerais, se as gaña, ou se consigue governar co apoio de Ciudadanos. E utilizará outros métodos para alentar a división na protesta social, ofrecendo solucións parciais que acepten dirixentes débiles.

"Mais este cambio na correlación de forzas pode ser menor do esperado, xa que Podemos está perdendo aceleradamente peso electoral e vai limando as súas promesas keynesianas coa mesma velocidade"

Mais este cambio na correlación de forzas pode ser menor do esperado, xa que Podemos está perdendo aceleradamente peso electoral e vai limando as súas promesas keynesianas coa mesma velocidade. Podemos non ten unha base sólida, e a medida que pasa o tempo son maiores as fendas que se abren no seu interior, e non son máis visíbeis porque a súa estrutura é moi centralizada. Na práctica, a democracia interna nesta forza non é maior que a dos partidos tradicionais, e moi inferior ás que son propias da esquerda nacionalista, por poñer un exemplo. Todo se decide en Madrid, na cúpula da organización, entre unhas poucas persoas. Por se non abondase, Pablo Iglesias vese obrigado a pelexar con Ciudadanos o segundo posto en Catalunya, esmagando o discurso e a ilusión de que pode ser a forza máis votada nunhas eleccións xerais que son inmediatas.

A esta altura, malia os bos resultados electorais obtidos por Podemos e as Mareas nas autonómicas e municipais, o cambio non se nota, para alén dalgunhas decisións simbólicas (touros, igrexa, despexos, mellor relación cos movementos sociais, etc), que ademais non son unha novidade porque houbo governos da esquerda nacionalista que xa mantiñan actitudes semellantes. En realidade,  non se podía esperar moito máis, xa que non lles deu tempo. Porén, no discurso puxeron tanto énfase en que o cambio con eles ía ser inmediato, que agora fican presos da promesa incumprida, dos espellismos sementados. O certo é que o devalo destas forzas emerxentes nas enquisas é evidente, e vai a máis cada mes que pasa.

Os partidos sistémicos, da dereita ou social liberais (PP, PSOE, Ciudadanos...), están recuperando electorado, ao que axuda un contexto de medre do PIB e do emprego, malia que todo indica que o crecemento é transitorio e aumenta o emprego precario. A isto hai que engadir o feito de que Podemos e Ciudadanos comezan a amosar as súas debilidades, por mor dos límites dos cambios exclusivamente institucionais, sen base social organizada. Entón, por que Esquerda Unida non recupera os seus votantes tradicionais na mesma medida que o PSOE? A resposta é moi sinxela: porque Esquerda Unida, a diferenza do PSOE, mantén unha actitude derrotista, de falta de confianza nas súas propias forzas e liña política, procurando unha coaligazón con Podemos baixo calquera condición, mesmo diluíndo a organización propia. Ademais, o argumento da unidade da esquerda como necesario para un cambio estratéxico non é críbel a esta altura, con Podemos recuando. Daquela, como vai ser referencia para o povo unha forza que escenifica no seu discurso, na súa praxe, decote e con teimosía, unha actitude de tanta febleza?... Así non hai partido que se recupere, nen que subsista! A unidade tamén carece de calquera realismo cando se pretende entre forzas que teñen propostas diverxentes, por exemplo, entre aquelas que consideran estratéxico que o suxeito político deba ser de ámbito galego ou que deba ser de ámbito estatal.

