Opinión

Sobre contidos e métodos

Se ollamos o sitio web Avantar, o diario dixital da CIG, podemos ver que só na última semana a central nacionalista e de clase estivo presente nas seguintes mobilizacións: en Avigal, en Pontevedra, contra os despedimentos e os atrancos da empresa para a realización de eleccións sindicais; na asociación Cova da Terra, na Mariña de Lugo, contra a modificación das relacións laborais; en Segur Iberica por débeda de salarios; nos supermercados Froiz e e na empresa de telemarketing Atento, por modificacións das condicións laborais; en Extel contra o ERE de extinción de contrato dunha parte do cadro de persoal, (estas 3 últimas mobilización, na comarca da Coruña). En Vigo, a CIG participou nunha manifestación para esixir o indulto de Carlos e Serafín condenados por participar nun piquete informativo na folga de 2008.

Das preto de 3.000 concentracións e manifestacións que houbo no país no ano 2014, a maioría eran protestas laborais

Sen dúbida, está breve escolma non é máis que unha parte dos conflitos laborais e das mobilizacións de protesta que se están a dar neste intre na nación galega. E reflicte, tanto que a CIG segue a ser unha central sindical combativa ao servizo da clase traballadora galega (a diferenza doutros sindicatos “máis representativos”), como que a conflitividade no mundo do traballo mantense forte, aínda que moi fragmentada. Das preto de 3.000 concentracións e manifestacións que houbo no país no ano 2014, a maioría eran protestas laborais. Se poñemos o foco no acontecido na conflitividade no mundo do traballo durante este ano, veremos que a loita reivindicativa a prol de melloras nos convenios perdeu pulo en relación aos anos previos á crise, e polo tanto son excepcionais as grandes folgas sectoriais, comarcais e nacionais. Os despedimentos masivos (setenta mil asalariados/as menos que hai sete anos), e o exceso de man de obra de reserva, foron empregados pola patronal como medida disciplinaria para rebaixar salarios (nun 8,9% como media por hora traballada) e precarizar as condicións laborais (temporalidade, rotación, ritmos de traballo, horas e cotas da seguridade social que non se pagan). Deste xeito, os/as empresarios acrecentaron a taxa de lucro, e confrontaron a competencia interior e exterior sen realizar os investimentos necesarios para mellorar a produtividade.

As mobilizacións a prol de pensións dignas, ademais do éxito de asistencia, supoñen un salto cualitativo

Por outra banda, non esquezamos que a inmensa maioría das pensións (agás as dos/as autónomos e as non contributivas) están unidas aos ingresos laborais, tanto os que tiñan os/as xubilados cando estaban en activo, como aos salarios que cobra hoxe a clase traballadora. Das súas cotizacións depende o sistema, que funciona por solidariedade xeracional (erosionada polas subvencións do Governo ás cotas da Seguridade Social). Neste sentido, as protestas que se están a realizar por este colectivo teñen un nexo fundamental cos asalariados e asalariadas actuais, xa que as condicións que se lle impoñan hoxe aos/as pensionistas van afectar no futuro aos traballadores. As pensións contributivas forman parte da problemática socio-laboral do mundo traballo. Polo tanto era razoábel que a CIG convocase o 17 de novembro concentracións en todo o país esixindo pensións dignas e rexeitando a privatización do sistema, nun intre no que non está garantida a continuidade desta prestación con carácter público.

Hoxe a cuestión de clase está relegada en relación con outras problemáticas, e non se formula coa intensidade necesaria

As mobilizacións a prol de pensións dignas, ademais do éxito de asistencia, supoñen un salto cualitativo, se as comparamos con aquelas accións que se centran exclusivamente nas condicións laborais da clase traballadora en activo. Na cuestión das pensións, as protestas asumen o ámbito nacional galego, e abordan o problema no seu conxunto. Neste intre non teñen igual dimensión outros temas laborais, malia que afectan transversalmente dun xeito moi negativo e directamente á clase traballadora, sexan mulleres ou homes, mozas ou vellos. Por exemplo: a cobertura do desemprego; a temporalidade dos contratos; os baixos salarios (encetando polo salario mínimo); as horas que non se pagan, nen se cotizan; a depreciación da negociación colectiva; a lei mordaza, etc. Son raras as campañas e mobilizacións que consideran como un conxunto estes aspectos, que lle dan unha dimensión sistémica. E, sendo verdade que para conquistar cambios de fundo, que afectan ao capitalismo, hai que construílos por abaixo, empresa a empresa, comezando por aquelas nas que exista unha maior forza sindical, non é menos certo que esta mudanza necesita dunha praxe nacional e de clase, atrevida, coherente, cun programa, folla de ruta, e métodos de traballo axeitados. Como historicamente fixo o sindicalismo nacionalista.

Para avanzar na empresa e sector, cun proxecto de cambio político, cómpre organizar, formar e mobilizar a vangarda, para gañar logo os sectores intermedios. E iso implica dar a batalla no eido das ideas, tanto respecto do rexeitamento das propostas e medidas das clases dominantes que impoñen máis opresión e explotación, como do papel que lle corresponde aos suxeitos políticos e sociais transformadores na liberación nacional e social. Trátase de debater o modelo de sociedade, e de mudar o estado de ánimo das clases populares, para conseguir a súa participación e protagonismo, e poder así construír poder popular. E iso é imposíbel sen sintetizar na mobilización e no discurso os intereses xerais da clase traballadora, hoxe dispersa en mil conflitos. Máxime cando esta é a única clase con capacidade para derrotar o gran capital, o imperialismo, e a globalización neoliberal. Por exemplo, individualizar no discurso a represión, a explotación ou a discriminación, non xera por si mesmo conciencia de que eses sexan problemas centrais. Poden ser unha situación extrema, que non debe acontecer, daquela que mesmo xornais tan sistémicos, como La Voz de Galicia, fan entrevistas e notas denunciando feitos deste tipo, tanto no eido laboral, como no social. Son a árbore que impide ver o bosque. Trátase polo tanto de que o concreto forme parte do conxunto, cómpre unha visión global, que denuncie e realce as contradicións, non que cada caso se presente de xeito amorfo ou como unha excepción. Neste aspecto, o sindicalismo, os partidos que defenden os intereses populares, non o están a facer tan ben como sería necesario.

