Opinión

Consideracións encol do Día da Patria Galega

A manifestación do Día da Patria Galega, desta volta unitaria, foi máis unha vez un éxito de asistencia. Coido que houbo un aforo superior a outros anos, mesmo se engadimos as distintas convocatorias que se facían.

A manifestación do Día da Patria Galega, desta volta unitaria, foi máis unha vez un éxito de asistencia. Coido que houbo un aforo superior a outros anos, mesmo se engadimos as distintas convocatorias que se facían. Sen dúbida, os e as organizadores da plataforma fixeron un grande esforzo, desinteresado, xunto coas persoas que colaboraron nas distintas actuacións durante o acto final, para poñer un grao de area a prol dunha candidatura nacional galega de unidade nas vindeiras eleccións xerais, que hai que agradecer. Unha convocatoria que foi apoiada dun xeito decisivo polas forzas políticas, sindicais e sociais que participaron na mobilización, especialmente polo BNG, que sempre foi a organización que, por moita diferenza, conseguiu congregar os actos máis numerosos. Outro aspecto a destacar é a mínima repercusión que tivo a manifestación nos medios de Madrid, que son hexemónicos, reflectindo a postura das clases dominantes e dos partidos recoñecidos polo sistema en relación á cuestión dos dereitos nacionais (PP, PSOE, PP, Ciudadanos). Tampouco Podemos e IU fixeron ningunha mención á data dende as súas máximas direccións. Pasaron. Non existimos.

"Non se pode tirar como conclusión, como algúns pretenden, que este modelo de convocatoria permitise multiplicar significativamente a asistencia en relación con anos anteriores".

Dito o anterior, cómpre facer algunhas consideracións. Non se pode tirar como conclusión, como algúns pretenden, que este modelo de convocatoria permitise multiplicar significativamente a asistencia en relación con anos anteriores. Lembremos que no ano 2014 o BNG calculou en 15.000 as persoas que acudiron á súa manifestación, e outras forzas elevaron a dous milleiros os que asistiron en conxunto ás súas (Anova, Compromiso por Galiza, forzas independentistas). Tampouco se pode ignorar que unha mobilización unitaria, co que ten de competencia entre partidos, máxime neste contexto político, arrastra un maior número de militantes e simpatizantes. Daquela, que das 25.000 persoas que segundo os organizadores acudiron á manifestación este ano, aqueles que o fixeron porque a convocatoria non foi partidaria non deixan de ser unha minoría, se é que o fixeron por esta razón e non porque fose apoiada por todas elas. Tampouco semella que implicase ningún aporte numérico o apoio de organizacións de ámbito estatal, como EU e CC.OO. (esta última asinou hai pouco con Feijóo un plan de emprego que é pura fantasía, e a nivel de Estado outro coa CEOE en materia salarial que hipoteca calquera avance nesta materia).

Porén, mesmo que a cifra de asistentes fose moito maior, non xustificaría que se baixase o chanzo reivindicativo, nas consignas e no discurso no Día da Patria Galega, tanto como para que a loita a prol da soberanía e das clases populares ficase diluída, e forzas de ámbito estatal asumisen a mobilización como propia, sen que lles implique ningunha contradición. Mesmo xa hai quen considera que avala unha alianza entre o nacionalismo e a esquerda española para as eleccións xerais, deixando nun segundo plano algo tan fundamental como a autoorganización do povo galego, que é a única garantía para a liberación nacional e social. Pretendendo trasladar a Galiza o proxecto de Ahora en Común, e que, para alén da forma que se lle dea, é unha alternativa de ámbito estatal, que se reforzaría co aval dunha franquicia apoiada polo nacionalismo na Galiza. En calquera caso, resulta máis unha vez claro que lle interesa ao poder, xa que os medios relegaron o papel do BNG na manifestación, malia ser a forza que fixo un maior esforzo e tivo unha maior capacidade de convocatoria. Tamén chama a atención que os medios realzaron o papel de AGE (ANOVA e EU). Por algo será. 

Non se pode ignorar a renuncia de obxectivos estratéxicos por parte dalgunhas forzas nacionalistas, cada vez máis encerelladas no ámbito estatal, que se quere compensar nalgúns casos, como en Anova, cun maior radicalismo nos discursos e actos de consumo interno. Trátase dun comportamento moi semellante ao que mantén historicamente o PCG e organizacións afíns, que por unha banda recoñecen a Galiza como unha nación e o dereito de autodeterminación, e pola outra na práctica cotiá atacan o nacionalismo galego, non mexen un dedo a prol dun cambio sistémico e que recoñeza a soberanía nacional, facendo causa común cos intereses das clases dominantes e do españolismo. A actitude dos alcaldes das mareas da Coruña e Compostela, reflicte con toda claridade este dobre discurso, e unha folla de ruta que non conduce á liberación nacional. A unidade non se pode construír con esta filosofía. 

"Os medios relegaron o papel do BNG na manifestación, malia ser a forza que fixo un maior esforzo e tivo unha maior capacidade de convocatoria".