"O argumento da unidade da esquerda como necesario para un cambio estratéxico non é críbel a esta altura, con Podemos recuando"

Analizando o contexto e as tendencias actuais, todo indica que ficou atrás o momento álxido para unha correlación de forzas institucional favorábel á loita contra o axuste neoliberal (a menos que pensemos seriamente que o PSOE vai mudar de proxecto). Da crise, os partidos sistémicos saen golpeados mais en proceso de recuperación. Agora ben, non se debería obviar que ademais esta conxuntura afectou ás organizacións rupturistas, xa que xeraron expectativas de cambios rápidos a través do voto. Nunca foi tan forte o electoralismo e ocupou un papel tan secundario a mobilización, nas tarefas e no discurso dos partidos que se definen a prol dun cambio radical. Sen un actitude crítica desta conxuntura, non se poderán superar estas eivas, que teñen raíz ideolóxica, e que atinxen os obxectivos, a folla de rota, os métodos de traballo, e mesmo o discurso e as persoas de referencia. Na actual situación de recuperación do bipartidismo (+ partidos aliados), tamén teñen a súa cota de responsabilidade, a distinto nivel, tanto Podemos como EU e a esquerda nacionalista. Uns, porque desprezaron a mobilización e o papel da militancia, outros, porque se marearon diante do espellismo institucional.

No caso concreto do nacionalismo de esquerda, a forte incidencia social, especialmente sindical, contribuíu a frear a disociación entre a presenza institucional e a mobilización social. Aínda que, pola contra, unha lectura entusiasta, carente de rigorosidade, dos procesos soberanistas en Escocia e Catalunya, xeraron expectativas de que os avances esencialmente daranse a través da vía electoral. Neste aspecto, a coincidencia co espellismo do atallo da vía Podemos rematou sendo total. Sen dúbida esta lectura simplista sementou ideas trabucadas en moitos activistas do nacionalismo galego, especialmente aqueles menos ligados á loita sindical e social. Agora ben, Escocia, (como antes Quebec), non acadou os votos necesarios para a independencia, dado que os mecanismos de control económico-social-cultural que ten o imperialismo hoxe son moitos, sen necesidade de recorrer á represión militar; e aumentaron co avance da globalización neoliberal.

"A independencia precisará da hexemonía nas institucións, e de organizacións consolidadas, dirixentes con capacidade de ilusionar, coherentes e atrevidos, moita mobilización social, confronto no eido das ideas, e dun contexto internacional propicio"

Neste intre, as loitas de liberación nacional deben poñer en xogo máis elementos de presión para incidir sobre o proceso (mobilización, axitación e organización), e así neutralizar o control mediático e os mecanismos coercitivos das clases dominantes. No caso de Catalunya, mesmo acadando maioría o soberanismo nas vindeiras eleccións, o que sería fundamental para todos os povos que loitan pola liberación, o camiño para acadar a independencia será longo, conflitivo e non exento de avances e retrocesos. Máxime cando se están a recuperar os partidos sistémicos, que non parecen moi dispostos a abrir o debate do modelo de Estado, e o PP e Ciudadanos queren limitar as competencias. E, aqueles que se apresentan como alternativos no ámbito do estado, como EU e Podemos, aceptan en teoría o que despois negan na práctica. En resumo, coma sempre, todo dependerá da correlación de forzas, non das boas palabras e das promesas.

Polo tanto, facer realidade a independencia precisará da hexemonía nas institucións, e de organizacións consolidadas, dirixentes con capacidade de ilusionar, coherentes e atrevidos, moita mobilización social, confronto no eido das ideas, e dun contexto internacional propicio. E como debemos estar preparados para o peor escenario e unha loita longa, temos que evitar ou reducir as contradicións no suxeito político, especialmente na abordaxe das cuestións laborais e sociais (que nunca se poden obviar), xa que serían aproveitadas polo sistema. Contradicións internas que se acentúan cando os intereses de clase se relegan na loita a prol da soberanía, ou/e se dilúe o suxeito político. Isto é algo que non debería ignorar o nacionalismo cando se entende como un movemento de liberación nacional e social. Non fiquemos condicionados pola foto fixa do momento, analicemos as tendencias de futuro. Fuxamos do tacticismo. Non hai liberación sen confianza no povo, acumulación estratéxica, e obxectivos e tarefas para cada etapa.

http://manuelmera.blogaliza.org/
 

A conxuntura política entra nunha nova fase