É necesario planificar e realizar campañas que impliquen axitación, asembleas de debate, mobilización, e obxectivos concretos no eido organizativo e da formación da conciencia política.

Hoxe a cuestión de clase está relegada en relación con outras problemáticas, e non se formula coa intensidade necesaria. Tampouco os partidos políticos de esquerda, e as institucións democráticas, que deberían ter unha maior sensibilidade reflicten nas súas estruturas toda a realidade social, xa que a clase obreira está practicamente ausente, malia a súa importancia numérica e cualitativa. Este afastamento permite entender o triunfo de Trump ou o avance de Le Pen, co apoio do sector da clase traballadora máis golpeado pola globalización, que se sente abandonado. A esquerda transformadora, tamén a nacionalista, debe tomar nota. Non abonda con ter cadros no sindicato, nen con dirixilo, nen con participar nas mobilizacións ou apoiar certas reivindicacións. Os reclamos laborais teñen que ter un lugar central no discurso e reivindicacións políticas no cotiá, e os cadros do mundo obreiro deben ter presenza na dirección partidaria e nas institucións. A clase obreira non pode ser tratada como se fosen alumnos/as nunha escola, ou pacientes nun hospital.

Agora ben, tamén o sindicalismo ten a súa responsabilidade nesta situación. Non pode nen debe manter unha actitude subordinada co argumento da responsabilidade e da fidelidade partidaria, hipotecando ou relegando os intereses de clase no ámbito político, cultural ou institucional. Non debe facer isto nen sequera nos países onde a loita pola soberanía é esencial, como na Galiza. Ante todo, porque nesta etapa histórica, de globalización neoliberal, non hai burguesías nacionais máis que nas potencias; e todas elas apostan polo neoliberalismo. Daquela, debe ser a clase traballadora, da que o movemento obreiro é seu núcleo, en alianza con outras clases populares, a que conquiste espazos de poder no ámbito económico, social, cultural e institucional, para garantir a liberación nacional. A nación é a xente. E iso significa, enlazando co dito en parágrafos anteriores, que o sindicalismo combativo, transformador, debe unir as reivindicacións conxunturais e sectoriais coas reclamacións xerais, de clase, democráticas populares, e a prol da soberanía. Se é posíbel realizar un paro de varios días nunha empresa ou sector, e manifestacións durante semanas, por que non o vai ser facer unha campaña de mobilización nacional que afecte a centos de miles durante varios meses? Aínda que nun contexto diferente, ese foi o debate teórico que se deu entre a INTG, por unha banda, e CC.OO. e UGT, pola outra, cando decidimos convocar as folgas nacionais de 1984, e eles dicían que non había condicións.

É necesario planificar e realizar campañas que impliquen axitación, asembleas de debate, mobilización, e obxectivos concretos no eido organizativo e da formación da conciencia política. Débese unir nun relato único a liberación nacional e social, ou sexa: a eliminación do desemprego, a garantía de traballo e pensións dignas, os servizos sociais públicos, fiscalidade progresista, democracia, soberanía, etc. É fundamental que a consigna sempre transmita idea de conxunto, proxecto, para que os/as activistas comprometidos, os/as simpatizantes, aqueles que aínda non se mobilizan, saiban cales son os obxectivos, o modelo de sociedade proposto. E ademais, que coñezan a folla de ruta para mudar a realidade a medio e longo prazo, por exemplo, con accións para todo o ano, ou cando menos para os vindeiros seis meses; que se vexa que non se trata de facer algo para cubrir o expediente. Socialización, participación, confianza na xente. Teñamos en consideración que a esquerda transformadora non posúe medios de masas para facer chegar as súas análises e propostas no curto prazo, e o metabolismo social ten os seus tempos. Asemade, o obxectivo dunha folga ou manifestación non se pode medir unicamente polo número de asistentes, nen en conseguir as reivindicacións inmediatas esixidas. Aínda que ambos aspectos sexan esenciais. É transcendental ademais que serva para a xeración dunha conciencia transformadora na sociedade, quer dicir que o acto non sexa un fin en si mesmo. Iso dálle preeminencia á divulgación dos obxectivos estratéxicos antes e despois, o que contribúe a aumentar a participación e a xerar un estado de ánimo combativo.

Ao fío do eiquí tratado, a manifestación do vindeiro 30 de novembro contra a precariedade laboral e o desemprego, por traballo digno na nosa terra, convocada pola CIG en Vigo é un paso máis no camiño correcto. Máxime cando se considera como unha continuidade da realizada o pasado 20 de setembro. Coido que o reto é estender esta iniciativa a toda Galiza, mellorala e mantela no tempo. E por suposto dar a valer a todos os niveis, mesmo coas forzas amigas, a importancia social e política da clase traballadora, nos contidos e nas formas. Senón non haberá liberación, nen social, nen nacional.

http://manuelmera.blogaliza.org/