Os medios tamén salientaron que Podemos non apoiou a manifestación. Un erro, dado o éxito de asistencia e a oportunidade sen custes que amosaron os seus competidores directos (AGE). O partido do círculo intentaba salvar a situación dicindo que houbo militantes seus que asistiron e que “Galiza era un país mestizo” (nova leria para xustificar a colonización). 

Dende a consigna de cabeceira ate o logo, e a escenificación na praza dun acto festivo máis que reivindicativo, reflectiuse que se quería rachar co carácter histórico que viña tendo a mobilización. Coido que non era o apropiado, porque as mulleres e homes que asistimos, facémolo cunha finalidade política. A consigna non podía ser menos elevada, mesmo podía ser asumida polo PSOE e a UGT. Mais non era a correcta, porque sen soberanía, sen democracia plena, sen protección do ecosistema, sen xustiza social e igualdade, e sen defensa da identidade colectiva, non hai nación, cando menos para un país colonizado como Galiza. Tamén fuxía de toda identificación liberadora o logo, que ignorou a simboloxía tradicional e a estrela de cinco puntas; nen sequera figuraba a cor vermella do poder popular. No acto final, o espectáculo, mesmo no ton, abafou a reivindicación. Mais o festivo non é necesariamente sinónimo de optimismo, como semella que se pretendía transmitir dende o palco, como se amosou no tímido eco do público (máis espectadores que protagonistas). 

"Sen soberanía, sen democracia plena, sen protección do ecosistema, sen xustiza social e igualdade, e sen defensa da identidade colectiva, non hai nación"

No manifesto lido na Quintana neste Día da Patria Galega non se fixo unha soa referencia (ningunha!) á clase traballadora, esquecendo que os asalariados/as constitúen o 80% da povoación activa, que a explotación converteu a maioría en persoas con traballo temporal e/ou con salarios que sumen as familias na precariedade e na pobreza, e forzan á emigración, á desfeita demográfica, etc.    Tampouco se fixo unha soa referencia ás clases populares. Como se se quixese en ambos os casos fuxir do recoñecemento da loita de clases, facendo unha caracterización da sociedade galega propia de finais do século dezaoito, da Revolución Francesa. Como se clase e nación non tivesen unha relación íntima, unha interdependencia, no marco do capitalismo actual, de globalización neoliberal.   Tamén chama a atención que non se fixese ningunha mención á dependencia e á colonización polo Estado español. Só se lembra o tema en referencia ao século XIX, cando se fai un correcto resgate histórico  da Revolución de 1846 e os precursores, e de figuras tan egrexias como Faraldo e Rosalía de Castro. Ren se di da Lei Mordaza, nen do retroceso en dereitos laborais, da negociación colectiva, da regresión na fiscalidade, nen dunha Unión Europea retrógrada e das agresións imperialistas... Non é estraño que mesmo forzas non de esquerdas se visen reflectidas no manifesto. 

En todo caso, a mobilización cumpriu o seu papel, aínda que o puido facer moito mellor, sen ser excluínte das reivindicacións laborais, e facendo unha caracterización que puxese nomes e apelidos aos que nos oprimen e aos que nos explotan. As persoas que asistiron ao Día da Patria amosaron máis un ano que son milleiros os/as que loitan pola liberación nacional e social de Galiza. Porén, ninguén deu un aval para que a unidade, sempre tan importante, se faga sen colocar como central o acordo sobre o programa e a folla de ruta (como algunhas intervencións e interpretacións parecen suxerir). A unidade non é un fin en se mesmo, nen tampouco ter deputados/as (malia que sexa importante). O fundamental é que estes sirvan para dinamizar, organizar e construír poder popular, para conquistar a soberanía nacional e a xustiza social. Ou sexa, que teñan un obxectivos claros, que rendan responsabilidades diante das clases populares, mais tamén en primeiro lugar con aquelas forzas que lles prestaron o seu apoio. En todo caso, a unidade é un medio máis ao servizo dos obxectivos políticos de toda forza. Non se pode falar dela en abstracto. Cando se trata dese xeito, termina sendo un tobogán que leva á perda de identidade no político e no ideolóxico. Sería, para un proxecto como o do BNG, unha actitude derrotista, de entrega. Nas asembleas comarcais, a militancia da fronte puxo condicións mínimas a un acordo con outras forzas para unha candidatura nacional galega de unidade . 

"As persoas que asistiron ao Día da Patria amosaron máis un ano que son milleiros os/as que loitan pola liberación nacional e social de Galiza".

