Opinión

As contas pendentes do franquismo

O xuízo de nove activistas pola ocupación do pazo de Cornide, na Coruña, programado en primeira instancia para o vindeiro día 18 de xullo (véxase o simbolismo da data) e finalmente aprazado para o día, e a imputación contra dezanove persoas por facer o propio no pazo de Meirás, poñen os focos sobre un tema pouco tratado e non resolto: o dos abusos e coaccións da ditadura. Os pazos nomeados pasaron á propiedade da familia Franco, e foron adquiridos con métodos dubidosos ou expeditivos. No caso concreto do pazo de Meirás adobiouse para que semellase unha doazón por “subscrición popular”. A finalidade dos impulsores era agradecer ao “caudillo” os beneficios conseguidos grazas a ter esmagado ao que consideraban os tres males, segundo a doutrina do fascismo: “comunismo, independentismo e masonería”. 

Todas as persoas denunciadas polas ocupacións son militantes ou simpatizantes do BNG. Esta fronte, canda outras organizacións, realizaron durante o último ano unha intensa campaña denunciando o espolio e esixindo a restitución deste patrimonio ao povo galego. 

No libro Verdad y mentira de Franco, de José Venegas, publicado en Bos Aires en 1938, reprodúcese moita información dos periódicos do Estado español, da zona controlada polos sublevados contra a República, sobre a apropiación de bens e doazóns forzadas. Por exemplo, o xornal El Ideal Gallego do 18 de decembro de 1937 indica que: “por rexeitar de forma incorrecta o emblema de “Auxilio Social” foron sancionados polo señor gobernador civil cunha multa de 100 pesetas os veciños de Vimianzo, Manuel Rodríguez Toja e Eliseo Antelo Camaño; e o de Camariñas, Andrés Tajes Santos”. No periódico El Pueblo Gallego do 6 de xaneiro dise: “O alcalde de Mos impuxo multas de 150 pesetas a Jesusa Largo Carrera, 100 a José Pérez Lago, Daniel Rodríguez Montero e Esperanza Sotelo, 75 a Celestino Pérez e José Seijo, 50 a Bernardo Lago e Lino Aldin, e 25 a Gerardo Cameselle, por non contribuír á subscrición para o exército”. O xornal de El Ideal Gallego do 11 de febreiro de 1938 informaba de que foran multadas: “Josefa Martínez con 1.000 pesetas e José Barcia Rioboo con 500, ambos de Oleiros, pola súa marcada “tibieza” con respecto ao Movemento. E a Juan Pérez Fernández, de Ferrol, con 1.000 pesetas, por facer declaracións improcedentes”. 

Por rexeitar de forma incorrecta o emblema de “Auxilio Social” foron sancionados polo señor gobernador civil cunha multa de 100 pesetas

 

Os anteriores son só algúns exemplos, dos moitos casos recollidos no libro, e que sen dúbida son  unha mínima parte dos que sucederon. Trátase dunha información que reflicte a “normalidade” e extensión da falta de liberdades e da represión económica, un feito este último que fica esquecido, cando se compara con feitos tan traxicos como os milleiros de fusilamentos e detencións. 

Para poder superar o período dramático da ditadura franquista, fai falla, ademais de condenar o golpe, os fusilamentos e a “desaparición” de persoas por motivos políticos, e do secuestro das liberdades, ter en consideración outros aspectos. Como son: as repercusións da represión sistemática e planificada sobre a economía, a cultura e o tecido social, especialmente para as nacións que xa padecían secularmente o centralismo españolista (como Galiza). É hora de facer contas co pasado para poder seguir avanzando!!! Cómpre que se eliminen os privilexios e que se recobre o patrimonio produto da extorsión. Con seguridade esta cuestión estará presente nestes xuízos pola ocupación popular e simbólica dos pazos da familia Franco, e deberían condicionar a resolución xudicial. 

É hora de facer contas co pasado para poder seguir avanzando!!! Cómpre que se eliminen os privilexios e que se recobre o patrimonio produto da extorsión

 

Corresponderanse as sentenzas coa lóxica das evidencias e antecedentes? Debería ser así e ambos os casos ser sobreseídos. Porén, nada se pode dar por certo no capitalismo senil. Máxime tendo en conta a vixencia de leis como a “mordaza”, e recentes causas e sentenzas que deixan mal sabor de boca. Semella que, cando interesa, é tanto ou máis importante que o texto da lei a interpretación que se faga da mesma por parte da fiscalía e maxistratura (o caso de Cataluña é un exemplo). Tampouco se pode desbotar a capacidade de presión dos grupos de poder facticos (medios de información, forzas de seguridade e do exército, etc.), para intentar frear un movemento reivindicativo que vai a máis. Que se faga xustiza!!!

https://obloguedemera.wordpress.com/

 

Comentarios