Opinión

Os congresos obreiros galaico-portugueses

Hai agora 120 anos realizábase na cidade de Tui o Congreso Obreiro Galaico-portugués, os días 17, 18 e 19 de xaneiro, sería o primeiro dos tres que se fixeron. O seguinte celebrouse en Viana do Castelo do 15 ao 20 de abril de 1902, e o terceiro dende o 21 ao 26 de abril de 1903 na cidade de Braga. O obxectivo destes congresos, ademais de estreitar a relación entre a clase traballadora da Galiza e Portugal, socializar experiencias e análises, e coordinar accións, era evitar a utilización de “esquirois” que a patronal contrataba aproveitando a proximidade da “raia” para suplantar os/as traballadores que fixesen folga.

O historiador Dionisio Pereira, que ten analizado este período histórico do movemento obreiro galego, dinos que a Unión Galaico-Portuguesa foi impulsada polas organizacións operarias dunha e doutra banda da raia, concretamente polo socialismo vigués e compostelán e polos seus parceiros de Porto, Braga e Viana do Castelo. A finalidade sería controlar a entrada de man de obra de Portugal que se empregaba arreo pola patronal para crebar as folgas na construción. Para nos situar no momento, convén lembrar que no ano 1901 e 1903 realizáronse dúas importantes folgas xerais na cidade de A Coruña, daquela vangarda da loita obreira na Galiza xunto co Ferrol. A folga de 1901 remata con tres mortos, 60 feridos e máis de cen detidos. O paro de 1903 sufría un abafante control da garda civil, o que non impedía a realización dun mitin da clase obreira ao que asistiron oito mil persoas.

Os xornais indicaban que na sesión preparatoria do 1º Congreso, o día 18, foron aprobadas 43 credenciais representando a 92 asociacións obreiras, nas que estaban integrados 60.160 afiliados e afiliadas. Unha cifra importante, mesmo hoxe. A presidencia sería ocupada por un delegado de A Coruña, José Rodríguez, e a vicepresidencia por Concepción Fernándes, representante dos obreiros metalúrxicos de Porto. Como secretarios delegados de Ourense, Porto, Pontevedra e Viana do Castelo. Ou sexa, a mesa presidencial era paritaria entre galegos e portugueses do norte (ou da Gallaecia do sur).

No organizativo os congresistas acordaron dotarse de dúas comisións internacionais de propaganda, unha en Vigo e outra en Viana do castelo. Ao peche do Congreso rematou o día 19 e nos días seguintes fixéronse mitins en Ourense e Vigo, para divulgar as conclusións, destacando os xornais que os locais estaban ateigados polos asistentes. O día 20 realizouse o acto en Ourense no que se axuntaron persoas dos sindicatos que participaron do Congreso en Tui, así como representantes de Ferrol e A Coruña. Ao día seguinte fíxose o mitin de Vigo na sede da Federación de Traballadores, que segundo os xornais “estaba totalmente ocupada pola concorrencia”. En ambos actos insistiuse na importancia destes encontros e na necesidade de elaborar candidaturas obreiras ou no seu defecto integrar obreiros noutras candidaturas, coa finalidade de obter representación nas eleccións municipais.

No ano 1901 e 1903 realizáronse dúas importantes folgas xerais na cidade da Coruña

Como xa se dixo, celebráronse outros dous congresos obreiros galaico-portugueses un en Viana do Castelo e outro en Braga. Ao de Viana, realizada en 1902, acudiron 36 asociacións galegas e 44 portugueses. Entre as resolucións, hai que salientar que as sociedades presentes e representadas comprometíanse a facer o posíbel por organizar en asociacións propias os operarios de todas as localidades nas que fose posíbel artellar asociacións legais, e nas que non, organizaríanse ‘grupos de propaganda societaria’ e de ‘emancipación obreira’ ficando estas adheridas ás sociedade máis próximas. Para aumentar a conciencia de clase apelaríase a edición e difusión de publicacións, folletos e libros.

Acordouse ademais que o Congreso enviase un saúdo á Secretaria Internacional en Bruxelas, sede da 2ª Internacional, e que se constituíse unha Gran Unión Libre entre as asociacións existentes para fomentar a educación e a instrución, obter mellores resultados reivindicativos e o maior intercambio cos traballadores de Galiza e de todos os demais países. No acto de clausura estaba cheo o teatro municipal (Sá de Miranda). Na súa intervención José de Cunha Júnior defendeu a alianza dos traballadores manuais e os intelectuais, o que amosa o grao de elaboración existente na época no noroeste da península respecto da política de alianzas. Esta sesión de clausura rematou con vivas que expresaban o sentimento internacionalista do proletariado.

O 3º Congreso fíxose no ano 1903 en Braga e asistiron 47 asociacións de Portugal e 30 da Galiza

O 3º Congreso fíxose no ano 1903 en Braga e asistiron 47 asociacións de Portugal e 30 da Galiza. Os medios destacan neste encontro a intervención de Custodio Dantas, un delegado dos refinadores de azucre do Porto, que fixo a seguinte reflexión contra os monopolios acompañada dunha proposta de resolución posterior: “Considerando que é da máxima necesidade que a clase traballadora estea unificada como un só home para o mellor emprendemento das súas loitas contra os explotadores da humanidade. Considero que é preciso combater de xeito intransixente non só a explotación fabril que non se xustifica, mais igualmente todos os monopolios que se comezan a desenvolver e que constitúen a maior explotación...”  Unha valoración que reflicte o grao de politización dos debates e resolucións deste encontros entre a clase traballadora de dous povos irmáns. Hai cento vinte anos!

Respecto de que non continuasen estes congresos obreiros, o historiador Eliseo Fernández, conclúe que: “infelizmente o Congreso de Braga puxo termo ao percorrido da Unión Galaico-portuguesa. O Congreso de Pontevedra foi adiado pola coincidencia co Congreso de Agrupacións Socialista de Galiza, e finalmente non chegou a realizarse. A tentativa da solidariedade obreira de superar as fronteiras artificiais malogrouse, mais os seus froitos ficaron por moitos anos entre os obreiros das dúas marxes do Miño (“O declínio da Uniao Galaico-Portuguesa” Diario Liberdade, 14-02-11).

Notas:

A) No ano 2011 a CIG editou un folleto encol deste tema que se pode atopar na páxina da Fundación Moncho Reboiras (https://www.fundacionmonchoreboiras.gal/app/pdf/web/viewer.html?file=https://www.fundacionmonchoreboiras.gal/files/publicacions/2011/Congresos-galaicoportuguesesweb1.pdf).

B) Congressos operários Galaico-portugueses no Dealbar do século; de Victor de Sá; Revista Tecnica do Trabalho.

https://obloguedemera.wordpress.com/

Comentarios