Lembremos, máis unha vez, que a tarefa política máis importante, para calquera proxecto político transformador é sempre a coherencia, estar na primeira liña das reivindicacións do povo, organizar e formar unha ampla militancia, a democracia interna e ter paredes de vidro, a comunicación constante coa sociedade, o atrevemento... A unidade orgánica (como sería un grupo parlamentar propio) non se pode construír, por parte de organizacións que din ter a soberanía nacional como obxectivo principal e logo renuncian á autoorganización que é un paso básico, esencial. Polo tanto, as forzas que poderían integrar o grupo parlamentar nacionalista nas Cortes non poden transmitir a idea de que se trata dun tema secundario, e iso só é posíbel facelo se todas elas teñen a autoorganización como principio. A loita no eido das ideas, da formación da conciencia política, é tan importante, ou máis, que a mobilización ou a presenza institucional. Lembremos o papel que tiveron na sociedade galega os Precursores, ou o Correo del Orinoco en Venezuela, Iskra en Rusia, ou as pintadas e oitavelas na UPG, ERGA, SOG, etc, por poñer só algúns exemplos. 

Por outra banda, non son de recibo algúns comentarios e actitudes que alentan o desprestixio dos partidos políticos e forzas sindicais e sociais, sumándose nesta campaña ás clases dominantes, que queren facer da empresa o único centro do poder. Que as persoas non estean organizadas, na política e na loita social, non se pode considerar unha virtude, senón unha carencia no aspecto práctico. Sería como considerar que un enxeñeiro sen experiencia ten máis preparación que un con de experiencia na súa profesión. Carece de todo rigor que se predique que a falta de militancia é un atributo positivo, a non ser por demagoxia, dado que esa é a situación da maioría social e da povoación menos politizada. Cales son esas hipotéticas virtudes? Cales son os partidos desprestixiados e por que? En realidade moitos dos que vociferan e dan protagonismo a unha cidadanía etérea, na práctica exercen a tope as decisións unipersoais (e a inmensa maioría están organizados en partidos que agochan as súas siglas, cinicamente). Coincide esta postura con moitos dirixentes que se queren desvincular o máis posíbel das decisións partidarias (folla de ruta e programa). Un novo tipo de autoritarismo no que o líder, en complicidade cos medios sistémicos (e polo tanto dependente deles), quere suplantar o partido, decidir as políticas e conformar os organismos ao seu antollo (e iso tamén acontece no seo do nacionalismo, aínda que sexa de xeito máis débil). 

"Non son de recibo algúns comentarios e actitudes que alentan o desprestixio dos partidos políticos e forzas sindicais e sociais"

Neste contexto, en Europa, unha ruptura democrática e a liberación nacional, teñen moitos atrancos que vencer.  E estas dificultades serán maiores sen forzas ben organizadas, sen milleiros de cadros e militantes e moito apoio social. Asemade, ningún proceso revolucionario triunfou por medio da espontaneidade, sen organización e supeditando o proxecto a salvadores supremos. Ademais, non recoñecer que hai persoas que nos partidos antisistémicos (nacionalistas e non nacionalistas) levan en moitos casos décadas entregadas á loita social e partidaria, ás veces en condicións políticas e/ou persoais de moita dificultade, é, ademais de egoísta, moi propio da clase media acomodada e da pequena burguesía, que colocan o individualismo como máxima aspiración humana. Moi propio daqueles que non saben que é a represión, a carencia de medios. Iso non quere dicir que os partidos e forzas sociais non se deban someter á crítica pública. Claro que si. Sempre! Porén a crítica ten máis valor cando provén de parte daqueles que son capaces de aceptar estar en minoría nunha organización, distinguindo o principal do secundario, amosando na práctica que valoran e realizan a unidade. Ser independente é un dereito, mais non unha alternativa dende a que se poda construír plenamente un proxecto transformador. Non sementemos ideas trabucadas, que poñen atrancos insalvábeis á liberación nacional e social de Galiza. 

"Ningún proceso revolucionario triunfou por medio da espontaneidade, sen organización e supeditando o proxecto a salvadores supremos".

O certo é, que alén das boas intencións do BNG e de nacionalistas sen partido, a ruptura de Amio foi ideolóxica, como se confirma na praxe a medida que pasa o tempo. As sucesivas demostracións de boa vontade para recuperar a unidade na práctica política non deron os resultados que algúns predicaban, e poden transmitir á sociedade unha sensación de debilidade e derrota do BNG como proxecto. O discurso de Beiras no acto posterior de Anova no Día da Patria teima nas diverxencias. Por outra banda, as mareas non son no esencial un proxecto cidadán de masas (o BNG ten varias veces máis militancia organizada), senón unha alianza de pequenos partidos que acadaron éxito electoral, mais sen unha clara fisionomía nacionalista, nen un carácter antisistémico. Todo indica que ANOVA seguirá afondando máis nesta alianza, xa que a consideran un acerto, e as reunións de Podemos con Anova e EU, segundo Breogán Riobóo, así o confirman. Teñen un carácter estratéxico, e só se quere arrastrar ou enlear o BNG para eliminalo como forza alternativa. Polo tanto, a fronte nacionalista debería afondar na única folla de ruta acorde co seu programa e posíbel, concretando axiña os socios para as eleccións xerais, se os hai, e iniciando unha campaña para conseguir os máximos apoios nas clases populares, xa que o tempo é vital para desenvolver esta tarefa. O demais é hoxe pura fantasía ou conducir o proxecto de liberación ao suicidio. 

http://manuelmera.blogaliza.org/