Opinión

Confinamento e democracia

Dende a vixencia do Estado de Alarma, que tiña coa finalidade expresa de reducir ao mínimo o movemento da povoacion, para evitar a propagación do Covid-19, ademais do confinamento e do peche dalgunhas actividades, tamén se suprimiron ou minguaron dereitos democráticos básicos. Nos dous primeiros aspectos comentados, sanitario e da actividade económica, existe un certo debate político e social, que os medios destacan e analizan, tanto respecto das medidas tomadas como daquelas que se deberían poñer en práctica no futuro. Mais, pouco se trata do relativo á normalización da actividade política e sindical, como se está residise en exclusiva nas institucións, tamén naquelas non electas a través do voto.

Agora ben, non se pode obviar que as institucións teñen unha composición que moitas veces non representa con exactitude a realidade, polo que a mobilización laboral e social xoga un papel corrector transcendental, a prol da defensa dos intereses das clases subalternas (tamén das nacións dependentes). Daquela, que sexa neste aspecto de moita importancia cales son as características do confinamento e como se producirá a “desescalada”. Non é unha cuestión secundaria. Por exemplo, a CIG está denunciando despedimentos masivos durante o Estado de Alarma, aproveitando a pandemia e que as inspeccións e o aparello xudicial están desbordados ou parados, e o confinamento impide realizar accións de protesta. E mentres o Governo fai propaganda das axudas concedidas (necesarias, mais insuficientes), esquece que ao non reforzar as oficinas de emprego e as inspeccións de traballo non se asegura o pago a tempo dos ERTE, e non se garante que as empresas en activo cumpran cos requisitos de seguridade necesarios.

CIG está denunciando despedimentos masivos durante o Estado de Alarma

Polo tanto, na “desescalada” é un aspecto esencial que a sociedade poda recuperar o máis pronto posíbel a posibilidade de realizar actos, manifestacións, debates, e todo tipo de accións para expresar a súa opinión, non dependendo en exclusiva dos medios de comunicación e das redes, xa que nelas o peso das forzas políticas e económicas é hexemónico. E de non ser posíbel no inmediato esta recuperación do dereito de reunión e mobilización o Governo débense ofrecer opcións alternativas, como a de dar tempo aos partidos e sindicatos en programas específicos nos medios de comunicación públicos de radio e televisión (algo que por certo sucede en moitos países, mesmo en situacións normais e que está máis que xustificado neste contexto excepcional). Ou interesa reducir a participación, o pluralismo político, a visión da clase traballadora?

Na loita contra o Covid-19, ademais da evidente preocupación por eliminar o virus, semella que por parte do Governo e dos principais partidos da oposición a nivel do Estado existe un interese por relegar o papel das autonomías e dos partidos soberanistas, e reducir o debate político aos marcos do sistema evitando grandes cambios. Tamén chama a atención que, utilizando a escusa das fake news, póñase a debate a pretensión de excluír da rede certas opcións. Non se usará mañá este criterio con aquelas que no social e nacional rachan cos marcos impostos polas clases dominantes que, para alén da explotación e opresión, lévannos polo camiño do desastre. O Governo de coalizón debería aclarar estes temas. Mentres non o fai, nas roldas de prensa sobre o Covid o exército e forzas de seguridade teñen un protagonismo incomprensíbel, mesmo en número e nun tema sanitario. Casualidade? Non o creo. Que se pretende vender con estas imaxes e por onde se nos quere levar?

https://obloguedemera.wordpress.com/