Opinión

Conflito Rusia-Ucraína: ensinanzas e escenarios posíbeis

Aínda que o conflito armado neste intre sexa exclusivamente entre Rusia e a Ucraína, o certo é que se trata só dun aspecto dunha confrontación moito máis ampla e profunda entre as potencias imperialistas tradicionais e aliados (comandadas polos Estados Unidos) e as potencias emerxentes que pretenden abrir as portas a un mundo multipolar e ter polo tanto un maior protagonismo. Non se trata, como despois da Segunda Guerra Mundial, perante a Guerra Fría, dun choque entre dous modelos económicos e sociais distintos, aínda que haxa matices, e o papel do sector público e da participación e dereitos sociais non teña igual entidade en todas as potencias. Mais sempre será máis positivo para a clase traballadora mundial e o respecto pola soberanía de todas as nacións un marco no que o poder estea repartido ao máximo. Ou sexa, que non exista unha única potencia, mesmo que teña outras asociadas, que impón seu dominio mundial, como neste caso é os Estados Unidos, aínda que cada vez estea máis cuestionado, tanto este como o propio capitalismo.

O conflito actual entre potencias avivase coa invasión da Ucraína, algo que en foto fixa e lectura interesada bota a responsabilidade sobre Moscova, mais non se poden ignorar os antecedentes, xa que é consecuencia do cerco da OTAN á Federación Rusa e dos ataques constantes de Kiev ás repúblicas de Donetsk e Lugansk, e de se ofrecer esta como punta de lanza contra a seguridade do país máis extenso do mundo (exercicios militares conxuntos e solicitude de ingreso na OTAN). Tampouco se pode obviar que malia ter asinados os acordos de Minsk os sucesivos governos da Ucraína negáronse a cumprilos na práctica, hipotecando unha saída pacifica que respectase a diversidade do país, a súa parte de lingua e cultura rusa, que non é pequena. Consideróuselles terroristas e buscouse o apoio externo nas potencias occidentais, que viron a ocasión para debilitar a Rusia como potencia, e con ela a moitos países que en distintos lugares do mundo procuran botarse das costas a opresión e sobre explotación dos Estados Unidos ou/e dos seus socios de primeira liña.

Evidentemente estas contradicións danse porque o grao de centralización e concentración da riqueza e do poder é tal que as grandes potencias só poden seguir aumentando beneficios na disputa entre elas. Isto implica, neste momento histórico, dar azos ao enfrontamento entre as potencias hexemónicas tradicionais e as emerxentes, especialmente Estados Unidos e a Unión Europea por unha banda e China e Rusia pola outra. Existen outras potencias rexionais que non se poden obviar cando se realiza unha análise máis polo miúdo. En resumo, o sistema económico e social alenta a confrontación entre nacións, acrecenta da desigualdade entre territorios e entre clases sociais, agrava a desfeita ecolóxica, e dá folgos á corrupción, especulación e violencia en todos os ámbitos.

O preocupante é que este aumento das contradicións do sistema, danse nun marco no que a esquerda rupturista aínda non superou a caída da Unión Soviética, e tanto no ámbito político como social, moi especialmente na clase traballadora, houbo un importante retroceso na oferta partidaria dun proxecto transformador, (que asumise os acertos e erros daquelas experiencias). Ou sexa, contar cunha folla de ruta, unha política de alianzas, e uns métodos de traballo, que disputen non só a rúa senón a formación da conciencia social, gañando así a iniciativa e creando unha ampla base activa e protagonista do cambio. Son dos que pensa que este proceso está en marcha, tanto pola falta de proxectos de futuro para un sector da sociedade cad vez máis amplo no marco do capitalismo (que garantan xustiza social, dereitos democráticos reais e soberanía), como polo aumento das contradicións no sistema e entre potencias.

Agora ben, o conflito armado a esta altura, a dous días de comezar, xa deixa ensinanzas. A primeira, a enorme fortaleza do exército ruso convencional, e súa elevada capacidade tecnolóxica, xa que non só neutralizou os ataques ás repúblicas de Donetsk e Lugansk, senón que ademais destruíu boa parte do aparello loxístico da Ucraína de localización de forzas inimigas, avanzou no sur e arrodeou a capital (base aérea e control do subministro de enerxía a Kiev). O segundo aspecto a ter en consideración é que á hora da verdade a Ucraína ficou soa, malia todas as promesas, como o recoñecía Zelenski un día despois de que comezase a “operación especial” das forzas rusas. A terceira cuestión é que no Estado Español condenouse sen matices a acción de Rusia (tamén por UP), como se non houbese un proceso previo, unha negación da Ucraína aos pactos de Minsk e un contexto de disputa entre potencias. Será porque se poñen por diante intereses moi concretos que asocian á Unión Europea co paraugas militar dos Estados Unidos? Tratarase de garantir os beneficios empresariais en América Latina? Actitude ben distinta a do BNG, que coido fixo un comunicado correcto para o momento, tendo en consideración a distorsión dos medios e a correlación de forzas.

Non é doado saber cal vai ser a saída deste conflito armado, xa que tanto se pode agudizar a confrontación, forzando a que Rusia ocupe todo o territorio ou gran parte del. Mais a mellor solución sería que se realizase a reunión pedida por Zelenski e lograr un acordo, que pasaría pola garantía de que a Ucraína seria neutral (non OTAN). Porén, para que fose aceptado por Moscova debería contemplar outros aspectos: a non realización de exercicios militares con esta organización e Estados Unidos, recoñecemento da autonomía a Lugansk e Donetsk, aceptar que Crimea forma parte de Rusia, e restablecer relacións diplomáticas e comerciais de boa veciñanza. Non son cuestións doadas de aceptar por Zelenski, mais negarse implica a continuidade da guerra e ocupación do país en poucos días, aínda que queden bolsas de resistencia.

Este último escenario, o mais negativo é o que máis lle interesa a Estados Unidos e países aliados, aínda que non a todos. Permitiríalles manter as sancións coa finalidade de esmagar a economía de Rusia. Tanto para a Ucraína como para Rusia (tamén para China e outras nacións que manteñen políticas soberanas), acadar rapidamente un acordo de paz sería a mellor solución, xa que evitaría  maiores efectos negativos sobre a economía e a vida das persoas que son propias dun conflito, mesmo que non se estea na liña de fronte.

Agora ben, un acordo entre Rusia e a Ucraína non garante o fin das sancións de Estados Unidos e máis a UE, porén deixa en evidencia que o enfrontamento, e as sancións, eran o obxectivo das potencias hexemónicas, daquela que se alentase dende hai meses a confrontación ao máximo. Esta constatación tan evidente crearía diverxencias dentro da Unión, tanto por razóns políticas como polos custes económicos desiguais. Por último, que se avance tan rápido na procura dunha solución dialogada, pola paz, sería tamén unha demostración práctica de que para construír en común é importante recoñecer a diversidade e que os dereitos implican obrigas para todos e todas, persoas e países. Cómpre rematar co hexemonismo, coa lei do máis forte.